CARRAL REPITE COMO ESCENARIO DE 12 OBRAS DO CICLO DE TEATRO DE OUTONO
O teatro cobrará protagonismo na recentemente estreada nova estación. Da man dunha nova edición do Ciclo de Teatro de Outono, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá a representación de 12 funcións. Estas levaranse a cabo ao longo dos meses de outubro e novembro, ofrecendo propostas para os veciños e veciñas de todas as idades. A primeira levarase a cabo este venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas.
A compañía Constraproducións será a encargada de inaugurar o programa con Apaga o candil (venres, 4 de outubro, ás 20.30 horas). A obra conta a historia do encontro entre o d’O Xestal e outro home miúdo e melancólico, a morte. Nun primeiro momento, o protagonista resístese a seguila pero, finalmente, remata por establecerse unha dinámica e amena tirapuxa entre ambos os personaxes.
Unha semana despois, Teatro do Miolo tomará o relevo con Saíndo do cerco (venres, 11 de outubro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Suso, o novo residente dun centro asistencial de maiores que cre que a estas alturas, xa non merece a pena vivir. Todo cambia cando coñece a Amalia, que lle axudará a atopar de novo o sentido da vida.
Ao día seguinte (sábado, 12 de outubro 19.00 horas), e como parte do Festival de Galicreques, Titerefué e Titiritainas Teatro de Títeres chegará a Tabeaio con Diente de leche. Está dirixida a nenos e nenas maiores de 4 anos que descubrirán a misión do Rato Pérez: recoller os dentes de leite que as nenas e nenos deixan baixo das almofadas para convertelos en estrelas.
O auto do castromil será a seguinte representación o venres, 18 de outubro, ás 20.30 horas. Neste traballo de Producións Teatrais Excéntricas, a historia acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Mentres os viaxeiros dormen e o condutor fai o seu traballo, as maletas amotínanse e cobran vida para repasar unha curiosa historia de Galicia.
O venres, 25 de outubro, ás 20.30 horas Malasombra levará aos escenarios Testosterona, onde o director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dalgún dos seus subdirectores: unha muller ou dous homes. A obra reflexiona sobre as razóns que influirán nesa decisión.
Emotivas, de Titiritres, será a seguinte proposta do Ciclo de Teatro de Outono, encadrada tamén no Festival de Galicreques (sábado, 26 de outubro, ás 19.00 horas). Na obra, Melancolía, Irritación e Seguridade descubrirannos o que son as emocións, como nos fan sentir e o divertidas e complexas que son.
Programación de novembro
O Concello inaugurará o mes con Iphixenia na porta do súper, de Compañía Humana (venres, 1 de novembro, ás 20.30 horas). Nela cóntase a historia de Iphixenia, unha nini de barrio que pasa os días nun bucle de alcol e apatía. Porén, esta dinámica cambia cando coñece a un rapaz distinto dos demais e que lle fai sentir que non está soa.
Made in Galicia, de Sarabela Teatro, aterrará en Tabeaio o venres, 8 de novembro, ás 20.30 horas. Trátase dunha comedia sobre o uso do galego que mestura a divulgación, a ironía e a realidade dun xeito perfecto.
Teatro Arroutada de Carral volverá actuar no Ciclo de Teatro o venres, 15 de novembro, ás 20.30 horas. Nesta ocasión, con Chicago, na que se conta a historia de Roxie Hart, unha muller que soña con subir ao escenario do Club Onyx pero que remata no cárcere tras ser acusada de asasinar ao seu amante. Alí coñece á súa admirada Velma Kelly, unha estrela do jazz condenada tamén por matar ao marido e á irmá. As vidas de ambas as dúas mulleres acaban entrelazándose.
A Tropa do Rueiro de Tabeaio (teatro amador) tomará a remuda o 16 de novembro, ás 20.30 horas, con La profecía. Precisamente, a historia transcorre nunha vila onde hai unha profecía: o home máis rico morrerá á medianoite. Casualmente, ese é o alcalde, que recorrerá aos seus concelleiros para que lle axuden a atopar unha solución ao problema.
Roi Borballas chegará ao municipio con Solo, onde o artista reflexionará sobre os pensamentos e sensacións dun actor sen o seu público, dun pallaso cando ninguén o observa. Será o venres, 22 de novembro, ás 20.30 horas.
Crisálida, de Caramuxo Teatro, pechará a nova edición o venres, 29 de novembro, ás 20.30 horas. A función está baseada en feitos reais, descubrindo a historia dunha mercería que leva ese nome e que ten xa máis de 80 anos de existencia.
A entrada será libre ata completar aforo. En todo caso, unha vez que estea iniciada a función, non se permitirá o acceso á sala.