CARRAL ACOLLEU A XVII EXHIBICIÓN DE PATINAXE
A Concellería de Deportes contou coa participación de 9 clubs/escolas e un total de 205 patinadores.
O pavillón municipal de Carral acolleu o sábado 9, unha nova edición da Exhibición Municipal de
Patinaxe Artística organizada polo concello de Carral e o club de patinaxe Alquimia. Comezou ás 17.00 h e rematou sobre as 18.45 h., momento no que todos os participantes recibiron un agasallo conmemorativo do evento.
Nesta cita deportiva, puidemos contar coa presenza de 9 clubs de patinaxe, colexios e escolas deportivas municipais de diversos puntos da xeografía galega – o club Anca (Lugo), o club Raiola (Ferrol), o CEIP Emilio González López de Brexo Lema (Cambre), o club de patinaxe Costa da Morte, club Velúa (Malpica), Mesón do Vento (Ordes)o club A. Cambre, Club Alquimia Carral e a Escola Deportiva Municipal de Carral-. En total reuníronse 205 patinadores de idades comprendidas entre os 4 e 17 anos e moitos máis acompañantes (ao redor de 450 espectadores). As patinadoras amosaron as súas habilidades sobre as oito rodas o longo das 18 actuacións das que constou o certame. En primeiro lugar foron as máis pequenas as que nos amosaron as súas aprendizaxes nestes primeiros meses de adestramento. Tomáronlles o relevo as patinadoras infantís e por último mostraron as súas destrezas as “veteranas” da especialidade.
Ao rematar as actuacións o edil responsable da área deportiva municipal, Rubén Regueira, fixo entrega dunhas medallas conmemorativas a todos os participantes e, ás adestradoras convidadas, duns ramos de flores como agradecemento ao enorme esforzo mostrado na preparación destes grupos.
Doutra banda, a concellería de deportes, está a ultimar os preparativos para a realización dos seguintes eventos deportivos; o II torneo de ximnasia rítmica de Carral e o certame anual da modalidade, que terán lugar o próximo 30 de abril ao longo de todo o día tamén no pavillón do Espiño e na que se agarda contar coa presenza de ao redor de 170 nenas.