ALEX E DAVID GAÑAN O I TORNEO DE PÁDEL POR PARELLAS DE CARRAL

Foron un total de 16 as parellas inscritas nesta I edición do torneo de pádel.

Torneo PádelDesde mediados de setembro ata o 12 de outubro veuse disputando o I Torneo de Pádel por parellas de Carral nas novas pistas municipais situadas no Complexo deportivo de Carral.

Con 32 xogadores inscritos, esta primeira edición do torneo foi un éxito.  As parellas distribuíronse en 4 grupos para a disputa dunha liguiña na que se enfrontaron todos contra todos e que durou ata o día 4 de outubro. Destes grupos, clasificáronse os 2 primeiros, conformando así as fases finais, que se disputaron a partir do mércores 5.

 

Foi o mércores 12 cando, tivo lugar a gran final. Ás 16.00 h, a parella formada por Alex e David enfrontáronse a Samuel e Marcos na disputa dunha final moi rifada; despois de máis de hora e media de encontro, o marcador decantouse finalmente ao lado de Alex e David cun resultado de 2/6 6/3 e 1/6.

 

Ao terminar o encontro o concelleiro de deportes, Rubén Regueira, fixo entrega dos trofeos ás dúas parellas finalistas.

 

Fotos Torneo

 

O próximo proxecto, cubrir as pistas

O torneo disputouse entre os meses de setembro e outubro nas recentemente estreadas pistas municipais de pádel, que se abriron ao público a finais deste verán tras concluír as obras de peche perimetral.

 

Este equipamento deportivo, que se construíu grazas a un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, está composto por dúas pistas regulamentarias con paredes de cristal, malla metálica e unha superficie de céspede artificial de última xeración.

 

Desde a súa apertura, estas foron unha das instalacións municipais con máis uso, sendo necesario reservar a hora de xogo con varios días de antelación. Hai que ter en conta que nestes primeiros meses de funcionamento o custo polo uso da instalación, de xeito promocional, é gratuíto. Con todo, durante o próximo ano, aprobarase unha ordenanza de taxas na que se establecerán uns prezos populares para os usuarios en xeral e ademais bonificados para os socios do Complexo Deportivo de Carral.

 

Doutra banda, e co obxecto de mellorar o uso do equipamento, o Concello prevé acometer as obras para cubrir ambas as pistas mediante unha subvención FEADER solicitada en 2015 á Xunta de Galicia.