TÍTERES BABALUVA PRESENTA O CREBANOCES EN TABEAIO
Dentro do ciclo de Teatro de Outono que organiza o Concello de Carral, a compañía galega Títeres Babaluva presenta no local Xente Nova de Tabeao, a obra O Crebanoces. A función terá lugar o vindeiro domingo ás 19:00 h.
Na noite de Nadal o padriño regálalle á pequena Clara un crebanoces con forma de boneco. De tanto partir noces, o boneco acaba rompendo e Clara desgústase moito. Para consolala o padriño contaralle a historia do boneco Crebanoces, xa que o Crebanoces en realidade é un valente personaxe que loitou co seu exército de xoguetes contra a raíña dos ratos.
O Crebanoces é un espectáculo para monicreques inspirado no conto de Hoffmann e dirixido a público familiar. No espectáculo emprégase a música que creou Tchaikowsky.
O ciclo Teatro de Outono rematará o venres 30 de decembro, ás 21:00 h, co espectáculo de Cándido Pazó, Memorias dun neno labrego. É a función prevista para o pasado 3 de decembro e que se suspendeu por mor dunha indisposición do actor.
Esta programación teatral organizada pola Concellería de Cultura, conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.