ESTE VENRES REPRESÉNTASE EN TABEAIO MEMORIAS DUN NENO LABREGO
O vindeiro venres 30 de decembro Tabeaio recibe a Cándido Pazó para a representación de Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Esta función fora suspendida aprincipios de mes por indisposición do protagonista da obra.
A obra presentarase no local Xente Nova ás 21:00 h. A entrada é de balde e as localidades limitadas.
Este espectáculo foi estreado no ano 2011 celebrando o 50 aniversario da primeira publicación en Buenos Aires de Memorias dun neno labrego, o libro máis lido, publicado e traducido da literatura galega, leva acumuladas unhas 200 funcións por Galicia e diversas localidades de Europa e América.
Memorias dun neno labrego é un espectáculo emotivo e divertido que combina a experiencia de Cándido Pazó como autor, actor e director, coa súa recoñecida traxectoria como conteiro e monologuista. Un espectáculo de gran atractivo visual, apoiado por un coidado traballo de videocreación que, combinado cunha elaborada iluminación, debuxa unha suxestiva escenografía das emocións. Mistura textos da obra de Neira Vilas con materiais da tradición oral e a memoria colectiva, combinando humor e emoción, evocación e anécdota, elaboración e improvisación.
Con esta obra teatral a Concellería de Cultura pecha a súa programación do ano 2016, na que houbo un total de máis de 60 actividades ou eventos.