CARRAL ACOLLE A 10ª PROBA DA COPA GALICIA DE CICLOCRÓS

290 ciclistas chegados de todos os puntos de Galicia, e tamén de Asturias e León, mediranse no circuíto da parroquia  carralesa de San Vicente de Vigo.

WhatsApp Image 2018-11-22 at 13.15.59Este domingo celebrarase o I Ciclocrós  Concello de Carral, 10ª proba da Copa Galicia de Ciclocrós que se desenvolve ao longo de toda a xeografía galega desde outubro a decembro.

A proba ciclista, abalada e convocada pola Federación Galega de Ciclismo, está organizada pola Pena Ciclista Monte  Xalo coa colaboración do Concello de Carral. Son case 300 os corredores inscritos nas diferentes categorías (desde cadete a máster) e de diversas procedencias (Galicia, Asturias e León). A proba desenvolverase nun circuíto de máis de 2 km, habilitado no lugar de  Taramuño – San Vicente (parroquia de Carral) entre as 10.00  h e as 13.15  h

Entre os favoritos á vitoria, atópase  Andrés  Calvete  Candal (Máster 30), membro do club organizador e vencedor das 9 probas anteriores e que, salvo sorpresa, volverá subir todo o máis alto do  pódium este domingo á 13.15  h, momento no que se fará entrega dos premios aos tres mellores corredores de cada categoría.

Para o correcto desenvolvemento da proba, desde o concello de Carral atendendo á seguridade do espectáculo, estableceu o peche das estradas periféricas ao circuíto, facilitando o tránsito a pé dos deportistas e espectadores. Unha vez terminada a proba deportiva restablecerase o tránsito normal de vehículos.