CARRAL FAVORECERÁ A CONCILIACIÓN DE 140 FAMILIAS DO MUNICIPIO A TRAVÉS DOS CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DE VERÁN
Favorecer a conciliación da vida laboral e familiar durante a época estival é, máis que nunca, unha prioridade para o goberno local. Baixo esa premisa, o Concello organizará, ao longo de todo o verán, os campamentos de verán, que están incluídos dentro da programación deportiva de actividades de conciliación para as familias. Nesta edición, o Concello oferta un total de 140 prazas para nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. O período de inscrición acaba de abrir, e as persoas interesadas poderán presentar a solicitude ata o 26 de xuño.
Co fin de axustar a organización desta medida ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas polos organismos sanitarios, o Concello mudou o lugar de celebración. Nesta edición, os campamentos terán lugar no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza. Os rapaces e rapazas estarán separados en grupos formados por un máximo de 10. Antes de entrar no recinto, os nenos e nenas deberán desinfectar as mans. Ademais, os maiores de 6 anos deberán empregar a máscara de xeito obrigatorio sempre e cando non se poidan garantir as distancias de seguridade. A maiores, o Concello establecerá quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.
Os campamentos levaranse a cabo en tres quendas. A primeira comezará o día 1 e prolongarase ata o 24 de xullo. Ao longo das semanas, os e as participantes realizarán actividades como multideportes, xogos tradicionais, actividades culturais, excursións, etc. A segunda quenda terá lugar entre o 27 de xullo e o 14 de agosto, e a temática central será o inglés. Por último, o Concello organizará unha terceira entre o 17 e o 28 de agosto.
As solicitudes tramitaranse, exclusivamente, a través do correo electrónico casadacultura@carral.es.