A PISCINA ACOLLE UNHA NOVA EDICIÓN DE MÚSICAS ÍNTIMAS
MJ Pérez e Lulavai serán as artistas que conforman o cartel da 7ª edición do ciclo Músicas Íntimas: concertos na piscina, que terá lugar na fin de semana do 31 de xullo e 1 de agosto.
MJ Pérez, que actuará o sábado en formato dúo, é unha das novas voces da música galega. Cantautora que iniciou a súa traxectoria no 2014 e que acumula máis de 100 concertos, 4 discos, o premio Xuventude Crea, ademais de ser finalista noutros certames. A música de MJ Pérez bebe da esencia da canción de autor, unha fusión de diversos estilos musicais co predominio do rock-pop ata o de agora, mais co seu novo disco emprende un cambio de rumbo no que os ritmos latinos e a música de raíz están máis presentes. A palabra e a mensaxe dos temas cobra especial protagonismo xunto coa voz de MJ, cargada de personalidade. O seu concerto en Carral servirá para presentar o seu novo disco “A luz prendida”.
O domingo toman o escenario o cuarteto Lulavai, una formación única no que a polifonía se xunta aos fermosos sons das arpas celtas nuns elaborados arranxos de temas tradicionais e de compositores galegos. Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz formaron Lulavai no 2008, gravaron 3 discos e acumulan concertos realizados por Galicia, o resto de España e Portugal. O seu concerto será un percorrido por temas propios, adaptacións da nosa música tradicional, con temas tranquilos e outros máis rítmicos, empregando as arpas celtas e outros instrumentos de percusión tradicional.
Para ambos os dous concertos as localidades son limitadas, polo que é necesario reservar convites na Casa da Cultura antes das 14:00 h. do venres chamando ao 981 672 580.
O ciclo Músicas Íntimas é o evento musical de referencia de Carral que cada ano chega no verán con propostas galegas de gran calidade e aceptación por parte do público.
No caso de meteoroloxía desfavorable, as actuacións trasladaranse á Casa da Cultura, dando acollida ás primeiras 25 reservas de entradas de cada concerto.