ACTIVIDADES CULTURAIS DA SEMANA NO CONCELLO DE CARRAL
VOLVEN OS CONTACONTOS Á BIBLIOTECA MUNICIPAL
Despois do descanso do verán, volve a programación de contacontos infantís á Biblioteca municipal. A primeira sesión será este xoves ás 18:00 h. a cargo de Trinketrinke Teatro cunha función tituladas “Familias diversas”.
Para asistir é necesario reservar entradas chamando ao 981 672 580. O aforo é limitado.
DÚAS COMPAÑÍAS DE PERÚ E ARXENTINA VISITAN CARRAL CO FESTIVAL GALICREQUES
Os sábados 2 e 9 de outubro, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá as funcións que Galicreques levará a cabo en Carral para público familiar.
O espectáculo deste sábado titulase Títeres a cielo abierto, do artista arxentino Manu Mansilla. É un espectáculo familiar que invita ao público a interactuar a través de tres divertidas historias. Un monstro do centro da terra parece un terrorífico ser. Pero rapidamente descubriremos que, en realidade, é un sociable e tenro monstro alaranxado. Un cuadrilleiro chamado Perigo vén decidido a conquistar o mundo e buscará entre o público os seus novos secuaces. Conseguirá encontrar algún neno “malvado” que lle axude a concretar o seu maléfico plan ou será máis forte o desexo de protexer o noso planeta e os seres que viven nel? Manu e o seu monicreque, Luís, intentan poñerse de acordo sobre quen dos dous manda, un conflito clásico onde Luis ensinará a Manu a ver as cousas dende outro punto de vista.
A función do sábado 9 de outubro será a cargo da compañía peruana Hugo e Inés cun fermoso e simpático espectáculo titulado Body Rhapsody.
Para asistir ás obras de Galicreques, que comezarán ás 20:00 h, haberá que reservar entradas chamando á Casa da Cultura ao 981 672 580 antes das 14:00 h. do venres anterior a cada espectáculo.
A ASOCIACIÓN A BARCAROLA PRESENTA EN TABEAIO A SÚA OBRA TEATRAL “O SATANASIÑO”
A compañía de teatro amador A Barcarola Teatro presente este venres en Tabeaio a obra O Satanasiño. Será ás 20:30 h.
Esta obra cóntanos que os veciños dunha vila non saben que quen predica o cumprimento dos mandamentos é o primeiro que os quebranta. O sacerdote e a ovella do rabaño son a mesma persoa. Un nome resoa por todo o lugar: O Satanasiño. O párroco ten todo baixo control ata que Brais e Uxía chegan á vila. Será capaz o Satanasiño de converter a estes dous irmáns en discípulos dos seus pecados?
Do mesmo xeito que nas outras actividades, para asistir como público é necesario reservar as entradas chamando á Casa da Cultura.