CARRAL INSTARÁ Á XUNTA DE GALICIA A QUE DECLARE A NULIDADE DO PARQUE EÓLICO DAS ENCROBAS

  • A corporación municipal aprobou, por unanimidade dos votos, a moción presentada por Alternativa dos Veciños sobre esta construción

O Concello de Carral instará á Xunta de Galicia a declarar a nulidade do procedemento e o arquivo do expediente para a construción do parque eólico das Encrobas. Así se acordou onte durante o pleno ordinario, no que se aprobou esta moción presentada por Alternativa dos Veciños. O documento, ao que se sumou o PSOE, foi aprobado por unanimidade dos membros da corporación municipal. Entre os motivos, a moción reflicte as
deficiencias deste proxecto, así como as consecuencias que o parque eólico terá a nivel social e ambiental.

Como se explicou no pleno, este documento reflicte as demandas e solicitudes trasladadas tanto polos propios veciños e veciñas como polas diferentes asociacións do municipio como Brexa Custodia do Territorio e a plataforma Salvemos o Val de Barcia e O Monte Xalo.

Por unha banda, a moción indica que algúns dos autogeneradores do parque eólico de Meirama están máis próximos aos das Encrobas que entre si, compartindo, ademais, a rede de transporte, distribución e subestación situada en Meirama. Ambas as construcións suman, en total, unha potencia de 69 MW. En definitiva, segundo reflicte o documento, debería ter consideración como un único parque eólico, tendo que pasar a súa competencia á Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno de Galicia en lugar da a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Pola outra, o proxecto baséase nas áreas de desenvolvemento eólico definidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia de 2007, que foi aprobado sen avaliación ambiental e que está pendente de normativa de desenvolvemento. Segundo reflicte a moción, este documento podería considerarse obsoleto, sobre todo tendo en conta que as dimensións dos aeroxeradores aumentaron considerablemente e que non se comprobou se a distancia de 500 m a núcleos de poboación será suficiente para evitar as molestias aos veciños e veciñas.

Como expuxo en grupo durante o pleno, este proxecto terá efectos en canto á ocupación do chan, ruído, eliminación da vexetación, alteración das augas superficiais e subterráneas, paisaxe, fragmentación de hábitats, despoboamento rural, etc. A isto haberá que sumar, ademais, as afección sobre espazos naturais e elementos patrimoniais protexidos.

Durante o período de exposición pública, o Concello presentou dúas alegacións ao proxecto do parque eólico, unha delas en canto ao aspecto urbanístico e outra ao ambiental.