VERMUFEIRA, O NOVO PROGRAMA CO QUE O CONCELLO BUSCARÁ ESTIMULAR AS COMPRAS NOS MERCADOS DO ÚLTIMO DOMINGO DE MES
Estimular as compras nas feiras municipais. Ese é o obxectivo que o goberno local de Carral aspira conseguir con Vermufeira, un programa que ofrecerá sesións vermú en coincidencia cos mercados do último domingo do mes. Trátase dun proxecto piloto que se probará, por primeira vez, na cita do domingo, 30 de outubro, e que se aplicará nas feiras dos vindeiros meses.
O concelleiro de Cultura, Francisco Bello, e a concelleira de Comercio, Mercedes Caridad, confían en que esta medida sirva como “impulso para incrementar a participación nos mercados e, polo tanto, para estimular as compras nos postos da feira e no comercio local”.
A primeira sesión vermú terá lugar o domingo, 30 de outubro, a partir das 13.30 horas. Ese día, terá lugar a actuación do cantante e compositor, Ángel Habana. Ademais da animación musical, xa desde as 12.00 horas, as persoas que se acheguen a Carral poderán degustar polbo e orella á feira, así como churrasco.