A LIÑA QUE UNE SAN VICENTE E O DAVID BUJÁN SUMARÁ NOVAS PARADAS DE BUS A SOLICITUDE DO GOBERNO LOCAL
As solicitudes do goberno local deron resultado e tres frecuencias da liña de autobús que conecta San Vicente de Vigo e o IES David Buján (de uso compartido entre o alumnado do instituto e os veciños e veciñas) incorporarán a partir do luns, 17 de febreiro, dúas novas paradas en Balbén e Taramuño.
En concreto, as frecuencias que se verán beneficiadas por este cambio serán a das 7.30 horas (de Tabeaio cara ao IES David Buján) e no sentido de volta a que discorre desde o CIFP Universidade Laboral ás 14.00 horas. Esta modificación afectará tamén á frecuencia dos luns ás 18.00 horas (desde o CIFP Universidade Laboral).
Unha petición veciñal
Ata o de agora, o autobús non pasaba por estes puntos da parroquia de San Vicente de Vigo, obrigando tanto aos veciños e veciñas como ás familias con fillos e fillas no IES David Buján a desprazarse a outras zonas para facer uso do servizo.
Para solucionar esta problemática e atender ás demandas veciñais, o goberno local solicitou unha modificación do roteiro para que se incorporasen tamén estes dous puntos. O alcalde, Javier Gestal, celebra que “a Xunta de Galicia respondese e atendese a nosa solicitude, que partiu directamente dos veciños e veciñas”.