A XIX EDICIÓN DA FESTA DO PAN DE CARRAL SERÁ A MÁIS LONGA DA HISTORIA, CON CATRO DÍAS DE ACTIVIDADE

  • A cita gastronómica, organizada polo Concello xunto á Asociación de Panadeiros de Carral, celebrarase entre o 13 e o 16 de maio.

Carral prepárase para vivir a Festa do Pan máis longa da súa historia. A XIX edición, que terá lugar entre o 13 e o 16 de maio, ofrecerá a veciños e foráneos catro días de actividade arredor do produto estrela do municipio: o pan. O evento está organizado polo Concello en colaboración coas panadarías que conforman a Asociación de Panadeiros de Carral: Panadería Bonome Bouzas, Panadería Manuel Rodríguez e Hijos, Panadería O Pincho, Panadería Pedro Fernández, Panadería Da Cunha, Panadería Mercedes, Panadería Paraíso e Panadería Insua.

A ampliación da programación lévase a cabo co fin de ampliar o abano de público do evento, intentando achegar máis iniciativas e opcións tanto para os cativos e cativas como para a mocidade.

Como en edicións anteriores, un dos pratos fortes da cita será a venda dos xa clásicos bocadillos cardiosaudables. O Concello e a Asociación de Panadeiros de Carral agardan mellorar as cifras da última edición, na que se despacharon 8.000 destas elaboracións.

A programación deste ano desenvolverase o sábado, 13 de maio, e o domingo, día 14, ofrecendo ao público asistente actividades como as seguintes: feira medieval, obradoiros de elaboración de pan para os nenos e nenas, talleres de olaría e representacións teatrais. Eses días, as actividades rematarán coas actuacións das orquestras Fuego e A banda de ayer (sábado, 13 de maio a partir das 21.00 horas) e Miramar (domingo, 14 de maio, a partir das 20.00 horas).

A XIX edición alongará o calendario, prolongándose tamén durante as xornadas do luns, 15 de maio, e do martes, día 16. Por unha banda, o luns terá lugar o Pequepan (a partir das 18.00 horas). A cita incluirá o espectáculo MeRe-cidamente de clown e o concerto de Chuches Amil. Ao día seguinte será a quenda de Xovepan (desde as 20.00 horas). Ao longo da tarde venderanse bolos preñados elaborados polos panadeiros do municipio, haberá unha actuación da charanga Santa Compaña e da Escola Municipal de Música de Carral e, por último, unha sesión de noite cos gruposBomba e New York.