CARRAL ESPERA REUNIR A CENTOS DE DEPORTISTAS NA CELEBRACIÓN DA II COPA GALICIA XCM

Carral xa ten data para celebrar a II Copa Galicia XCM: será o domingo, 6 de agosto. A proba, que busca dar continuidade á VI BTT de Carral, viviu no ano 2022 a súa primeira edición asinando un éxito en cifras de participación, con máis de 400 inscritos. O alcalde, Javier Gestal, o concelleiro de Deportes, Francisco Bello, e Enrique e David Maroño, do Club BTT Carral, presentaron, esta semana, o certame.

A II Copa Galicia XCM, organizada polo Concello de Carral e o Club BTT, busca cumprir os seguintes obxectivos: promover a práctica deportiva entre a veciñanza, dar a coñecer a vila e as paraxes naturais e históricas do municipio e, por último, fomentar o emprego da bicicleta nos desprazamentos.  

As inscricións poden realizarse a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo. As persoas interesadas deberán elixir entre tres posibles percorridos. Por unha banda, poderán escoller a ruta longa, de 60 km. Pola outra, terán a posibilidade de realizar unha ruta curta de 45 quilómetros e, por último, haberá tamén unha terceira alternativa de paseo de 25 km.  

Ao remate da xornada, farase unha entrega de trofeos aos tres mellores equipos. A clasificación levarase a cabo tendo en conta a suma dos tempos dos tres primeiros corredores de cada grupo que realizaran o percorrido completo da ruta longa en menos tempo.