Consorcio As Mariñas informa de diferentes medidas sobre a xestión de resiudos durante o estado de alarma:

  • Deberase continuar coa separación de residuos maioritarios en materia orgánica e inorgánica, xunto coas recollidas selectivas de papel-cartón, vidro, aceite e téxtil nos colectores correspondentes. Os residuos orgánicos e inorgánicos só poderán depositarse nunha bolsa pechada hermeticamente ou dobre bolsa de ser necesario para evitar roturas e perdas de residuos no colector ou no camión.
  • Prégase dentro do posible a máxima colaboración cidadá, para que os residuos estean no exterior o menos tempo posible, realizando o depósito no colector despois das 20.00 horas e evitando baixar as bolsas as vésperas de domingos e festivos.
  • Non está permitido o abandono de bolsas de lixo no chan, fora ou ao carón do colector, e con máis fundamento nesta etapa de alerta sanitaria.
  • No caso de material utilizado como protección, isto é, mascarillas, guantes de goma, etc e aínda máis no caso de que exista algún residuo procedente de sospeitoso por coronavirus, extremaranse as medidas de hixiene e limpeza, debendo usar ata unha triple bolsa hermética e pechada para conter eses residuos sospeitosos ou procedentes de atención a esas persoas, de xeito que se minimicen as posibilidades de contaxio ao resto de veciños e as persoal de recollida e limpeza. Depositaranse no contedor de inorgánico.
  • Os puntos limpos permanecerán pechados ata próximo aviso
  • Continúa a funcionar o servizo semanal de recollida de voluminosos, mobles ou entullos domésticos, pero o seu funcionamento é exclusivamente previo aviso telefónico ao 981795524, onde lle darán as indicacións oportunas. De ningún xeito se autoriza a depositar os residuos voluminosos a carón dos colectores sen previo aviso.

Ante o estado de alarma, o Consorcio As Mariñas adoptou as seguintes medidas:

  • Os puntos limpos do Consorcio As Mariñas permanecerán pechados.
  • O punto limpo móbil tampouco sairá.
  • Mantéñense os servizos de recollida de residuos urbano en todas as súas fraccións, así como de mobles e enseres co fin de garantir a salubridade e o benestar dos veciños e veciñas.

Así mesmo, o Consorcio solicita aos cidadáns e cidadás o seguinte:

  • O cumprimento do horario habitual para tirar o lixo (a partir das 22.00 horas) e que extremen as seguintes condutas cívicas: tirar o lixo dentro do colector, absterse a baixar mobles e outros enseres sen aviso previo/previo aviso e non saturar os contedores con residuos non aptos como, por exemplo, podas.

As oficinas de atención ao público do Consorcio As Mariñas estarán pechadas ata novo aviso. Os prazos para a tramitación de procedementos quedan, ademais, interrompidos:

  • O teléfono 981 78 47 04 está dispoñible para consultas indispensables. A través deste número, daráselle aos veciños e veciñas as instrucións precisas.
  • Así mesmo, todas as consultas realizaranse, preferiblemente, por correo electrónico:

– Relacionadas coa taxa de lixos (altas, baixas, modificacións, etc.): registro@consorcioam.org.

– Propias de medioambiente (incidencias sobre recollida de lixo, problemas con contedores, etc.): medioambiente@consorcioam.org.

– Propias do Plan Coordinador de Servizos Sociais: gabinetepc@consorcioam.org ou ben asesoriapc@consorcioam.org.

– Para outras consultas de administración xeral: info@consorcioam.org.

– Para presentar solicitudes ou calquera documentación poderá facerse a través da sede electrónica, á que se poderá acceder a través da web do Consorcio.

Ante o estado de alarma decretado polo Goberno do Estado, o Concello de Carral adoptou diferentes medidas para reforzar as prestacións que se dan desde o departamento de Servizos Sociais. Con este protocolo, o goberno local busca evitar contaxios polo novo coronavirus, sen deixar de garantir “servizos necesarios para os veciños e veciñas do municipio que se atopan en situación de maior vulnerabilidade”.

Por un lado, o departamento de Servizos Sociais do Concello contactou con todos os veciños e veciñas inscritos no programa de Axuda Alimentaria para facer un reparto de alimentos. Algúns carraleses e carralesas recolleron presencialmente o seu lote de alimentos. Noutros casos nos que os usuarios e usuarias non podían acudir presencialmente, o reparto fíxose a domicilio. Desde o goberno local sinalan que “a despensa municipal conta con alimentos de reserva que se empregarán en casos de urxencia e faranse os repartos necesarios baixo demanda”. En todo caso, sinala o goberno, “serán os servizos técnicos municipais os que valoren esta urxencia”.

Por outro lado, o Servizo de Axuda no Fogar seguirá funcionando co fin de garantir unha “prestación fundamental para os veciños e veciñas maiores ou dependentes que viven sós ou soas”. Esta prestación deixará de realizarse, unicamente, nos seguintes supostos: en caso de o usuario ou usuaria solicite a cancelación deste servizo ou no caso de que o veciño ou veciña conte co apoio dunha 3º persoa que se poida facer cargo do seu coidado.

Desde o equipo de goberno fan un chamamento aos cidadáns e cidadás de Carral: “se algunha persoa é coñecedora de que un veciño ou veciña precisa dalgún tipo de axuda para adquirir produtos de primeira necesidade, medicinas ou cita médica, pode chamar ao Concello ou a Servizos Sociais”. Por exemplo, un membro do goberno local fíxolle hoxe a compra a unha veciña do municipio que vivía soa no seu domicilio. Neste tipo de situacións, os carraleses e carralesas poderán chamar ao 981 67 00 02 (Concello de Carral) ou ao 981 61 35 20 (Servizos Sociais).

Os veciños e veciñas que precisen máis información ou que teñan calquera dúbida poderán contactar co departamento de Servizos Sociais a través do teléfono 981 61 35 20. O horario de atención veuse reforzado, e será de 9.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas.

Os concelleiros e concelleiras do goberno local agradecen o esforzo que están realizando desde o departamento de Servizos Sociais, así como a súa impicación e axilización no reparto dos alimentos do programa de Axuda Alimentaria.

Peche das instalacións municipais

Co fin de previr posibles contaxios, o Concello pechou as instalacións municipais. Só se atenderán presencialmente os casos urxentes –para fixar unha cita, os veciños e veciñas deberán chamar ao Concello-.

O goberno local solicita a colaboración de “toda a veciñanza para recuperar, canto antes, a normalidade”. Neste sentido, pídelles aos carraleses e carralesas que eviten saír das súas casas –agás para o estritamente necesario- e que cumpran coas indicacións e directrices da Xunta de Galicia, do Goberno de Estado e do Concello.

Por mor da situación provocada polo coronavirus, e atendendo á D.A. 3ª.3 do Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 “1. Suspéndense termos e interrómpense os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público. O cómputo dos prazos reanudarase no momento no que perda vixencia o presente real decreto ou, no seu caso, as prórrogas do mesmo.”
Isto supón que a data para presentar obras ampliarase máis alá do 3 abril do 2020 fixado actualmente nas bases, notificándose a nova data límite no momento en que perda vixencia a norma citada. Asemade, a data prevista para a entrega do premio e presentación do libro gañador na anterior edición, tamén se ve afectada por esta situación, notificándose no momento oportuno a nova data para levar a cabo devandito acto.

SANIDADE: Dende O Centro de Saúde de Carral comunícaselles que quede suspendida toda actividade programada: non se farán analíticas, non se farán controis. Antes de acudir ao centro de saúde, comuníquense por teléfono. E por favor, se non é extrictamente necesario a consulta quédese na súa casa. #quédatenacasa #polasaúdedetod@s

Secretaría Xeral de Política Lingüistica da Xunta de Galicia publica unha nova convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) para este ano 2020.

As probas realizaranse nos meses de maio e/ou xuño do 2020 en Santiago de Compostela e Ponferrada. As datas concretas publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

Se precisades máis información podedes consultar no DOG do 12/03/2020.

Convocatoria das probas para a obtención dos certificados de lingua galega

 

 

Co fin de evitar posibles contaxios polo novo coronavirus, o Concello de Carral adopta diferentes medidas preventivas. Estas aplícanse tendo en conta, en todo momento, as directrices anunciadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno do Estado.

  • Cancelación de todas as actividades culturais, deportivas e xuvenís organizadas polo Concello ou por outros: ciclo de cine, exposición ‘Galicia escandinava’, clases de teares e tapices, contacontos, etc.
  • Cancelación das actividades, campionatos e certames deportivos.
  • Suspensión das actividades organizadas por Servizos Sociais para o mes de marzo: obradoiro ‘Plastilina Galáctica’ -previsto para o 17 de marzo- e obradoiro grupal para familias de persoas con demencia -que ía ter lugar os días 24, 25 e 26 de marzo-.
  • Peche das seguintes instalacións: bibliotecas, colección visitable do Castro das Travesas, Local Interxeracional, Local de Ensaio, centros sociais das parroquias, Complexo Deportivo de Carral, pavillóns e campos de fútbol do municipio.
  • Así mesmo, a Xunta anunciou hoxe a suspensión da actividade lectiva e extraescolar nos próximos 14 días.

Desde o Concello pedimos aos veciños e veciñas que cumpran coas indicacións trasladadas polos organismos oficiais e que tomen todas as precaucións.

Lembrade que a Xunta de Galicia puxo a disposición da cidadanía o teléfono 900 400 116 para calquera dúbida ou cuestión relacionada co virus.

 

Que debes saber sobre o novo coronavirus

 

Carral puxo en marcha, no 2019, o Servizo de Atención Temperá en colaboración cos Concellos de Abegondo e Bergondo. Por medio desta medida, organízanse diversas actividades e iniciativas coas que se busca promover a autonomía e a singularidade dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos. Como parte desta programación, levarase a cabo Plastilina Galáctica, un obradoiro grupal para familias coas que o Concello traballará a socialización, a psicomotricidade e a discriminación sensorial dos cativos e cativas.

Esta acción está pensada para compartir cos nenos e nenas, sorprendéndoos cunha actividade divertida e diferente. Ao longo da mesma, as persoas participantes aprenderán a facer plastilina galáctica con tan só catro ingredientes: crema corporal, maicena ou fémula de maínzo, colorantes vexetais e escarcha ou brillantina.

O taller levarase a cabo o próximo martes, 17 de marzo ás 17.30 horas, no Local Interxeracional.

CARTEL MODIFICADO-1

 

Obradoiro para familiares de persoas con demencia

O Concello organiza, tamén no mes de marzo, un obradoiro grupal para familiares de persoas con demencia. Trátase dunha actividade grupal organizada por AFACO e que forma parte do Programa Red Paraguas Alzhéimer. A iniciativa levarase a cabo os días 24, 25 e 26 de marzo -en horario de 17.00 a 19.00 horas- na Casa da Cultura.

As prazas para anotarse en ambas as dúas actividades son limitadas, polo que as persoas interesadas deberán inscribirse nos Servizos Sociais do Concello, chamando ao teléfono 981 61 35 20 ou no correo serviciossociales@carral.es.

 

AFACO

 

O Local Interxeracional acolleu hoxe, martes 10 de marzo, a inauguración da exposición Galicia escandinava. O Camiño do Oeste a Santiago de Compostela, unha mostra que analiza as pegadas das culturas galega e escandinava en ambos os dous territorios. A exposición está organizada pola Fundación Carlos Casares no marco das actividades do programa O teu Xacobeo, da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. No acto estiveron  presentes varios membros do goberno local de Carral, o comisario da mostra, Gustavo Adolfo Garrido, e o administrador da Fundación, Håkan Olof Casares.

O eixo central da mostra é, precisamente, a relación dos países escandinavos: Suecia, Noruega e Dinamarca e os seus antigos territorios –Islandia, Illas Feroé e Orcadas- con Galicia a través do Camiño de Santiago. Así, a través de numerosos paneis, explícase a historia e o desenvolvemento das rutas xacobeas cara a capital galega, amosando os seguintes aspectos: fitos senlleiros, puntos emblemáticos da xeografía, patrimonio material e inmaterial, etc.

A mostra está dividida nos seguintes módulos temáticos: da violencia á peregrinación; a orixe das peregrinacións; as rutas escandinavas a Compostela; Galicia nos países escandinavos e homenaxe a Vicente Almazán. A exposición contará, ademais, cun pequeno vídeo resumo que os visitantes poderán visionar como complemento aos paneis.

As persoas interesadas poderán achegarse ao Local Interxeracional a visitar Galicia escandivana ata o 27 de marzo. A mostra estará dispoñible de luns a venres en horario de 16.00 a 21.00 horas.

O servizo de pediatría do centro de saúde do Concello de Carral volve funcionar con normalidade. O goberno local alcanzara un acordo co xerente de Xestión Integrada do Sergas da Coruña para que o pediatra acudise ao ambulatorio carralés “varios días á semana” ata o mes de marzo –período que comprendía a concorrencia de excedencias solicitadas polos profesionais especializados na rama-. Agora, transcorrido este prazo, o ambulatorio acaba de recuperar esta prestación. En concreto, tal e como sinalan desde o goberno local, o especialista estará no centro médico de luns a venres de 8.30 a 11.00 horas para as consultas e, a partir das 11.00 horas, realizará as revisións.
O goberno local celebra “que ou servizo xa funcione con normalidade, xa que estaba a provocar un grave prexuízo aos nenos, nenas e adolescentes do municipio”. Como indica o goberno, os pais e nais víanse obrigados a desprazarse ao ambulatorio de Cambre ou aos centros hospitalarios da Coruña para recibir este servizo”. Ademais, “os veciños e veciñas tiñan que empregar os seus propios medios, xa que non existía un transporte público que prestase este servizo”.
Recollida de firmas
A supresión temporal do pediatra produciuse no mes de xaneiro. Para solucionar este problema, o goberno local tomou diferentes medidas. Por unha banda, contactou tanto coa xerencia de Xestión Integrada da Coruña, como coa dirección do ambulatorio carralés para coñecer a dimensión do problema. Doutra banda, iniciou unha campaña para recoller firmas entre os carraleses e carralesas en contra da decisión do Sergas.