O poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba, obtén por segunda vez o premio do Certame de Poesía Concello de Carral, co libro titulado Das árbores tropicais e do amor e que presentou co seudónimo Sula Bassana.
Mosquera Camba xa fora premiado na edición décima do concurso co poemario Nadja c´est moi, publicado, ao igual que os restantes libros premiados, en Edicións Espiral Maior.
O xurado do concurso, que se reuniu onte na Casa da Cultura de Carral, estivo formado por Teresa Seara, Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios.
O xurado salienta a alta calidade dun bo número dos traballos presentados, sendo moitos deles merecentes de se publicar. Da obra seleccionada salienta que é un poemario de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado.
O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, Devalar sen pel de Modesto Fraga. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.
Por mor do vixésimo aniversario deste certame literario, o Concello de Carral ten previsto varias actividades para repasar estas dúas décadas de promoción da poesía galega. O 10 de maio preséntase unha exposición nos exteriores da Casa da Cultura no que se repasan os autores e obras premiadas no certame. A mostra permañecerá ata o 4 de xuño. E por outra banda, no acto do 26 de maio estrearase o documental sobre a traxectoria do concurso carralés.
O pasado luns 17 de abril saiu publicada no DOGA a CAMPAÑA DE VERÁN da Xunta para este ano, destinada a rapaces e rapazas de entre 9 e 17 anos.
A CAMPAÑA DE VERAN da Xunta, trátase dun programa de actividades de caracter lúdico, cultural, deportivo e formativo durante os meses de xullo e agosto, de diferente días de duración e en diferentes lugares da xeografía galega e doutras comunidades autónomas. O prazo para presentar as solicitudes para participar nesta campaña remata o 2 de maio, e podes consultar as bases, as datas e os prezos dos campamentos en www.xuventude.net, ou pasándote pola OMIX (oficina municipal de información xuvenil), na Casa da Cultura, teléfono 981.67.25.80, ou a través do correo electrónico omix@carral.es.
A Corporación municipal, encabezada polo alcalde José Luis Fernández Mouriño, levarán a cabo no monumento aos Mártires da Liberdade, unha ofrenda floral para homenaxear aos doce oficiais fusilados en Carral o 26 de abril de 1846.
Unha comitiva partirá desde a Casa do Concello ás 12:00 h, en dirección ao monumento. No acto participará tamén alumnado dos institutos de secundaria de Carral e de Teo.
Cristóbal Ramírez, presidente durante vinte anos da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago e experto en divulgación das rutas xacobeas, ofrecerá este xoves unha charla sobre o Camiño Inglés. A conferencia está organizada pola Deputación da Coruña e a Concellería de Cultura do Concello de Carral, e está dirixida a público en xeral. Terá lugar na Casa da Cultura ás 20:00 h.
A actividade forma parte dun ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia da ruta e os seus múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e arquitectónicos, a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez.
Ante o crecemento de peregrinos que está a ter o Camiño Inglés, o Concello de Carral recomenda a aquelas persoas que teñen comercios, aloxamentos ou entidades culturais ou veciñais na contorna desta ruta xacobea, que participen na charla para coñecer con maior profundidade os valores e potencialidades desta ruta.
Alumnado do colexio Fogar de Santa Margarita da Coruña realizará mañá unha visita a Carral para coñecer con detalle o castro das Travesas. A visita didáctica comezará na Colección Visitable, que amosa as principais pezas extraídas das excavacións no castro, e á Biblioteca municipal onde realizarán unha actividade didáctica que consistirá en construír maquetas das antigas casas do poboado castrexo.
Despois visitarán o castro, onde o director das excavacións, Antón Malde, realizará cos rapaces un xogo que lles axudará a comprender a configuración do castro e o xeito de vida dos seus habitantes.
Os escolares completarán a visita a Carral coñecendo o roteiro dos Mártires de Carral e a zona dos muíños de Costa da Égoa.
Esta é a primeira actividade didáctica que levarán a cabo escolares, despois da campaña de promoción e difusión da Colección Visitable do Castro das Travesas, que contou cunha subvención da Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico asociado ao museo. Están previstas para as vindeiras semanas máis visitas de escolares para coñecer o castro das Travesas.
Despois da recente limpeza vexetal que se fixo no castro, o xacemento arqueolóxico pódese visitar de xeito libre. O Concello de Carral recomenda que para unha maior comprensión das características e relevancia do castro das Travesas, se complete o percorrido achegándose ao museo na Casa da Cultura. As visitas libres son de balde. Os horarios da colección son os mesmos da Casa da Cultura (de luns a venres aberto de mañá e tarde, e os sábados pola mañá).
Carral estará o vindeiro sábado no evento Primavera no Camiño Inglés que se levará acabo en Betanzos. Nun stand atendido por persoal da Concellería de Cultura divulgaranse os atractivos e principais valores de Carral.
O Pan de Carral e o grupo carralés de música e canto tradicional Arnela estarán presentes tamén na carpa central, cunha degustación e unha actuación pola tarde.
O evento, que terá lugar na praza Irmáns García Naveira, enmárcase na campaña “Primavera no Camiño Inglés” coa que a Deputación da Coruña pretende divulgar os múltiples atractivos etnográficos, culturais e naturais cos que conta esta ruta, que conecta Ferrol e A Coruña con Santiago de Compostela.
“O obxectivo é unir as forzas da Deputación e dos concellos para aproveitar o enorme potencial turístico e económico deste singular camiño xacobeo que discorre integramente pola provincia da Coruña” explicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que o sábado será o encargado da inauguración do evento, xunto ao alcalde de Betanzos, Ramón García, a directora xeral de Turismo, Nava Castro, e varios do rexedores dos municipios polos que pasa o Camiño Inglés.
No mesmo programa de promoción deste camiño, o xoves 27 de abril, ás 20:00 h. na Casa da Cultura, o xornalista e experto nas rutas xacobeas, Cristóbal Ramírez, ofrecerá unha conferencia sobre o Camiño Inglés, falando da súa historia, evolución, potencialidades e atractivos.
Folleto Primavera no Camiño Inglés
O vindeiro 23 de abril celébrase o día Internacional do Libro, e as bibliotecas municipais programan diversas actividades para conmemorar esta data.
Durante esta semana recibimos a visita dos alumnos e alumnas de infantil dos centros educativos da zona. Os máis pequenos gozaron con Lilí Gruyére e as súas historias de “Paxariños” e con Andrea Vázquez que nos presentou Mergullámonos? .
Comezamos tamén nestas datas a recollida de libros para facer o noso troco solidario durante a Festa do pan. Os libros pódense levar a calquera das bibliotecas do concello. O prazo rematará o día 11 de maio.
Como xa é habitual e dentro da campaña de animación á lectura que leva a cabo o concello, o último xoves de mes, o día 27, Trinketrinke Teatro presentará a súa obra “O ratiño presumido”, nova versión do conto clásico de Perrault, interpretado por Lilí Gruyére.
Javier Bao Castelo, natural de Tabeaio, ven de publicar na editorial Albores o libro Déjate de historias, un conxunto de 11 relatos de amor, odio, fracasos, ilusións…
A presentación terá lugar o xoves 6 de abril ás 20:30 h. na Casa da Cultura. A entrada é libre e as persoas asistentes terán a posibilidade de adquirir o libro e que lle sexa dedicado polo autor.
A compañía Redrum Teatro presenta este sábado 1 de abril, a obra Noiteboa, protagonizada por Mela Casal, Ernesto Chao e Guillermo Carbajo.
Chega o Nadal a Compostela e con el os agasallos, as panxoliñas, as ceas en familia e o xa tradicional rapto do Neno Xesús da Praza do Obradoiro. Ninguén debería cear só en Noiteboa e por iso Mariví fará todo o posible para que durante unhas horas, Arturo, Nico e máis ela sexan unha familia de verdade.
Noiteboa é unha traxicomedia, non recomendada para menores de 12 anos.
A función comezará ás 21:00 h. A entrada é de balde e as localidades limitadas. A concellería de Cultura prega puntualidade aos espectadores, xa que unha vez comezada a función, non se poderá acceder á sala.