Foron un total de 16 as parellas inscritas nesta I edición do torneo de pádel. Read more
A Concellería de Cultura do Concello de Carral rematará o seu programa 20 km Camiño con Cultura de sendeirismo cultural, organizando para o sábado 15 de outubro unha ruta polo Courel.
Realizarase o roteiro mítico entre Valdomir e Froxán. Logo de acceder a Valdomir en autobús, ollarase o camiño ata a aldea de Vilar. Este é un sitio moi coñecido pola divulgación dun roteiro marcado que atravesa os seus soutos, a ermida e un castro situado sobre o río Lor, un lugar inesquecible para os que o visitan.
O camiño desde o castro baixa polo monte ata o río, cruzando por unha vella ponte de madeira. Logo de pasalo os participantes atoparanse co sobreiral de magníficos exemplares de corticeiras que se aproveitan para facer trobos de abellas.
Por camiños antigos chegaremos ata Froxán, un dos paraísos do Caurel, unha aldea ben conservada, restaurada e habitada na actualidade. Coma fin do roteiro, antes de emprender a volta, visitaremos a vila de Seoane do Courel.
As prazas son limitadas e as persoas interesadas deberán inscribirse na Casa da Cultura antes do martes 11 de outubro. O prezo por persoa é de 15 euros, que inclúe o transporte e os monitores e guías durante o percorrido.
O ciclo Venres de Monólogos pecha este venres coa participación de Brais das Hortas, que trae a Carral o seu espectáculo “Contos de defuntos e outros asuntos”. Será un monólogo con contos de mortos que non están tan mortos, da Santa Compaña que non era tan santa, de aparecidos e visións… de todas esas cousas que rodean a morte e a vida en Galicia, e das que nunca está de máis falar un pouco. O noso mundo cambiou, e quen sabe se o dos mortos tamén! Porque aínda que haxa luz eléctrica, nunca se sabe onde se che pode aparecer algo…
Brais das Hortas estará mañá venres 7 de outubro, ás 21:00 h. no edificio social Toñito Espiñeira de Carral. O seu espectáculo non está recomendado para menores de 13 anos.
A entrada é de balde e solicítase puntualidade aos asistentes para evitar interrupcións.
O Festival Internacional de Títeres Galicreques do Consorcio das Mariñas chega na súa décima segunda edición a Carral, á sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira.
A primeira función será o sábado 1 de outubro, recomendada para nenos a partir de 2 anos, a cargo da compañía arxentina El Retablo de la Ventana presentando a obra El gato con botas. Liliana e o seu gato Víctor Hugo comezan a narrar o conto, logo de atopar o libro nun vello Baúl. Esta recreación para monicreques do clásico infantil de Charles Perrault, móstranos a un gato que asume a responsabilidade de sacar da pobreza ao seu amo. O Gato quere cumprir un soño vivir sen cazar ratos. A astucia e valentía do gato por enfrontarse á situación e a un temible ogro, converte ao pobre muiñeiro no Marqués de Carabás . Co consentimento do Rei, casa coa Princesa. Así o Gato e o seu amo pasan a vivir unha vida de reis. Ao final Liliana e Víctor Hugo deciden xogar a ser os personaxes do conto. O espectáculo comezará ás 18:00 h.
A segunda función será o sábado 8 de outubro, tamén no Toñito Espiñeira e á mesma hora, con Os soños na gaiola da compañía galega Títeres Alakrán. É un espectáculo infantil para maiores de 5 anos no que o titiriteiro chega á vila cunha gaiola cargada de soños. Acompáñao o poeta Manuel María transformado en monicreque. Manuel María quere que o titiriteiro represente os poemas que el escribiu para divertir aos nenos e nenas galegos. Para facelo, o titiriteiro pídelle aos integrantes do público que sopren forte para lle axudaren a facer nacer a Alicia, a nena protagonista desta historia. Alicia vivirá unha serie de fantásticas aventuras na súa viaxe por un mundo que lle resulta exótico, éstrano, e mesmo incomprensible. Ao comezo da súa andaina, Alicia tópase co Río Miño, que ten présa por realizar a importante misión que lle encomendara: atravesar Galicia antes de chegar ao mar. Pola confusión do nome, O Río Miño tenta atravesar a Alicia, mais ela acláralle que para ser Galicia lle faría falta un G que non ten.
A entrada aos espectáculos é de balde e o aforo limitado. A Concellería de Cultura solicita que as persoas interesadas en asistir aos espectáculos de Galicreques sexan puntuais para evitar interrupcións e molestias tanto ao público como aos artistas. Ademais aconsella aos pais que acompañen e atendan aos pequenos durante a función para gozar en familia dos espectáculos, axudarlles a interpretar o contido das obras e ensinarlles o comportamento que deben ter nesta clase de actos, para así conseguir que a función de monicreques sexa unha experiencia entretida e edificante para todos os asistentes.
O recoñecido actor Pepo Suevos pasará este venres polo escenario do edificio social Toñito Espiñeira na terceira sesión do ciclo Venres de Monólogo.
Pepo Suevos é un dos actores máis recoñecidos da televisión en Galicia, interpretando personaxes en programas e series como Pratos Combinados, Mareas Vivas, Terras de Miranda, O show dos Tonechos, Caseiros ou en Luar, entre outros moitos. Ten participado en múltiples películas e como contador de historias acumula máis dun milleiro de monólogos ás súas costas, e sempre se amosa disposto a encher de humor o escenario ao que se sube, tanto sexa nun teatro, nun bar ou nunha verbena. Este venres presentará en Carral o seu monólogo Humor Salvaxe.
A actuación comezará ás 21:00 h. É un espectáculo recomendado para maiores de 14 anos. A entrada é de balde e o aforo limitado. Prégase puntualidade ao público para evitar interrupcións no espectáculo.
A segunda sesión do ciclo Venres de Monólogo acolle a Víctor Grande co seu espectáculo A vida pasa voando. Trátase dun show que mestura monólogos de humor con canción satírica, interacción co público e momentos improvisados únicos e irrepetibles. Unha hora e media na que o cómico fai unha reflexión sobre temas tan dispares como a hipocondria, a clase política, as cousas estrañas que un pensa cando vai a misa ou a revolución tecnolóxica na que estamos inmersos.
Ao igual que as restantes sesións de Venres de Monólogo, Víctor Grande actuará no edificio social Toñito Espiñeira ás 21:00 h. Será este venres con entrada de balde.
A Concellería de Cultura do Concello de Carral xa ten en marcha a organización dunha nova Xuntanza de Palilleiras de Carral, que neste ano acada a súa oitava edición. O evento terá lugar o sábado 22 de outubro no pavillón deportivo de Espiño.
Xa está aberto o prazo para que grupos de palilleiras poidan anotarse para participar na xuntanza. Ao igual que en anos anteriores, agárdase que asistan colectivos de toda Galicia e incluso de Asturias e Castela e León. A inscrición é de balde e pode realizarse a través do teléfono 981 672 580 ou do correo electrónico cultura@carral.es.
A Xuntanza de Palilleiras de Carral é un evento no que se pode gozar dos traballos e técnicas que desenvolven as participantes, ademais de ter a oportunidade de mercar nos postos de venda os variados produtos que ofrecen, das diversas exposicións, das ilusións do Mago Martín Camiña e de actuacións folclóricas.
A partir do luns 19 de setembro a biblioteca infantil abre de novo as súas portas no seu horario habitual: luns, mércores e xoves de 16:30 a 19:00 horas.
Tralas reformas levadas a cabo durante o mes de agosto, as instalacións presentan un espazo máis amplo e mellorado para que os usuarios poidan gozar con comodidade da biblioteca e dos libros.
Como cada ano, despois das festas do Socorro e antes da entrada do outono, a Asociación Cultural Aires de Carral presenta unha nova edición do seu Concerto Coral de Verán. Nesta ocasión participarán as corais do Centro Social de Luarca (Asturias) dirixida por Luis Eulogio Martínez Crespo, e Aires de Carral baixo a dirección de Juan José Gordillo.
O concerto, no que colabora a Concellería de Cultura do Concello de Carral, terá lugar este sábado 17 de setembro, ás 19:00 h, na sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira. A entrada é libre.
A Concellería de Cultura organiza a terceira edición do ciclo Venres de Monólogo, que se desenvolverán durante os vindeiros catro venres no edificio Social Toñito Espiñeira.
Para este ano ampliouse o programa, pasando de tres a catro contadores de historias. Así, Alberte Montes, Víctor Grande, Pepo Suevos e Brais das Hortas forman o cartel para encher de contos orais e humor as noites dos venres.
Abrirá o ciclo Alberte Montes co seu monólogo Galego pode ser calquera. Alberte é actor, guionista, director e locutor, e leva máis de 8 anos como monologuista. Formouse como actor no Estudi Nancy Tuñón i Jordi Oliver de Barcelona. Traballou en compañías como Furafollas ou Teatre Obligatori e a nivel individual representou varios espectáculos en teatros de Barcelona (Teatreneu, Teatre Llantiol…).
No terreo audiovisual participou nunha ducia de curtametraxes, algunha delas premiadas a nivel nacional (“2OS”) e recentemente nas longametraxes REC (4) e “El olivo” de Iciar Bollaín. Ten colaborado tamén en programas televisivos da produtora El Terrat como “Salvados”, “Buenas noches y Buenafuente” ou “En el Aire” e noutros da TVG. Este verán gravou a súa primeira ficción televisiva para esta canle, “Augasquentes”. Alberte encarna ao avogado Quique e a serie producida por Ficción Producciones estrénase en outono.
Todos os monólogos comezarán ás 21:00 h, e prégase puntualidade porque non se permitirá o acceso unha vez comezada a función para non interromper o monólogo.