CULTURA LOGROU MANTER NO 2020 O NIVEL DE PROGRAMACIÓN PREVISTO SEN A PANDEMIA
O departamento de Cultura do Concello de Carral ven de facer público o informe de avaliación da súa programación de actividades do 2020. Evidentemente os índices de asistencia víronse diminuídos pola pandemia, mais o compromiso adquirido para evitar cancelar actividades culturais púidose manter con case a totalidade da programación.
O informe lanza varias conclusións entre as que salientan que a tendencia ascendente dos niveis xerais de asistencia que se viñan producindo ata o 2019, viuse modificada pola pandemia do Covid-19, aínda que cunha redución moito menor (31%) do que podería ser previsible; que a festa do Entroido foi o evento con maior participación de público; que a metade das actividades ofertadas foron de artes escénicas e de audiovisuais; que as actividades infantís notaron un gran descenso de público; e que o último cuadrimestre concentrou tres cuartas partes da programación.
No pasado ano fixéronse por primeira vez varias accións de xeito on line, como foi un contacontos, obradoiros de macramé ou de cabazas de Samaín, un concerto, así como a emisión da xornada sobre os certames galegos de poesía.
A avaliación recolle tamén novos indicadores para valorar os obxectivos do departamento. Así, aplicouse unha clasificación ás actividades segundo o seu nivel de promoción da igualdade de xénero, obtendo niveis satisfactorios, aínda que con marxe de mellora.
As limitacións dos aforos impediu obter mellores cifras de espectadores. Aínda así, o departamento de Cultura maniféstase moi satisfeito polos niveis de asistencia de público. O compromiso adquirido no pasado abril polo Concello de Carral coa cultura, supuxo buscar novas fórmulas na oferta local, adoptando en todas as actividades estritas medidas sanitarias que garantisen a seguridade do público ante o Covid-19. A inquedanza sempre foi a saúde das persoas participantes e que o sector cultural se vira afectado o menos posible pola pandemia.