EVA VEIGA GAÑA O CERTAME DE POESÍA “CONCELLO DE CARRAL”
Eva Veiga, coa súa
obra Soño e vértice resultou gañadora do Concurso de Poesía “Concello de Carral” do presente ano.O xurado escolleu esta obra pola intensidade simbólica da súa proposta poética, unida ao cultivo extremo dunha lírica que mantén en todo momento unha tensión entre o real e o onírico.
Eva Veiga (1961. Ombre-Pontedeume) é xornalista e poeta. En 1985 comeza a traballar na TVG onde desenvolverá unha polifacética e intensa actividade profesional, sobre todo, na dirección e presentación de programas culturais. Un labor que lle valería algúns recoñecementos como o Premio Galicia de Comunicación. Xunto aos músicos Fito Ares e Bernardo Martínez, forma parte do grupo poético-musical Ouriol.
Ten publicado relatos en revistas, xornais e obras colectivas, así como a guía sobre Compostela, Santiago. Cidade de peregrinación (2002). Xunto a Ánxeles Penas, escribe o libro Alfonso Costa, un exhaustivo estudio da vida e obra deste artista. Ten publicados os libros de poesía: Fuxidios (1992), Paisaxes do baleiro (1999), A pedra insomne (2002), A luz e as súas cicatrices (2006), Desconcerto (2006), Poemas do Eume (2009), A frecha azul do teixo (2010), Nesta hora imposible (2012) e A distancia do tambor (2014 – Premio Fiz Vergara Vilariño), publicación que acaba de recibir o premio da Asociación de escritores en lingua galega como mellor libro na modalidade de poesía.
O xurado do concurso estivo formado por Oriana Méndez, Miguel Anxo Fernán Vello e Nacho Alonso, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Isabel López Pérez, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez.
O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra.
O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2015. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, O que precede a caída é branco de Oriana Méndez. Para a publicación do libro o Concello de Carral contou coa colaboración económica da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia.