O EDIFICIO SOCIAL TOÑITO ESPIÑEIRA ACOLLE A EXPOSICIÓN ‘NÓS TAMÉN FOMOS EMIGRANTES’, DE AFUNDACIÓN
O edificio social Toñito Espiñeira de Carral acollerá, desde hoxe e ata o 21 de xaneiro, a exposición ‘Nós tamén fomos emigrantes’, da colección Afundación.
No día de hoxe tivo lugar a visita de presentación da mostra, á que acudiron o alcalde de Carral, Javier Gestal; así como Vanessa Sende Cardoso, da Área de Cultura de Afundación; José Manuel Vilariño Orgeira, coordinador Institucional ABANCA; Begoña Caamaño Ferrio, directora de zona ABANCA e Jose Freire Cofreces, director da oficina del ABANCA de Carral.
Esta exposición recolle unha escolma de imaxes dos arquivos da Axencia EFE que posúe un dos fondos fotográficos máis importantes de España sobre a emigración galega e española. A exposición estará aberta de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 h. O 24 e 30 de decembro permanecerá pechada.
As persoas que visiten esta selección fotográfica poderán visualizar as circunstancias vitais das pasadas xeracións, que abandonaron a súa terra na procura dun futuro mellor.
Ademais, desde a organización animan a doar alimentos no momento da entrada, un xesto solidario para axudar ás persoas que máis o necesitan. Esta iniciativa de Obra Social ABANCA ofrece acceso a eventos culturais a cambio da contribución solidaria de alimentos non perecedoiros ou produtos de primeira necesidade.
A mostra que agora chega a Carral englóbase dentro de CORRENTE CULTURAL, a aposta de ABANCA e Afundación para espallar cultura por toda Galicia. O proxecto nace coma un contedor de arte que vai rotando polos concellos, e contando coas colaboración municipais, para construír canda eles unha rede de calidade. As iniciativas do ciclo contan cunha coidada produción e cunha querenza pola tradición galega.