O GOBERNO EXPÓN UNHA MODIFICACIÓN DE CRÉDITO PARA AXUSTAR PARTIDAS ECONÓMICAS TRAS O FIN DA PANDEMIA

O goberno local elevará ao pleno de hoxe unha modificación de crédito para axustar o orzamento ás necesidades do Concello tras o fin da emerxencia sanitaria. Desde o equipo de goberno lembran que, na actualidade, estase a traballar co orzamento prorrogado do 2021, “cando nos atopabamos en plena pandemia. Nese momento, apostouse por incrementar, de xeito considerable, as partidas de servizos sociais e as de axudas ao tecido económico de Carral”. Con todo, estas consignacións económicas están por encima “do que se precisa nestes momentos polo que, de acordo coas recomendación da Intervención municipal, planeamos varias modificacións”.

En concreto, a modificación que se elevará no pleno supoñerá transferir 411.380,68 euros a partidas “esenciais”. A contía servirá, por exemplo, para favorecer a instalación de cámaras de seguridade que reforcen a seguridade cidadá no municipio (12.000 euros), para establecer convenios de colaboración con asociacións culturais, ambientais e deportivas, así como para afrontar importantes melloras en materia de obras e infraestruturas. Entre elas, a transferencia de capital permitirá realizar unha importante obra para resolver un problema na rede de saneamento xunto con Emalcsa.

Parte do montante empregarase, así mesmo, para a organización de actividades deportivas, culturais, campamentos e para programas de dinamización de feiras, entre outras.

Esta cantidade fora suplementada, no 2021, polo goberno local para facer fronte á emerxencia sanitaria da covid-19. Con todo, tal e como conclúen desde Intervención, “hai partidas orzamentarias que no exercicio de 2023 non son necesarias en parte ou na súa totalidade”. Entre elas, o goberno propón suprimir a consignación para o pago de débeda pública (que ascendía a preto de 200.000 euros e que foi liquidada). A maiores, axustaranse os apartados de axuda no fogar e de emerxencia social para adaptalos ao gasto real. Por último, suprímese a partida de 37.743,75 euros prevista, en 2021, para as axudas do programa PEL-Reactiva da Deputación da Coruña.

Estase a traballar na confección dos orzamentos do 2024 co obxectivo de que o documento económico estea aprobado de forma definitiva xa no mes de xaneiro.