ROSA CEDRÓN E PEPE PIÑA PROTAGONIZAN O CICLO MÚSICAS ÍNTIMAS
O terceiro ciclo de Músicas Íntimas – Concertos na Piscina presenta esta fin de semana dous espectáculos de estilos diferentes.
Rosa Cedrón abre o ciclo o sábado 1 de setembro cun concerto a dúo. A súa voz gravou innumerables cancións. Converteuse en buque insignia dunha nova xeración de músicos que coidaron cada detalle, cada nota, cada expresión, imprimindo modernidade na tradición. Actualmente é unha das voces máis internacionais de Galicia de todos os tempos.
Pola súa banda o cantautor Pepe Piña trae no seu repertorio cancións propias e moitas versións que todo o público recoñece e aplaude. Os seus concertos convértense en festas. Pepe Piña sube ao escenario o domingo 2 de setembro.
Ámbolos dous concertos comezarán ás 22:00 h. A entrada é libre e o aforo limitado. Músicas Íntimas lévase a cabo nun recuncho moi acolledor da piscina municipal de Carral.
Para levar a cabo este ciclo, o Concello de Carral conta coa colaboración da Deputación da Coruña coa súa Rede Cultural e de Agadic co programa Cultura no Camiño.