XOSÉ LUÍS MOSQUERA CAMBA RECIBE O PREMIO CONCELLO DE CARRAL DE POESÍA
Nun acto que se desenvolveu na Casa da Cultura, o alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, entregou o 20º Premio de Poesía Concello de Carral ao autor bergondés, Xosé Luís Mosquera Camba, que xa fora premiado neste certame na súa décima edición. Na presente convocatoria gañou co poemario titulado Das árbores tropicais e do amor, que o xurado cualificou como “un poemario de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado.”
Mosquera Camba recibiu o premio económico de 2500 euros e unha peza do escultor Miguel Couto. O seu poemario publicarase no 2018 na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.
No mesmo acto presentouse o libro gañador na pasada edición, Devalar sen pel, de Modesto Fraga. O libro, que estará dispoñible nas librarías a partir dos vindeiros días, foi presentado polo editor Miguel Anxo Fernán Vello e polo propio autor, e supón un cambio estilístico na traxectoria literaria do escritor fisterrán. É un libro escrito con voz de muller, no que repasa algunhas das principais loitas sociais e feministas que se están a dar no mundo.
O acto do 20º Premio de Poesía de Carral, que contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, serviu tamén para presentar o documental sobre as dúas décadas de vida deste certame, e que a partir da semana vindeira estará dispoñible para o seu libre visionado na internet.
A parte musical do acto correu a cargo do cantante portugués afincado en Galicia, Gonçalo Guerreiro, que presentou algunhas cancións do seu recente álbum titulado Ar.