Coa preestrea de Julio Camba: o home que non quería ser nada, comeza a cuarta edición de Cine Documental Galego.

En catro sesións que terán lugar na Casa da Cultura presentaranse cinco producións galegas con temáticas diversas, pasando por biografías, a concienciación medioambiental ou a memoria histórica. En todas as sesións contarase cos directores ou directoras das películas para manter un coloquio cos espectadores. Abre o ciclo o 20 de febreiro Julio Camba: o home que non quería ser nada, de Aser Álvarez. Este documental biográfico de carácter creativo é unha viaxe para descubrir a Julio Camba (Vilanova de Arousa, 1884 – Madrid, 1962), un dos xornalistas españois máis populares do século XX. Transcorre durante o seu último baño na habitación 383 do Hotel Palace de Madrid, onde pasou os trece últimos anos da súa vida. Viaxaremos a través da súa memoria, dos testemuños dos seus biógrafos e amigos e as lecturas dos seus artigos nalgunhas das cidades do mundo nas que traballou como correspondente: Lisboa, París, Londres, Berlín, Roma ou Nova York.

O 27 de febreiro será unha sesión con dúas proxeccións. Na pel da Memoria fala de Mariví Villaverde, filla de alcalde republicano, que con 14 años vese obrigada a exiliarse por culpa do golpe de estado. Este relato reflexiona sobre a importancia da memoria histórica a través das vivencias da súa protagonista. Pola súa banda Dores recolle as historias de catro persoas que, dunha forma ou outra, foron testemuñas ou recollen os testemuños das consecuencias da represión franquista en Galicia. Coral Piñeiro, directora das dúas curtametraxes, estará presente para comentalas co público asistente.

Ignacio Benedeti presentará a súa película Spitsbergen: o gardián do Ártico o xoves 6 de marzo. O director viaxou a bordo do buque rompexeos Malmó para gravar as consecuencias que a actividade humana descontrolada provocan no Ártico. Esta longametraxe de 81 minutos proxectarase en película celuloide de 16 mm.

Ese programa remata o 13 de marzo co documental Os espazos en branco, de Bruno Arias, que resultou premiado nos Mestre Mateo do 2024. Bruno leva moito tempo cunha espiña cravada: non lembra case nada de quen máis lle influíu na súa vida. A súa tía Xela (Arias) morreu cando el tiña 5 anos e só lle quedan dela as memorias doutras persoas. É por iso que, dezaoito anos despois, Bruno decide transitar as caras e lugares que viviron a súa tía para dar luz a este conflito interno a través da primeira herdanza que lle deixou: o impulso creativo.

Todas as proxeccións comezarán ás 20:00 h, con entrada de balde ata completar a capacidade da sala de audiovisuais da Casa da Cultura.

Este ciclo de cine galego documental conta co apoio da Deputación da Coruña e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O Concello de Carral ven de convocar unha nova edición do Premio de Poesía Concello de Carral. Neste ano 2025 o certame suma xa as 28 edicións, mantendo sempre a intención de seguir colaborando a fornecer o sistema literario galego, a difundir a poesía entre a poboación de Carral, a descubrir novos valores da nosa literatura ou a consolidar poetas  que xa contan con obra publicada. Durante estas 28 anos o premio de Carral consolidouse coma un dos máis importantes de Galicia, o cal lle foi recoñecido pola Deputación de Ourense que lle concedeu un dos seus premios Rodolfo Prada 2024 a iniciativas galegas de xestión cultural.

Nas bases da actual convocatoria están recollidos todos os aspectos que atinxen á presentación de obras e que se resumen en:

  • Premio: 3500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior
  • Obras orixinais e inéditas en galego cun mínimo de 500 versos
  • Prazo aberto para a presentación de obras ata o 31 de marzo

O premio entregarase nun acto que terá lugar o 30 de maio, no que tamén se presentará a edición do libro gañador o ano pasado, A pel do exilio de Silvia Penas.

Para levar a cabo o certame o Concello de Carral conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Bases do 28º Premio de Poesía Concello de Carral

Acceso á plataforma para a presentación de obras

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza, dentro do programa EN-Acción do departamento de xuventude, un obradoiro de cociña para rapazas e rapaces de entre 10 e 15 anos.

Este será o primero entre varios que se faran de aqui o verán.

O venres 21 de febreiro a partir das 17:00 e ata as 18:30 h., no local Interxeracional, os/as participantes poderán divertirse facendo eles/as memos/as pequenas e faciles recetas que despois poderan probar.

Para esta actividade non é preciso anotarse pero si que hai un numero limitado de prazas que serán cubertas a medida que se vaia enchendo a sala na que se realizará o obradoiro.

As solicitudes do goberno local deron resultado e tres frecuencias da liña de autobús que conecta San Vicente de Vigo e o IES David Buján (de uso compartido entre o alumnado do instituto e os veciños e veciñas) incorporarán a partir do luns, 17 de febreiro, dúas novas paradas en Balbén e Taramuño.

En concreto, as frecuencias que se verán beneficiadas por este cambio serán a das 7.30 horas (de Tabeaio cara ao IES David Buján) e no sentido de volta a que discorre desde o CIFP Universidade Laboral ás 14.00 horas. Esta modificación afectará tamén á frecuencia dos luns ás 18.00 horas (desde o CIFP Universidade Laboral).

Unha petición veciñal

Ata o de agora, o autobús non pasaba por estes puntos da parroquia de San Vicente de Vigo, obrigando tanto aos veciños e veciñas como ás familias con fillos e fillas no IES David Buján a desprazarse a outras zonas para facer uso do servizo.

Para solucionar esta problemática e atender ás demandas veciñais, o goberno local solicitou unha modificación do roteiro para que se incorporasen tamén estes dous puntos. O alcalde, Javier Gestal, celebra que “a Xunta de Galicia respondese e atendese a nosa solicitude, que partiu directamente dos veciños e veciñas”.

O Concello de Carral celebrará o domingo, 2 de marzo, a súa festa de Entroido. As persoas interesadas poden consultar xa as bases do concurso de disfraces e o formulario de inscrición.

As inscricións poderán realizarse unha vez que se publique no Boletín Oficial da Provincia o extracto das bases.

Manterémosvos informados!

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

Aberto o prazo de inscrición para a proba de obtención da ESO para maiores de 18 anos.

Para a convocatoria de abril o período estará aberto ata o 21 de febreiro, incluído.

Para a de xuño abrirá do 31 de marzo ao 10 de abril, ambos incluídos.

As persoas matriculadas na primeira convocatoria que non superen a proba consideraranse matriculadas na segunda sen ter que presentar nova documentación.

Presenta aquí a túa solicitude.

Para axuda e asesoramento: departamento Educación Concello de Carral 678 338 872 de 9:00 a 14:00 horas.

O Concello de Carral dará comezo este vindeiro martes, 4 de febreiro, a III Liga de Pádel, que se disputará entre febreiro e xuño de 2025.

En total disputaranse máis de 80 partidos, nun torneo onde o obxectivo é fomentar a práctica lúdico-deportiva de toda a veciñanza de Carral, facilitando ademais o coñecemento e achegamento a este deporte.

Esta Liga de pádel municipal naceu no ano 2022 na que se reuniu un total de 10 parellas. No ano 2023 foron xa 16 as parellas participantes. E nesta terceira edición conseguiuse alcanzar a cifra de 24 parellas divididas en dúas categorías:

– Categoría A (nivel alto medio) con 7 parellas rexistradas.

– Categoría B (nivel medio iniciación) cun total de 17 parellas rexistradas. O formato do torneo iniciarase cunha fase de Liga na que as parellas se enfrontarán entre si segundo a categoría na que están rexistradas. Esta fase desenvolverase desde o 4 de febreiro ata o 8 de maio, disputándose os partidos os martes e xoves de cada semana. As datas e horarios dos encontros son establecidos pola organización; con todo, estes poden ser modificados de mutuo acordo entre as parellas contendentes e coa aprobación da organización. Unha vez terminen o formato de Liga, as parellas clasificaranse para o cadro eliminatorio de cada unha das categorías. Esta nova fase da competición estenderase desde o 13 de maio ao 15 de xuño.

DESCARGA A DOCUMENTACIÓN DA LIGA

Debido á alerta laranxa por ventos e choiva que dará comezo na madrugada de mañá domingo, 26 de xaneiro, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia notificou a suspensión de toda actividade deportiva Federada e Xogade no exterior en todos os concellos afectados pola alerta laranxa por vento no día de mañá, afectando ao Concello de Carral.

Rogamos que se extremen as precaucións para evitar calquera risco e, ante calquera emerxencia, poñédevos en contacto co 112.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia notificou a suspensión de toda actividade deportiva Federada e Xogade no exterior en todos os concellos afectados pola alerta laranxa por vento deste venres, 24 de xaneiro.

Así, quedan suspendidas todas as actividades deste tipo no Concello de Carral entre as 18:00 e as 21:00 horas de hoxe.

Tamén, a Comision Escolar de Alertas acordou a suspensión de actividades no exterior en todos os centros educativos nestas zonas de aviso, a partir das 18:00 horas de hoxe.

O pasado mércores, 15 de xaneiro, o alcalde de Carral, Javier Gestal, xunto a Santiago Campos, representante da empresa AZVASE S.L, asinaron o novo contrato para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Carral para os próximos dous anos.

Este novo acordo ten unha duración de 2 anos, máis un de prórroga, e conta cun orzamento de licitación de 1.543.010 euros (+4% IVE 61.720,40 euros), que suma un total de 1.604.730,40 euros.

O contrato prevé que se presten en cada un dos dous anos de vixencia 24.5000 horas pola modalidade de dependencia e 9.000 por libre concorrencia. Así, as horas totais a prestar anualmente serán de 33.500, sendo de 23,94 euros o prezo por hora.

Coa firma deste novo convenio ponse fin á prestación do servizo por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais, dando paso a AZVASE. S.L.

Tras o novo acordo, o rexedor quixo “agradecer, en nome de todo o Concello de Carral, a boa disposición e xestión por parte da empresa A0 Maiores Servizos Sociais e o compromiso e bo labor do seu xerente, Miguel Angel Vilas”.

Regularización do SAF
O alcalde lembrou que, no 2019, “cando o novo equipo de goberno tomou posesión, o SAF atopábase en precario e estaba sendo prestado por catro empresas distintas. Cando chegamos, a elaboración dos pregos foi unha das nosas máximas prioridades e, xa non 2021, fomos quen de quitalo a licitación tras preto de dúas décadas sen regularizar”. O rexedor indicou que “agora cumprimos a nosa palabra de asinar un novo contrato do SAF no que ademais investirase máis que no anterior do ano 2021”.

Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais, Inmaculada Mantiñán, agradece “o esforzo e o traballo que realizaron non só desde o departamento de Servizos Sociais senón tamén a inmensa implicación desde a secretaría do Concello, así como da empresa V.M asesores encargados do asesoramento técnico”.

A edil reitera “a importancia dos Servizos Sociais dentro do proxecto de Alternativa dos Veciños de Carral, uns dos departamentos máis importantes do Concello porque é o que atende a persoas en situación de dificultade e/ou vulnerabilidade”.