Alumnado do colexio Fogar de Santa Margarita da Coruña realizará mañá unha visita a Carral para coñecer con detalle o castro das Travesas. A visita didáctica comezará na Colección Visitable, que amosa as principais pezas extraídas das excavacións no castro, e á Biblioteca municipal onde realizarán unha actividade didáctica que consistirá en construír maquetas das antigas casas do poboado castrexo.
Despois visitarán o castro, onde o director das excavacións, Antón Malde, realizará cos rapaces un xogo que lles axudará a comprender a configuración do castro e o xeito de vida dos seus habitantes.
Os escolares completarán a visita a Carral coñecendo o roteiro dos Mártires de Carral e a zona dos muíños de Costa da Égoa.
Esta é a primeira actividade didáctica que levarán a cabo escolares, despois da campaña de promoción e difusión da Colección Visitable do Castro das Travesas, que contou cunha subvención da Deputación da Coruña para a contratación de persoal técnico asociado ao museo. Están previstas para as vindeiras semanas máis visitas de escolares para coñecer o castro das Travesas.
Despois da recente limpeza vexetal que se fixo no castro, o xacemento arqueolóxico pódese visitar de xeito libre. O Concello de Carral recomenda que para unha maior comprensión das características e relevancia do castro das Travesas, se complete o percorrido achegándose ao museo na Casa da Cultura. As visitas libres son de balde. Os horarios da colección son os mesmos da Casa da Cultura (de luns a venres aberto de mañá e tarde, e os sábados pola mañá).