Despois dos éxitos acadados por Yésica Val e Sergio Pazos nas dúas primeiras funcións dos Venres de Monólogo de Carral, Isabel Risco presentará o seu personaxe Nabiza Girl para pechar este ciclo que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Carral.
Risco presentará o seu espectáculo este venres ás 21:00 h, no edificio social Toñito Espiñeira. A entrada é libre e o aforo limitado.
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
Isabel Risco será Chelo Garcia Naveira, máis coñecida como Naviza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida con poderes que proveñen do sulfato e que acode ás chamadas de socorro de quen precisa do seu auxilio. Non se sabe se poderá atender ás necesidades de axuda de quen chama por ela, mais as risas están garantidas.
Isabel Risco é actriz, clown e pedagoga teatral. Desde o ano 2000 participa en espectáculos profesionais nas compañías Espello Cóncavo, Os sete magníficos máis un, Manicómicos e Produccións Desaqueloutradas, coas que ten participado nalgúns dos festivais de teatro e clown máis importantes da península.
No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en series como Padre Casares, A vida por diante, O Nordés ou Air Galicia, e outros programas da TVG como O Show dos Tonechos, En Pé de Festa, Zapping Comando, Máxima Audiencia, etc., e ultimamente en A Solaina, BumBumBumeran, Land Rober e Tourilandia; ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longamentraxe, como Os mortos van de présa, Onde está a felicidade? ou 9 Ondas.