• O alcalde de Carral, Javier Gestal, asinou, esta semana, os acordos con 13 entidades do municipio.
  • En total, o Concello destina 30.000 euros para apoiar ás asociacións co desenvolvemento de actividades de todo tipo para a veciñanza.

Carral, 16 de decembro de 2022. O alcalde de Carral, Javier Gestal, asinou, esta semana, 13 convenios de colaboración con entidades deportivas e culturais e medioambientais do municipio. Con respecto á última convocatoria, o Concello duplicou a contía destes acordos, que pasaron dos 16.400 de 2021 aos preto de 30.000 euros actuais. Con este incremento, o goberno local busca colaborar co tecido asociativo, “cuxo labor é esencial á hora de pór en marcha actividades e programas ao longo de todo o ano”.

Os acordos subscribíronse coas seguintes entidades:

  • D. Carral: 8.500 euros
  • Club Patinaxe Alquimia de Carral: 1.450 euros
  • Club Ximnasia Rítmica Carral: 1.100 euros
  • Centro Ecuestre Finca Abrigosa: 1.200 euros
  • Club Deportivo Ares Racing: 1.200 euros
  • Club BTT Carral: 1.000 euros
  • Club de Tiro Olímpico: 700 euros
  • Custodia do Territorio de Carral “Brexa”: 800 euros
  • Asociación cultural “Cultura Aberta”: 1.000 euros
  • Asociación cultural “Aires de Carral: 1.000 euros
  • Asociación cultural Festas de Carral: 7.000 euros
  • Asociación de Mulleres Rurais “Nosa Señora do Socorro”: 1.000 euros
  • Asociación de veciños “O Rueiro de Tabeaio”: 1.000 euros
  • Asociación de Custodia do Territorio de Carral “Brexa”: 1.200 euros

As contías servirán para sufragar, entre outros, os seguintes gastos: desenvolvemento de actividades e posta en marcha de escolas deportivas, organización e participación en torneos e competicións, adquisición de material, transporte, licencias federativas, realización de charlas, organización de actividades culturais e doutro tipo, etc.

Para coidar do noso planeta é importante seguir a regra das tres R: reduce, recicla e reutiliza.

Isto hai que aplicalo durante todo o ano, pero aínda máis no Nadal, posto que se trata da época do ano que máis residuos se producen por causa das comidas, regalos, envoltorios e demais.

  • CONTEDOR AZUL

Deposita: Papel e caixas de cartón, envases de alimentación, caixas de calzado, produtos conxelados, papel de envolver, papel de uso diario, etc.

Non deposites: Briks, deben ir ao contedor amarelo, porque está composto no solo por cartón, senón tamén de plástico e aluminio. Panos de mesa e papel de cociña usado ao contedor de residuos orgánicos. Cueiros ou compresas ao contedor de restos.

  • CONTEDOR VERDE

Deposita: Botellas de vidro de licores, viño, cava, cervexa, etc. Frascos de perfume, colonia, cremas, etc. Tarros de alimentos de marmelada conservas, vexetais e similares.

Non deposites: Lámpadas, espellos, cinceiros, vasos ou vaixelas. Deben ir ao punto limpo.

  • CONTEDOR MARRÓN (ORGÁNICO)

Deposita: Os restos de alimentos como peles de froitas, espiñas de peixe, plantas, cáscaras de ovo ou pousos; panos de mesa e papel de cociña usados, poden facerse compostas.

Non deposites: Restos non orgánicos como obxectos de cerámica, cueiros, cabichas, gomas, toallas húmidas, area para mascotas, pelo, po, etc.

  • CONTEDOR AMARELO

Deposita: Botellas e envases de plástico, productos de hixiene e limpeza, terrinas, bandexas, envoltorios e bolsas, botellas con tapas e tapóns. Envases metálicos, latas, bandexas de aluminio, aerosois, botes de desodorizante, tapas e tapóns metálicos. Briks de leite, zumes, sopas, etc. Envases de madeira, caixas de froitas e verduras. Envases de cerámica, de yogures, cuajadas, natillas, etc.

Non deposites: Xoguetes de plástico. Papa Noel e os Reis Magos traerannos moitos xoguetes. Os vellos as veces quedan esquecidos nun armario, existen organizacións que os recollen con fins sociais.

Lembra que existe un Punto Limpo no Polígono de Os Capelos onde se pode depositar calquer obxecto doméstico. Ademais, existe un servizo de recollida os mércores. Se tes algo que tirar e avisas ao Concello os martes ou o día anterior, esa misma noite poderás deixalo no contedor máis cercano para que ao seguinte día pasen a recollelo.

Todos os días da semana de feira sitúase no Campo da Feira un mini punto limpo para poder depositar pilas, móbiles, lámpadas e outros residuos que non deben ir nos contedores.
Hai colectores para depositar aceite usado na Rúa O Castro, Uxío Novoneira e Manuel Ferrol. Non se debe tirar polo inodoro nin polo lavabo. Ataca as tubaxes e provoca problemas de funcionamento nas depuradoras

Nestas datas, ademais, para decorar a nosa casa, podemos crear os nosos propios adornos con materiais que tiraríamos.

Aquí poñemos fotos para que vos deades algunha idea, pero é cuestión de deixar voar a imaxinación.

Concello de Carral publica os resultados do III Concurso de Tapas Tapeando Carral. A relación de premiados é a que, a continuación, se indica:

  • Premios aos establecementos:

Premio do xurado popular á tapa “Brioburguer de Lacón” do establecemento “Do Pincho”.

Premio do xurado profesional á tapa “Petisco dos Muiños” do establecemento Costa da Egoa.

  • Premios ao público participante:

Primeiro premio: Manuel C. B.

Segundo premio: María Elena R. C.

Terceiro premio: Susana M. Y

Resultados concurso Tapeando Carral

  • As persoas interesadas poderán anotarse ata as 23.59 horas do 20 de decembro. Para facelo, deberán enviar un WhatsApp ao 674 793 475.

O Concello de Carral lanza unha nova edición do seu concurso de Decoración de vivendas e comercios polo Nadal tras o éxito acadado na primeira edición. O concelleiro de Participación Cidadá, Francisco Bello, sinala que o obxectivo desta iniciativa “é encher o municipio do espírito de Nadal e fomentar a participación dos veciños e veciñas e dos responsables dos negocios, que poden contribuír decorando as súas vivendas e establecementos”. O edil confía en que, este ano, se sumen aínda máis persoas á iniciativa.

O ano pasado había unha única categoría. Con respecto a esa primeira edición, o concurso incorpora as seguintes categorías:

  • Casas: poden decorarse tanto as fachadas como os xardíns.
  • Pisos: apartamentos, áticos, dúplex.
  • Comercios: poderán decorarse os escaparates dos locais comerciais.

Un xurado encargarase de examinar todas as propostas e terá en conta aspectos como a orixinalidade, a composición estética e a adaptación á contorna para elaborar a relación de gañadores.

As persoas interesadas poderán anotarse ata as 23.59 horas do 20 de decembro. Para facelo, deberán enviar un WhatsApp ao 674 793 475. No envío deberán achegar imaxes da proposta (oito como máximo) ou un vídeo (este poderá durar ata 30 segundos e deberá ter formato MP4). Ademais, as persoas participantes terán que achegar nome, apelidos, teléfono de contacto, enderezo e localización da vivenda.

A entrega de agasallos aos tres primeiros clasificados de cada categoría levarase a cabo o 23 de decembro no Campo da Feira de Carral.

Bases Concurso Decoración de Nadal 2022

Dentro da programación deportiva municipal, o domingo 11 de decembro, o Concello de Carral e o club de patinaxe Alquimia, organizan o “XIII Día do Patín” no Complexo Cultural e Deportivo de Paleo. Este evento naceu hai xa 13 anos coa finalidade de fomentar unha práctica activa e saudable a través dunha disciplina deportiva que tantos “adictos” reúne en Carral.

Ao evento acudirán clubs, escolas, patinadores e afeccionados de toda a comarca, Culleredo, Arteixo, Laracha, A Coruña, Cambre, etc., e por suposto, Carral. Con 68 patinadores prerexistrados, esta actividade aumenta o seu número de participantes ano tras ano. Para aqueles que non teña os seus propios patíns, desde a organización prestaránselles uns para que todo o mundo poida probar e gozar desta xornada festiva.

A actividade comezará sobre das 16.00 da tarde e prolongarase ata as 19.00 h. Durante a xornada levaranse a cabo actividades lúdico-formativas, como a decoración, mantemento e pintado de patíns e camisetas, proxección de campionatos da especialidade e documentais técnicos, clases de iniciación para aqueles novatos que nunca se puxeron uns patíns, xogos para os máis pequenos, elaboración de coreografías, etc.

Nesta edición tamén presentamos novas actividades como clases de iniciación ao Skateboard, Roller-fítness, etc., coa intención de achegar aos asistentes a gran variedade de actividades e rápida evolución que caracterizan este deporte.

A inscrición é totalmente gratuíta tanto para os clubs e escolas como para os patinadores individuais que se acheguen polo lugar.

Para máis información ou inscribirse, os interesados poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, no teléfono 981 67 25 80 ou no mail deportes@carral.es.

A Deputación da Coruña lanza unha nova edición da súa Campaña da Neve para acudir á estación de Valgrande-Pajares entre o 13 de xaneiro e o 17 de febreiro.

A iniciativa está dirixida a mozos e mozas de entre 11 e 15 anos que aprenderán a esquiar nunha das mellores estacións do país. En caso de que o tempo non o permita, realizaranse actividades complementarias.

As inscricións poden tramitarse no Concello de Carral.

T

  • No torneo enfrontaranse xogadores das categorías Sub-10, Sub-14, Absoluto e Mellor local.

Carral converterase o sábado, 10 de decembro, no escenario do XXI Torneo de Xadrez de Nadal. A cita deportiva levarase a cabo no pavillón O Espiño entre as 16.30 e as 20.00 horas e, ao longo da mesma, está previsto que se dean cita 50 xogadores e xogadoras.

No torneo enfrontaranse participantes das categorías Sub-10, Sub-14, Absoluto e Mellor local. Estes niveis poderán modificarse en función do número de persoas anotadas en cada un. En canto ao desenvolvemento do certame, este disputarase por sistema suízo de sete rondas e o ritmo de xogo será de 10’ + 3’’.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata o 9 de decembro ou ata esgotarse as prazas. Para facelo, dispoñen das seguintes vías: o teléfono 981 67 25 80 e o correo deportes@carral.es.

A demolición do galpón de Cabrois realizarase en base a catro informes negativos: dous do arquitecto municipal, un da interventora e outro de Augas de Galicia. Neste último, indícase que tanto a caseta como a fosa séptica invaden unha zona de servidume do leito de auga determinando, por tanto, que estes elementos non poden legalizarse. O alcalde de Carral, Javier Gestal, volveu lamentar que as malas xestións “do anterior goberno sigan custándolles cartos aos veciños e veciñas de Carral, neste caso serán outros 30.000 euros os que o Concello empregará para demoler esta construción e repoñer a legalidade”.

O arquitecto municipal e a interventora xa emitiran informes desfavorables no ano 2019. O arquitecto indicaba, por unha banda, que durante a execución das obras non se respectaron as distancias fixadas no anteproxecto. Polo outro, a interventora emitiu un informe con reparos suspensivos e sinalaba, ademais, que as actuacións non tiveran un seguimento por parte do director de obra e do arquitecto.

No 2022, Augas de Galicia remitiu ao Concello apuntando que a caseta e a fosa séptica se construíran invadindo a zona de servidume do leito de auga. Pola súa banda, o informe do 2022 do arquitecto apunta que estes elementos están situados nunha parcela distinta á que aparecía no convenio asinado co propietario da parcela, clasificada como chan rústico de especial protección das augas.

O rexedor explica que a intención desde o goberno local foi “en todo momento, dar de alta a luz e o resto de servizos para que os veciños e veciñas puidesen facer uso desta instalación”. Con todo, Gestal sinala que “tras recibir os diferentes informes, o deber do Concello ten que ser o de repoñer a legalidade e, neste caso, derrubar esta construción ilegal”.

Carral involucrará, de novo, á comunidade educativa na loita contra a violencia de xénero. Coincidindo con 25N, o Concello levará a cabo un completo programa para conmemorar esta xornada coa colaboración do CEIP Vicente Otero Valcárcel e do IES de Carral. As actividades terán lugar no Toñito Espiñeira desde as 12.00 horas.

Por un lado, o Concello inaugurará unha exposición fotográfica cedida polo colexio Juan Pablo I de Valderrubio de Granada. A mostra está conformada por fotografías realizadas polo alumnado do centro de ensinanza e, nela, aparecen capturados os distintos tipos de violencia que sofren as mulleres. A mostra poderá visitarse no edificio social Toñito Espiñeira ata o 16 de decembro.

A programación incluirá, ademais, a lectura dun manifesto por parte de varios estudantes do Vicente Otero e do IES de Carral. Así mesmo, presentaranse dúas iniciativas feitas polos propios rapaces e rapazas para conmemorar esta xornada. Por unha banda, cada clase do Vicente Otero personalizou un zapato vermello (símbolo da violencia de xénero) como homenaxe ás vítimas desta lacra social. Pola outra, o alumnado de 1º, 2º, 3º, 4º da ESO do IES de Carral, o equipo docente e o resto de persoal do instituto elaboraron un vídeo no que nomean ás máis de 40 vítimas da violencia de xénero en España ao longo do 2022. O programa pecharase coa realizació dun minuto de silencio.

A concelleira de Igualdade, Mercedes Caridad, sinala que a “educación continúa sendo unha poderosa ferramenta para previr a violencia machista, polo que consideramos fundamental implicalos desde moi novos para previr calquera tipo de violencia.

Impulsar o consumo no tecido hostaleiro e dar a coñecer a ampla oferta de Carral. Eses son os obxectivos que o goberno local se propón conseguir co lanzamento doutra edición do Concurso de Tapas. Baixo o nome Tapeando Carral, a iniciativa volve con case o dobre de establecementos hostaleiros participantes: pásase dos nove da pasada convocatoria aos 17 que concorrerán nesta terceira edición. Desde o goberno local confían en que a iniciativa “teña unha boa acollida e sirva como revulsivo para atraer a máis visitantes ao municipio, promovendo así o consumo nos establecementos e dándolle máis vida ao pobo”.

Nesta ocasión, o certame municipal contará coa participación dos seguintes locais das parroquias de Tabeaio, Sergude, Carral, Cañás e Beira: Boca Grande, Pizzería Centro, Bar Tropezón, Bar Adolfo, Taberna Siglo XXI, O Pincho, Bodega O Alprende, O Piolindo, Bar Roel, Lume e Ferro, A Rotonda, O Lareiras, Cervecería P3, O Caravel, O Betanceiro, A Parola e Costa da Egoa.

O concurso levarase a cabo entre o venres, 2 de decembro, e o domingo, día 4. Ao longo deses días, o público poderá degustar as tapas propostas entre as 12.30 e as 15.30 horas e as 20.00 e as 23.00 horas.

Como en anteriores edicións, haberá premios tanto para os locais participantes como para os propios comensais. Por unha banda, os establecementos poderán optar ao premio á Tapa Máis Popular (elixida polos propios clientes) e ao de Mellor Tapa (neste caso, será un xurado profesional o que outorgue o galardón). Pola outra, unha vez que o cliente acade un número mínimo de selos diferentes terá a posibilidade de facerse tamén con agasallos e recompensas. Neste caso, a persoa terá que cumprir o cupón cos diferentes selos e depositalo nas furnas que estarán situadas nos negocios. O sorteo terá lugar o luns, 12 de decembro, a partir das 9.00 horas. Nesta edición, concederase un primeiro, un segundo e un terceiro premio en función da porcentaxe de selos acadados pola persoa.

O concurso realízase en colaboración coas empresas Estrella Galicia, Grupo Bodegas Olarra e Exclusivas Rivas Suárez.