• Debido á execución dos traballos cortarase o tráfico de Sergude-Cañás-Sergude.
  • Javier Gestal destaca que “por fin conseguimos desbloquear esta obra tan agardada, que beneficiará a vehículos e tamén aos peóns”.

 

O Concello de Carral iniciou hoxe as obras de mellora de seguridade viaria da Ponte da Brexa, ampliando a plataforma e permitindo gañar espazo para o paso dos vehículos e dos peóns.

 

Debido á execución dos traballos cortarase o tráfico de Sergude-Cañás-Sergude. Desde o Concello de Carral piden desculpas aos usuarios e usuarias da vía que se poidan ver afectados por este corte ata que rematen as obras.

 

A actuación contempla a ampliación da plataforma da ponte, conseguindo un sobreancho considerable que permitirá o paso, con total seguridade, de vehículos e peóns.

 

O alcalde de Carral, Javier Gestal, destaca que “por fin conseguimos desbloquear esta obra tan agardada, que beneficiará a vehículos e tamén aos peóns” e explica que “o retraso que houbo foi debido a problemas no desenvolvemento do proxecto, pola falta nun primeiro momento dun estudo xeotécnico e por falta do cálculo de resistencia”.

  • Os cursos de natación, que comezaron o pasado día 4, contan con 43 nenos e nenas
  • 16 persoas iniciaron o curso de pádel o día 6
  • Unhas 20 parellas participan desde este luns no torneo de pádel, que se estenderá ata o mes de setembro
  • O vindeiro sábado 23 haberá un roteiro dacabalo na Granxa Escola Coventina (San Vicente)

 

O Concello de Carral ofrece para este mes de xullo unha ampla oferta en materia lúdica e deportiva, con cursos de natación, pádel e equitación.

 

O alcalde de Carral, Javier Gestal, quere destacar “o amplo abanico de actividades relacionadas co deporte ao longo deste mes, no que hai programadas propostas para todas as franxas de idade”. 

 

O luns 4 de xullo foi o punto de partida para os cursos de natación deste mes, que contan con 43 nenos e nenas divididos en dous grupos (iniciación e perfeccionamento). Está previsto que se abra a inscrición para os cursos do mes de agosto este próximo venres.

 

O día 6 de xullo foi o inicio para o curso de iniciación ao pádel, que nesta edición conta con 16 persoas. Están divididos en dous grupos en función da súa idade: adultos e nenos/as.

 

Sen cambiar de deporte, o pasado luns 11 de xullo, deu comezo o torneo de pádel que se disputará ata o mes de setembro nas pistas de pádel municipais. Ao redor de 20 parellas competirán para facerse coa vitoria final.

 

Ademais, o próximo 23 de xullo organizarase unha actividade de roteiro dacabalo coa Granxa Escola Coventina (San Vicente), pensado para familias ou grupos de amigos. Haberá cinco prazas para nenos maiores de 6 anos, que se poderán inscribir ata o próximo día 20 de xullo, cun prezo de 15€.

Ábrese un segundo prazo de inscrición (dende o 11 ao 18 de xullo) para as semanas dos campamentos de verán nas que quedaron prazas vacantes. Read more

Fanse públicas as listaxes de admitidos e reservas no ENGLISH SPORT CAMP (18 de xullo – 5 de agosto)
Read more

Co DOG 124 do xoves 30 de xuño de 2022 o IGVS publica:

Resolución do 27 de xuño de 2022 pola que se convocan axudas para o alugueiro.

Prazo: hasta 31/10/2022

Máis información, no servizo de medio ambiente do concello ou no teléfono 981 670 002.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, asinou, onte, un convenio co presidente da Deputación, Valentín González Formoso. Por medio deste acordo, o ente provincial financiará preto do 80% do proxecto para reformar as pistas deportivas de Paleo. Isto é, a achega da Deputación será de 146.432,26 euros, mentres que a contía restante (36.608,49 euros) procederá das arcas municipais. Trátase dunhas obras que o rexedor considera “fundamentais” na medida en que permitirán ao Concello dispor dun espazo cuberto para albergar actos culturais e deportivos, entre outros.

O proxecto suporá a execución das seguintes actuacións: construción dun muro de contención na parte traseira das pistas e dunha soleira de formigón armado en toda a superficie, disposición dun peche perimetral de 4 metros de altura de malla electrolosada, entre outras. A contía servirá, así mesmo, para crear unha cuberta de 700 m2 sobre as pistas. Deste xeito, unha vez concluídos estes traballos, o Concello disporá dunha dependencia de grandes dimensións que poderá acoller todo tipo de eventos.

Depuradora do Quenllo

Durante a reunión co presidente provincial, a Deputación comprometeuse, ademais, a sufragar os gastos da redacción do proxecto para a futura depuradora do Quenllo. A través dunha subvención nominativa, a achega provincial neste caso será de 120.000 euros.

A infraestrutura actual sofre deficiencias no tratamento de auga. Estas carencias xorden, fundamentalmente, polo tipo de carga de augas residuais urbanas e industriais que recibe, así como polo excesivo volume de auga entrante que se rexistra en certos momentos.

Gestal sinalou que a disposición dunha nova depuradora “é, sen lugar a dúbidas, unha das máximas prioridades do goberno local”, e apunta que seguirá recabando apoios doutros organismos para a súa creación.

Desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) de Carral organizamos unha excursión ó Galipark para o mércores 20 de xullo.

Tiro con arco, tiralinas, rocódromo, piscina, deslizador acuático ou circuítos multiaventuras, durante todo a día.

Esta actividade para nenas e nenos a partir de 10 anos, ten un prezo de 17 euros, e a saída está programada para as 9:30 h. desde o Local Interxeracional e a chegaremos ás 19:30 h. ó mesmo lugar.

Tedes de prazo ata o 18 de xullo para anotarvos. Enviándonos a folla de autorización/inscrición, que tamén atoparedes no Facebook e no Instagram da OMIX de Carral, a omix@carral.es, por whatsapp ó 674.793.475 ou entregándoa na OMIX (Local Interxeracional, r/ Alcalde Juan Seijas, nº 8, baixo).

Non facer o pago ata que se confirme a praza!

 

Publícase a acta do tribunal cualificador do procedemento de selección para a contratación dun/ha operario de limpeza de montes subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do emprego no medio rural (APROL RURAL 2022).

 

Con esta publicación outórgaselles aos/ás interesados o prazo dun día hábil (dada a urxencia da contratación) para reclamacións ou alegacións.

 

O que se publica aos efectos oportunos.

 

ACTA APROL 2022.doc

Por decreto da alcaldía do 30 de xuño de 2022 resolveuse aprobar a listaxe definitiva de admitidos/as e excluídos/as do proceso de selección para a contratación dun operario de limpeza de montes así como nomear ao tribunal cualificador e fixar o día e a data da proba práctica e da entrevista profesional.

 

No mesmo decreto acordouse comunicarlle vía telefónica a todos/as os/as interesados o día e a hora da realización das mesmas.

 

O que se publica aos efectos oportunos.

 

Modelo Decreto

Por decreto da alcaldía do 27 de xuño de 2022 resolveuse aprobar a listaxe provisional de candidatos/as admitidos/as e excluídos/as presentados/as ao procedemento de selección  para a contratación dun/ha operario/a de limpeza de montes ao abeiro da subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do emprego no medio rural (Aprol rural 2022).

 

Coa publicación deste anuncio outórgaselle aos/ás interesados/as un prazo de dous días hábiles ( o 28 e o 29 de xuño de 2022) para correccións ou reclamacións.

 

Modelo Decreto