O programa de Teatro de Outono de Carral presenta esta semana a Marcos Pereiro, Santi Romay e Tito Rober nun obra moi especial. Ainé presenta ‘Coleccionistas’, unha comedia didáctica, unha clase de arte chea de humor, un espectáculo teatral participativo, unha auténtica homenaxe á improvisación.

A función será en Tabeaio ás 20:30 h. Coma sempre é necesario reservar entradas chamando ao 981 672 580. O aforo é limitado.

Luis Tosar e Anna Castillo protagonizan “Adú”, a película que se proxecta este venres, ás 20:30 h, na Casa da Cultura incluída no actual ciclo de cine que está a realizar.

Nun intento desesperado por alcanzar Europa e agochados diante dunha pista de aterraxe en Camerún, un neno de seis anos e a súa irmá maior esperan para coarse nas adegas dun avión. Non demasiado lonxe, un activista ambiental contempla a terrible imaxe dun elefante, morto e sen cabeiros. Non só ten que loitar contra a caza furtiva, senón que tamén terá que reencontrarse cos problemas da súa filla recentemente chegada de España. Miles de quilómetros ao norte, en Melilla, un grupo de gardas civís prepárase para enfrontarse a un gran número de subsaharianos que iniciou o asalto ao valo. Tres historias unidas por un tema central, nas que ningún dos seus protagonistas sabe que os seus destinos están condenados a cruzarse e que as súas vidas xa non volverán ser as mesmas.

As persoas interesadas en gozar da película terán que reservar previamente as súas entradas no teléfono 981 672 580.

Nas vésperas do último xoves de mes, a Biblioteca municipal xa está anotando reservas para asistir ao contacontos para animación á lectura dos máis pequenos. Trinketrinke Teatro volve cos Ratos de Lonxedetodo para contarnos a súa “Viaxe pola Galicia encantada”. Esta actividade, que terá lugar ás 18:00 h, está incluída no programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Estas sesións están dirixidas a nenas e nenos de 4 a 8 anos de idade. Para participar deberán reservar convites chamando ás Casa da Cultura (981 672 580). As prazas son limitadas.

A Casa da Cultura está de estrea. Este xoves, 21 de outubro ás 20.30 horas, a instalación municipal acollerá a proxección de “The Monkey”, a curtametraxe galardoada no Festival de Animación de Lisboa (Monstra) e no Primavera do Cinema de Vigo. A actividade incluirá, ademais do pase da curta, un coloquio posterior co produtor e codirector da obra, Xosé Zapata.

A obra está ambientada no ano 1588. Un náufrago da Armada Invencible -enviada por Felipe II desde Lisboa para conquistar Inglaterra- resulta capturado nunha praia de Irlanda. Alí é xulgado, declarado culpable e aforcado ata a súa morte. Malia que a historia podería semellar razoable, a particularidade é que o prisioneiro protagonista é un mono.

“The Monkey” foi dirixida polo carralés Xosé Zapata e por Lorenzo Degi’ Innocenti, e comezou a súa distribución con máis dunha ducia de seleccións en festivais de todo o mundo. Desde que saíu á luz, este traballo recibiu dous premios. O primeiro, no Festival de Animación de Lisboa (Monstra), onde obtivo o Premio “Mostrinha”. O segundo chegou da man da Primavera do Cinema de Vigo, onde recibiu o Premio do Público á Mellor Curtametraxe Lusófona.  

A través do apoio da Deputación da Coruña, a obra estrearase na provincia cunha primeira parada na Casa da Cultura do Concello. O aforo da actividade é limitado, polo que as persoas interesadas en acudir deberán reservar a súa entrada previamente chamando ao teléfono 981 67 25 80. 

Tras un ano de parón por mor da covid-19, o Concello retomará, este outono, o seu concurso de tapas “Carral, con moito gusto”. Trátase da segunda edición desta iniciativa, que naceu en 2019 e acadou uns excelentes resultados entre os locais de hostalaría do municipio. Agora, o goberno local recupera a proposta, coa que se busca “promover o consumo nos bares, restaurantes e todo tipo de locais de hostalaría, que viviron un ano e medio especialmente difícil pola emerxencia sanitaria, sufrindo varios peches e paróns na súa actividade”.

O certame estará aberto á participación de bares, mesóns, restaurantes e cafeterías, sempre e cando prime o emprego de produtos locais e de tempada na elaboración das receitas. Os locais interesados poderán tramitar a súa inscrición entre o 2 e o 5 de novembro (ambos os dous incluídos). A folla de inscrición debidamente cuberta deberá presentarse no rexistro do Concello antes das 14.00 horas do 5 de novembro. Terá que incluír o selo do establecemento, ou o CIF e sinatura no caso de non ter selo. O propio concurso levarase a cabo entre o 3 e o 6 de decembro como preámbulo das festas de Nadal.

Premios aos hostaleiros

Todas as tapas poderán optar aos seguintes recoñecementos: Premio do xurado popular, Premio Mellor Tapa 2021 e primeiro e segundo premio do xurado profesional.

Descarga a ficha de inscrición aquí.

Descarga as bases do concurso aquí.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, asinou, esta semana, unha decena de convenios de colaboración con entidades deportivas e culturais, así como cunha asociación medioambiental do municipio. Con estes acordos, que ascenden a 16.400 euros, o goberno local reforza o seu compromiso co tecido asociativo do municipio, que “vén de vivir un ano e medio especialmente difícil por mor da pandemia, tendo que parar a súa actividade”.  

Os acordos subscribíronse coas seguintes entidades:

  • U.D. Carral: 8.000 euros
  • Club Patinaxe Alquimia de Carral: 1.300 euros
  • Club Ximnasia Rítmica Carral: 1.000 euros
  • Centro Ecuestre Finca Abrigosa: 1.000 euros
  • Club Deportivo Ares Racing: 1.000 euros
  • Club BTT Carral: 900 euros
  • Club de Tiro Olímpico: 600 euros
  • Custodia do Territorio de Carral “Brexa”: 1.000 euros
  • Asociación cultural “Cultura Aberta”: 600 euros
  • Asociación cultural “Aires de Carral: 1.000 euros

As contías servirán para sufragar, entre outros, os seguintes gastos: desenvolvemento de actividades e posta en marcha de escolas deportivas, organización e participación en torneos e competicións, adquisición de material, transporte, licencias federativas, realización de charlas, organización de actividades culturais e doutro tipo, etc. 

O Concello de Carral publica toda a información relativa sobre o obradoiro de emprego “Reserva de Biosfera: Emprego verde”.

Resultado definitivo dos procesos de selección do persoal de Reserva de Biosfera: Emprego verde

Resultados definitivos proceso selectivos prazas alumnado de Reserva de Biosfera: Emprego verde

Gustaríavos coñecer o parque eólico das Encrobas? Este domingo, 17 de outubro ás 10.30 horas no Marco das Eiras realizarase unha andaina de 2 km pasando polos distintos puntos onde está prevista a instalación de aeroxeneradores.

A actividade está organizada pola Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo en colaboración co Concello de Carral.

O Concello viviu hoxe, luns 11 de outubro, o pistoletazo de saída do Ciclo de Teatro de Outono, que se celebrará entre o 16 de outubro e o 11 de decembro. A Casa da Cultura acolleu o acto de presentación desta edición, que incluirá a representación de oito obras de teatro a cargo de varias compañías de renome. Na inauguración tomaron parte o alcalde, Javier Gestal, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, membros do goberno local e representantes das agrupacións que se subirán ao escenario ao longo do programa.  

Durante a súa intervención, o rexedor incidiu en que a organización deste ciclo supón “seguir apostando pola promoción da cultura, un compromiso que este goberno mantivo mesmo tras a irrupción da pandemia da covid-19”.

Este ano, o programa incluirá sete funcións dirixidas a público adulto e unha ao familiar. Gloria nacional, de Teatro do Noroeste, inaugurará o calendario o sábado, 16 de outubro. A obra conta a historia de Uxío Rodas, un escultor e pintor considerado como unha auténtica “gloria nacional” polo seu traballo. Porén, despois de que lle encarguen unha escultura monumental, o autor entrará nunha fonda crise creativa.

Crónica dunha heterosexual insatisfeita a cargo de Verdeveras (23 de outubro) tomará o relevo convidando ás persoas asistentes a reflexionar sobre as normas e parámetros preestablecidos que facemos propios sen sequera pensar se hai outra opción diferente. Unha semana despois (30 de outubro), Ainé chegará ao municipio con Coleccionistas. Trátase dunha comedia didáctica, unha clase de arte chea de humor na que o público asistente terá un papel do máis participativo.

Novembro arrincará con Dúas pedras no camiño da man de Mofa e Befa (6 de novembro). En palabras da propia compañía, é un espectáculo antolóxico de pezas míticas que se manteñen na memoria do público. O título xoga coas alusións á música popular a á súa filosofía, que nos lembra que unha pedra no camiño pode ser algo que nos ensine e nos transforme.

De seguido, o 20 de novembro, Ibuprofeno Teatro subirá á escena para representar O mel non caduca, protagonizada por dous científicos/apicultores que tratan de crear sinteticamente unha abella a partir do último tarro de mel que se conserva na historia.

Contraproducións terá a ocasión de conquistar á veciñanza carralesa o 27 de novembro con A compañeira de piso, na que se tratan os temas de idade, muller e identidade dun xeito fresco e divertido.

A lúa vai encuberta chegará o 4 de decembro a Carral a cargo de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante. Este espectáculo relata a historia da realidade de Galicia e da loita incesante por conformar unha identidade propia, enfrontándose, para iso, ao seu pasado recente e ás súas contradicións. A obra acaba explicando as razóns de porque Galicia ten os rasgos políticos, sociais e económicos que a caracterizan. Este traballo recibiu o segundo premio do certame Manuel María de proxectos teatrais que convoca a Casa Museo Manuel María.

Patapatum de Elefante Elegante pechará, o 11 de decembro, a nova edición do Ciclo de Teatro de Outono. Trátase dunha obra visual dirixida ao público infantil e familiar a partir dos 4 anos. Patapatum é unha reflexión sobre o tempo, a crianza e sobre como enchemos os baleiros das nosas ausencias.

Agás no caso de Coleccionistas, todos os espectáculos levaranse a cabo a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña. En todos os casos, as propostas levaranse a cabo seguindo un estrito protocolo de seguridade pola covid-19. O aforo será limitado, polo que será preciso reservar os convites antes do venres previo á función. Para facelo, as persoas interesadas deberán chamar ao teléfono 981 67 25 80.

Baixo o lema “O negocio que precises está en Carral”, o Concello puxo en marcha a plataforma Merca Carral, un novo espazo web co que o goberno local busca apoiar e dar visibilidade aos negocios afincados no municipio, sobre todo na situación sanitaria actual. Así, tal e como indica o equipo de goberno “a irrupción da pandemia provocou o peche de moitos establecementos e trouxo consigo enormes perdas para os responsables dos locais. Con este novo espazo web o que buscamos, precisamente, é promover as compras e o consumo no tecido económico de Carral”.

Ata o de agora, son xa preto de medio centenar as compañías que forman parte deste directorio. Esta relación inclúe restaurantes e bares, salóns de peiteado, axencias de viaxes, panadarías e tendas de alimentación, dentistas, zapaterías e tendas de roupa, etc.

As firmas e persoas autónomas que desexen incluír a súa ficha en Merca Carral poderán rexistrarse de xeito gratuíto na propia web https://mercacarral.com/Unha vez dentro, terán que encher o formulario web indicando o seu nome e o da empresa, os datos de contacto, o tipo de compañía e o enderezo. Así mesmo, terán que incluír o logo, imaxe e unha descrición do negocio.