Este fin de semana realizouse o Obradoiro de arte urbana organizado pola OMIX (oficina municipal de información xuvenil). Nesta actividade os participantes, puideron aprender a realizar pintura mural tanto con sprays coma con pintura plástica.

A cooperativa cultural 7H, impartiu este curso que se levou a cabo o venres e o sábado, e que tivo unha duración de 20 h.

Os mozos aprenderon primeiro, nocións básicas de arte urbana, para despois plasmar nunha parede, ao lado do Local interxeracional, todas esas ideas. Esperamosvos para a próxima!

Carral acaba de mergullarse, de cheo, na época de verán co inicio dos cursos de natación, que arrincaron hoxe, xoves 1 de xullo, e se prolongarán ata finais de agosto. Trátase dunha das propostas deportivas e de lecer que o Concello ofrece, ano tras ano, e que forma parte xa da axenda estival do municipio.

As sesións do mes de xullo contarán coa participación dun total de 30 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. Porén, os cursillos levaranse a cabo en dúas quendas con 15 usuarios e usuarias cada unha: a primeira terá lugar de luns a venres de 12.00 a 12.45 horas, mentres que a segunda será os mesmos días de 13.00 a 13.45 horas.

Co fin de garantir o cumprimento da distancia interpersoal entre os mozos e mozas, en cada quenda haberá, á súa vez, dous grupos.

A Concellería de Cultura comunica que os concertos do ciclo Músicas Íntimas, previstos inicialmente para esta fin de semana, mudan de datas.

Así o concerto de MJ Pérez será o sábado 31 de xullo e o de Lulavai o 1 de agosto.

Desde o departamento de Cultura piden desculpas polas molestias que poida ocasionar este cambio.

Carral viviu, esta semana, o pistoletazo de saída da 1ª quenda dos seus campamentos de verán, cos que se favorecerá a conciliación de 136 familias do municipio ao longo das vindeiras semanas. A nova convocatoria arrincou o luns con dúas importantes novidades en materia de conciliación: por un lado, ampliando os horarios das actividades ata as 16.00 horas e, polo outro, brindándolles aos pais e nais a posibilidade de anotar aos nenos e nenas por semanas.

Os campamentos están dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos e levaranse a cabo en tres quendas con diferentes temáticas. Ata o 16 de xullo celebraranse os campamentos deportivos. Entre o 19 de xullo e o 6 de agosto levaranse a cabo os English Sport camp e, por último, os campamentos de Medio Ambiente terán lugar do 9 de agosto ao 3 de setembro.

A través de diferentes actividades de lecer, a rapazada coñecerá, nesta primeira quenda, a vida deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do municipio.

Co fin de axustar á organización da actividade ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas pola Xunta de Galicia, o Concello está celebrando os campamentos no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza.

Os nenos e nenas poden entrar no recinto desde as 8.00 horas. Así, entre a hora de entrada e as 10.00 horas ten lugar o programa Madrugadores, entre as 10.00 e as 14.00 horas realízanse as propias actividades e, de 14.00 a 16.00 horas, é a hora da comida. Naqueles casos nos que se solicitou, os cativos e cativas poden traer o seu propio xantar da casa e poderán tomalo no comedor do colexio baixo a supervisión dos monitores e monitoras.

Medidas covid-19

Os rapaces e rapazas están separados en grupos burbulla. Antes de entrar no recinto, os usuarios e usuarias desinfectan as mans. Ademais, os maiores de 6 anos empregan a máscara de xeito obrigatorio. A maiores, o Concello establece quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.

O Concello de Carral iniciou a execución do saneamento nos lugares de Balbén, Ameás e A Ramalleira, na parroquia de San Vicente de Vigo. Estas actuacións, englobadas dentro dunha primeira fase, están a realizarse con cargo ao POS+ adicional 2019 da Deputación da Coruña.

O proxecto do Concello servirá para instalar preto de 2.000 metros lineais de colector, dotando aos lugares de Balbén, Ameás e A Ramalleira deste servizo. A intención do goberno local é deixar todo preparado para arrincar a segunda fase, que abarcará outros lugares da parroquia.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, supervisou o inicio das obras e informou as persoas residentes sobre as mesmas, así como sobre o procedemento que se seguirá para as conexións á rede.

Co inicio destas obras, o equipo de goberno dá un primeiro paso para cumprir unha vella demanda dos veciños e veciñas da parroquia. Así, a pesar de que nesta parroquia está situada a depuradora do municipio, San Vicente de Vigo non dispón deste servizo.

O pasado martes rematou a exposición “9 meses, 9 causas”, que se organizou desde o CEIP Vicente Otero Valcarcel, e coa que colaborou o Concello de Carral, a través da OMIX (oficina municipal de información xuvenil).

Durante unha semana, entre o 15 e o 22 de xuño, preto de 250 persoas pasaron polo Local Interxeracional para ver os traballos que as rapazas e rapaces de Carral fixeron para esta exposición sobre o medio ambiente.

Os micro plásticos, as abellas, a contaminación do mar ou incluso os xabóns artesanais, foron algunhas das temáticas que o alumnado do CEIP Vicente Otero Valcarcel tratou nesta exposición que se puido ver no local e que esperamos que, pola gran acollida que tivo, póidase repetir no vindeiro curso escolar.

Despois de que o ano pasado fora a primeira vez que non imos o Aquapark de Cerceda despois de moitos anos seguidos, este ano retomamos esta actividade que tan boa acollida ten entre a nosa xuventude.

O mércores día 7 de xullo será o día no que, nenas e nenos de entre 8 e 17 anos, acudan ó parque acuático, nesta actividade organizada pola OMIX (oficina municipal de información xuvenil)

A saída farémola ás 11:00 h. desde a Casa da Cultura e estaremos de regreso ás 19:30 h. no mesmo lugar.

O prezo é de 8 euros e o pago farase na conta municipal ES21-2100-5781-3102-0000-1826 (CAIXABANK). Non pagar ata a confirmación da praza!

Os/as participantes teñen que levar mascarilla, toalla, comida, bebida, viseira, protección solar e sandalias.

Tes ata o 5 de xullo para anotarte e enviarnos a autorización e o resgardo de pago a omix@carral.es.

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza para o vindeiro 3 de xullo, unha actividade de sendeirismo. Nesta ocasión, faremos o roteiro PR-G 101, que percorre parte do noso Concello, pasando por Quembre, a capela de San Pedro de Rubieiro, ou a Costa da Égoa entre outros lugares.

E un roteiro con una dificultade media, de uns 12 km. de lonxitude e que nos pode levar arredor de 5 horas. A idade mínima é de 15 anos.

Sairemos desde o Campo da Feira ás 9:30 h. e estaremos de regreso no mesmo lugar ás 14:30 h.

Para anotarte tes ata o 1 de xullo para enviarnos a folla de participación ou a autorización (para menores de idade que non veñan acompañados/as) a omix@carral.es ou por whatsapp ó 674.793.475. É totalmente gratuíta.

Recomendamos levar auga, algo de comida, calzado axeitado e viseira.

Carral inaugura hoxe, venres 18 de xuño, a nova tempada de verán coa apertura da piscina municipal. O Concello abre a instalación despois de realizar as seguintes melloras: arranxo da soleira da piscina, poda das árbores para garantir unha maior claridade, encintado do vaso da piscina, limpeza da beirarrúa perimetral, cambio do material filtrante por nova tecnoloxía de cristal de vidro, arranxo das bombas de filtración, pintura do peche perimetral, etc. A piscina funcionará ata o 3 de setembro de 12.00 a 21.00 horas.

Como todos os anos, o Concello ofrecerá diferentes modalidades de abono. Ademais da entrada individual diaria –que contará con bonificacións para a 3ª idade e para as persoas menores de 18-, haberá abonos familiares. Os menores de 3 anos poderán acceder de xeito gratuíto.

A piscina funcionará cun protocolo de seguridade para previr contaxios pola covid-19. O aforo máximo da zona da praia será de 75 persoas, mentres que na propia piscina poderán estar 45 á vez. Co fin de garantir a distancia social, o Concello habilitou parcelas para os usuarios e usuarias. A desinfección das mans será obrigatorio, así como o emprego da máscara para circular pola instalación. Desde o Concello pregan aos usuarios e usuarias que eviten tocar barandas, obxectos e superficies.