Carral viviu, esta semana, o
pistoletazo de saída da 1ª quenda dos seus campamentos de verán, cos que se
favorecerá a conciliación de 136 familias do municipio ao longo das vindeiras
semanas. A nova convocatoria arrincou o luns con dúas importantes novidades en
materia de conciliación: por un lado, ampliando os horarios das actividades ata
as 16.00 horas e, polo outro, brindándolles aos pais e nais a posibilidade de
anotar aos nenos e nenas por semanas.
Os campamentos están
dirixidos a nenos e nenas de 3 a
15 anos e levaranse a cabo en tres quendas con diferentes temáticas. Ata o 16
de xullo celebraranse os campamentos deportivos. Entre o 19 de xullo e o 6 de
agosto levaranse a cabo os English Sport camp e, por último, os
campamentos de Medio Ambiente terán lugar do 9 de agosto ao 3 de setembro.
A través de diferentes
actividades de lecer, a rapazada coñecerá, nesta primeira quenda, a vida
deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do
municipio.
Co fin de axustar á
organización da actividade ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas pola
Xunta de Galicia, o Concello está celebrando os campamentos no recinto do CEIP
Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio
cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de
ensinanza.
Os nenos e nenas poden
entrar no recinto desde as 8.00 horas. Así, entre a hora de entrada e as 10.00
horas ten lugar o programa Madrugadores,
entre as 10.00 e as 14.00 horas realízanse as propias actividades e, de 14.00 a 16.00 horas, é a
hora da comida. Naqueles casos nos que se solicitou, os cativos e cativas poden
traer o seu propio xantar da casa e poderán tomalo no comedor do colexio baixo
a supervisión dos monitores e monitoras.
Medidas covid-19
Os rapaces e rapazas están
separados en grupos burbulla. Antes de entrar no recinto, os usuarios e
usuarias desinfectan as mans. Ademais, os maiores de 6 anos empregan a máscara
de xeito obrigatorio. A maiores, o Concello establece quendas nas saídas e
entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.