CARRAL CONMEMORA O 8M REIVINDICANDO O PAPEL DAS MULLERES DO MUNICIPIO

O Concello de Carral pon en marcha, un ano máis, o ‘Premio 8 de marzo’, un galardón co que se busca dar recoñecemento e valor social ás mulleres do municipio e reivindicar o seu papel na sociedade ao longo dos anos.

Os veciños e veciñas serán os encargados de propoñer ás mulleres ou grupos de mulleres para a concesión do galardón.

Deste xeito, a votación é pública e aberta a todas as persoas a través da aplicación workchecking.com, á que a xente poderá acceder a través da páxina web municipal. O número de votos de cada proposta tamén será público, podendo facerse un seguimento nesta mesma canle.

Os usuarios e usuarias deberán indicar o nome da muller e o motivo da súa elección. O prazo de presentación e votación rematará o vindeiro 6 de marzo.