O EQUIPO ARQUEOLÓXICO DO CASTRO DAS TRAVESAS AVANZA NA SÚA INVESTIGACIÓN

O  equipo de investigación do castro das Travesas está a presentar algunhas novas conclusións . No blog castrodastravesas.wordpress.com, posto en marcha polo grupo investigador, ofrece información sobre as novidades das súas pescudas, que se realizan como actividade propia do museo do castro.

Isto ten dado como resultado a reaparición dun importante castro en Carral (Vista Real na parroquia de Cañás), relevante polas súas dimensións e por estar próximo a outro moi coñecido (castro de Ameás).  Constátase a relación do Camiño Inglés cos castros, o cal apunta a que esta vía puido ter tido unha orixe moi antiga. Analizando o treito entre Gosende (Carral) e Figueroa (Abegondo) constátase a relación dos castros co Camiño Inglés pola súa proximidade. Non é a primeira vez que se ten documentado esta asociación, que se ten verificado arqueoloxicamente nas proximidades do castro das Travesas, e que se repite no val do río Mero.Peza 6 - 1ª

Outra novidade publicada é a aplicación dos criterios de simetría e proporcionalidade na configuración do castro das Travesas. No blog, o equipo científico detalla estas conclusións.

Cabe lembrar que no pasado mes de setembro se fixeron as últimas intervencións nas Travesas, coa participación de voluntarios europeos, que tomaban parte no programa Working Holidays de Tesouros de Galicia e a británica International National Trusts Organisation.

A Colección Visitable do Castro das Travesas, que está na Casa da Cultura de Carral, ofrece ao visitante unha excelente interpretación do que supuxo este castro, un dos máis grandes da provincia. Ademais son visitables os castros das Travesas e de Tabeaio. No devandito blog ofrécese completa información sobre como chegar, os horarios da sala expositiva ou como poder solicitar unha visita organizada.