CASE DOCE MIL PERSOAS GOZARON NO 2017 DOS EVENTOS CULTURAIS MUNICIPAIS
A Concellería de Cultura ten xa o balanzo da súa actividade durante o ano 2017. Realizou un total de 71 actividades no que participaron 11772 persoas.
As exposicións supoñen un 68% do total de público dos diferentes eventos. É a mostra do programa Fotos para as mil historias de Carral a que logrou sumar un maior número de espectadores, xa que nos 5 meses que estivo presente no Campo da Feira acumulou un total estimado de 7000 persoas que ollaron as fotos antigas de Carral. Ao coincidir neste período coas festas do Socorro, conseguiuse un gran índice de persoas que puideron gozar desta oferta cultural.
Pola súa banda as artes escénicas nas que se reúne o teatro, a danza, os monicreques e os monólogos, sumaron case 1100 espectadores nun total de 16 espectáculos. A oferta de cine conseguiu 850 espectadores en 24 proxeccións. Nas sesións de contacontos da campaña de animación á lectura da Biblioteca municipal participaron 750 persoas. Nos obradoiros e escolas culturais tomaron parte 240 persoas de todas as idades; e na oferta musical acadouse un total de público de 700 persoas, sendo o de maior concorrencia o concerto de Recambios Tucho e Cru no Campo da Feira.
O 2017 foi un ano de consolidación de diversos programas culturais municipais. É o caso do ciclo de Músicas Íntimas o que se leva a cabo na piscina municipal e que este ano ofreceu os concertos de De Vacas e Gonçalo Guerreiro. Ou o do concerto de rock que se programa na véspera das festas patronais do Socorro ou dos obradoiros e concursos de escrita nos centros de ensino. Tamén foi o ano da conmemoración do vixésimo aniversario do premio de poesía Concello de Carral, celebrado cunha exposición no exterior da Casa da Cultura e a publicación en internet dun documental sobre este concurso literario.
No ano que rematou tamén se escolleron por parte da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural dous dos programas municipais de Carral como modelos de boas prácticas da xestión cultural. Son o certame de poesía Concello de Carral e Fotos para as mil historias de Carral. Esta elección e os resultados obtidos no 2017 enchen de orgullo ao equipo municipal de Cultura e suponlle folgos engadidos para seguir mellorando no seu traballo e na consecución dos seus obxectivos.