OS DEPORTES DE RAQUETA PROTAGONISTAS NO FIN DE SEMANA DEPORTIVO DE CARRAL
David Castro e Alejandro Vázquez álzanse de novo co título de campións neste III torneo municipal de pádel por parellas e Borja Gestal fai o propio no XV Torneo de tenis de verán.
Este venres, ás 20.00 h, disputouse, nas pistas situadas no Complexo deportivo, a final do Torneo municipal de pádel por parellas de Carral.
Esta competición que vén desenvolvendo desde mediados de xullo reuniu a un total de 34 xogadores agrupados en 17 parellas. Ao longo do verán disputouse esta competición na que as parellas se distribuíron en 4 grupos para a disputa dunha liguiña na que se enfrontaron todos contra todos e que durou ata o día 13 de agosto. De cada grupo, clasificáronse os 4 mellores, conformando así as fases finais, que se disputaron a partir do luns 20 ata este venres 31 de agosto, cando tivo lugar a gran final. Ás 20.00 h, a parella formada por Alejandro Vázquez e David Castro (vixentes campións) enfrontáronse a Sebastián Cibils e Javier Pérez na disputa dunha final moi rifada; despois de máis de hora e media de encontro, o marcador decantouse finalmente ao lado de Alex e David cun resultado de 6/3 e 7/6. A parella de San Vicente de Vigo (Carral) álzase de novo co trofeo
Ao terminar o encontro o concelleiro de deportes, Rubén Regueira, fixo entrega dos trofeos ás dúas parellas finalistas.
XV Torneo de tenis.
Por outra banda, este sábado 1 de setembro, disputouse a final do Torneo municipal de tenis de Carral, que se desenvolveu ao longo do mes de agosto. Esta competición, con 15 edicións, é xa un clásico dentro da programación deportiva municipal do verán
Foron un total de 15 os tenistas inscritos de todas as idades. Os xogadores distribuíronse en grupos para a disputa dunha liguiña na que se enfrontaron todos contra todos e que durou desde o 8 de agosto ata o 1 de setembro. Dela conformáronse as fases finais, disputándose a partir do día 23, os oitavos, cuartos e semifinais.
Foi este sábado cando tivo lugar a gran final. Ás 19.00 h, o carralés Borja Gestal Caridade e Rubén Ybón López (sub-campión en varias edicións), disputaron unha das finais máis rifadas dos últimos anos; despois de máis de dúas horas e media de encontro, o marcador decantouse finalmente ao lado de Borja cun resultado de 6/3, 1/6 e 6/4.
Ao terminar o encontro a concelleira de Cultura, Margarita Ramilo, fixo entrega dos trofeos a ambos os finalistas.