O CONCELLO INAUGURA A NOVA SENDA PEONIL E CICLISTA ENTRE CARRAL E TABEAIO, QUE LEVA O NOME DE MARTÍN CORTÉS CACHEIRO

A distancia que separa os núcleos de Carral e Tabeaio é de apenas 2,5 quilómetros, pero, desde agora, a conexión entre ambos os puntos será moito máis segura e cómoda para viandantes e ciclistas. O Concello inaugurou, esta mañá, unha nova senda baixo o nome de “Martín Cortés Cacheiro”. Ao acto inaugural acudiron o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, o alcalde, Javier Gestal, membros do goberno local e da corporación, representantes da Asociación Veciñal O Rueiro de Tabeaio, e familiares do homenaxeado.

Durante a súa intervención, o rexedor referiuse a Martín Cortés Cacheiro como “un home que sempre tivo unha man tendida aos veciños e veciñas sen pedir nada a cambio. En Tabeaio, grazas á súa bondade, existen espazos públicos como o local social e a pista polideportiva”.

Este veciño, natural de Tabeaio, faleceu no ano 2018 e, ao longo da súa vida, contribuíu a mellorar os servizos, infraestruturas e, en xeral, a calidade de vida dos carraleses e carralesas. No 1998, e ao non existir instalacións de titularidade municipal, deportiva e/ou cultural en Tabeaio, acordou coa Administración local a cesión dos terreos nos que, posteriormente, o Concello construíu a actual pista polideportiva da parroquia. Este espazo supuxo un gran impulso no fomento da actividade física e o deporte en Tabeaio. Esta operación implicou, así mesmo, a cesión dos terreos anexos á entidade cultural Xente Nova para a construción dun local social que, hoxe en día, segue tendo un crecente uso.

O bautismo da senda co nome de Martín Cortés Cacheiro foi unha proposta elevada polo goberno local no mes de xullo e aprobouse por unanimidade dos votos da corporación municipal.

A creación da senda peonil e ciclista contou cunha achega económica por parte da Xunta de Galicia de 153.000 euros.