O Concello levará a cabo, ao longo de toda a fin de semana, varias actividades nas que a música, a pintura e a danza serán as grandes protagonistas. Como parte do programa Elas son artistas, a piscina municipal de Carral converterase no lenzo dun obradoiro de pintura mural co que se busca concienciará  mocidade sobre as desigualdades de xénero neste eido creativo.

Este obradoiro terá lugar o sábado, 12 de xuño de 11.00 a 14.00 horas, e o domingo, 13 de xuño, de 10.00 a 19.00 horas –cunha pausa para comer-. O sábado impartirase a parte teórica da actividade, mentres que o domingo será a quenda da parte práctica, coa que se dará continuidade ao mural iniciado o ano pasado, tamén como parte de Elas son Artistas.

A programación da fin de semana incluirá, ademais, unha actuación a cargo da cantante Pauliña, tamén na piscina municipal (domingo, 13 de xuño ás 19.30 horas). Este acto será de entrada libre e ata completar aforo. Así mesmo, e como broche final do obradoiro, terá lugar a actuación da agrupación Entremáns, que interpretará a peza Amparo, baseada na novela “La Tribuna”, de Emilia Pardo Bazán.

Atendendo ás restricións sanitarias pola covid-19, as persoas interesadas deberán anotarse chamando previamente ao 981 67 25 80.  

Desde o Concello de Carral infórmase de que as persoas interesadas en facer unha cacharela de San Xoán na noite do 23 ao 24 de xuño, deberán facer unha comunicación ao Concello de Carral.

Poden formulala enchendo o seguinte documento.

A situación sanitaria obrigou ao Concello de Carral a cancelar, este ano, a súa tradicional Festa do Pan, unha celebración gastronómica para exaltar ao seu produto estrela: o pan de Carral. Con todo, co obxectivo de poñer en valor este e outros produtos locais, o Concello organizará este domingo, 30 de maio, unha xornada de exaltación á súa rica oferta gastronómica. O evento arrincará ás 13.00 horas no campo da feira, onde ese día se celebra tamén o tradicional mercado do último domingo de mes.

A actividade incluirá un showcooking a cargo de Iago Cagiao, Premio Picado Cidade da Coruña 2019. Así mesmo, como parte do evento haberá tamén unha maridaxe por parte de Miguel  Viña, responsable da tenda de alimentación Mundo Galego.

O evento levarase a cabo seguindo as medidas de prevención hixiénico-sanitarias para reducir así o risco de contaxios pola covid-19.

O Concello reforzará a seguridade cidadá por medio de dúas importantes novidades: por unha banda, coa incorporación de dous novos policías locais e, polo outro, coa instalación de cámaras para a vixilancia, control, regulación e disciplina do tráfico no municipio. O goberno local confía en que estas dúas medidas “sirvan para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas de Carral, garantindo unha maior seguridade, sobre todo na situación actual”.

Estes dous axentes municipais incorporaranse á Policía Local como funcionarios en prácticas. A previsión é que tomen posesión o 24 de maio para o seu inmediato ingreso no curso formativo impartido pola Academia Galega de Seguridade. Unha vez rematen o programa de formación -de 9 meses de duración- os dous axentes tomarán posesión definitiva como funcionarios de carreira na Policía Local de Carral.

As condicións de seguridade veranse incrementadas, ademais, coa instalación de varias cámaras de vixilancia. Estes elementos servirán para vixiar, controlar e regular o tráfico e favorecerán a xestión das principais incidencias que se suceden nos viais do municipio.

O núcleo urbano de Carral experimentará unha reurbanización completa. Todo grazas ao proxecto que o Concello executará no centro -no tramo que discorre pola N-550- e que supoñerá unha importante mellora para a seguridade e mobilidade peonil e un estímulo para o consumo no comercio e a hostalería da zona. O alcalde de Carral, Javier Gestal, acaba de aceptar a subvención por parte do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía – IDAE- co que se sufragarán estas intervencións.

O plan de reurbanización incluirá a ampliación das beirarrúas, a renovación da iluminación pública, a mellora dos pasos de peóns e a reordenación das zonas de estacionamento no centro de Carral.

O proxecto executarase cun orzamento de 1.416.983,53 euros. Ao tratarse dunha subvención do IDAE, o Concello tería que asumir 283.396,71 euros. Segundo a reunión mantida entre o rexedor e o concelleiro de Urbanismo co presidente da Deputación da Coruña, o organismo provincial comprometeríase a achegar a parte do Concello. Desde o goberno local informan de que están a contactar cos bancos para conseguir o financiamento necesario para facer fronte a este proxecto dada a situación económica do Concello.

A través do ciclo ‘Papeques’, Carral vivirá unha semana de teatro, música, cine e contacontos para os cativos e cativas da casa. O programa, que comezou o pasado 7 de maio, ofrecerá ao longo desta e das vindeiras semanas, proxeccións, funcións teatrais, música e contacontos.

A oferta semanal arrincará mañá, xoves 20 de maio ás 18.00 horas, na Casa da Cultura. A agrupación Talía Teatro aterrará no municipio coa súa obra “Rosa Caramelo”. A compañía falará, durante a función, dos roles e estereotipos de xénero contando a historia dunha elefanta que non consegue que a súa pel sexa de cor rosa caramelo.

O venres, 21 de maio ás 18.00 horas, a Casa da Cultura acollerá a proxección da película “La familia Adams”. No filme, os membros desta peculiar familia estanse a preparar para unha festa mentres agardan a chegada doutros parentes.

Lydia Botana traerá a Carral “A feira das linguas”, un espectáculo que mestura música e teatro dirixido a nenos e nenas maiores de 7 anos. Será este sábado, 22 de maio ás 18.00 horas, no local Xente Nova de Tabeaio.

Por último, o grupo de música Mamá Cabra tomará parte tamén nesta 4ª edición de ‘Papeques’ co seu obradoiro de arrolos, dirixido a nenos e nenas de 0 a 3 anos. O evento levarase a cabo o domingo, 23 de maio, ás 12.00 horas no local Xente Nova de Tabeaio.

As actividades levaranse a cabo atendendo a un estrito protocolo de seguridade para reducir o risco de contaxio pola covid-19. Así, as entradas –de balde- serán limitadas co fin de garantir a distancia interpersoal entre o público asistente e os aforos. As persoas interesadas poderán obter os seus convites chamando ao 981 67 25 80 -72 horas antes da celebración da actividade-.

‘Papeques’ conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a través da súa Rede Cultural, e da Xunta de Galicia por medio de Ler conta moito

Como parte da campaña do Colexio Oficial de Farmacéuticos e a Consellería de Sanidade, as dúas farmacias de Carral ampliarán desde mañá, mércores 19 de maio –ás 15.00 horas- o rango de idade para a realización de probas de saliva. Estes tests comezarán a facerse ás persoas de 12 a 64 anos para detectar posibles casos de asintomáticos pola covid-19 entre a veciñanza. 

Os interesados ou interesadas en participar neste cribado poderán recoller a súa proba, de xeito gratuíto, a partir de mañá mércores, 19 de maio. As persoas menores de idade deberán levar un xustificante ou ir acompañadas dos seus titores legais. En todo caso, todas as persoas que desexen someterse a esta proba deberán levar a súa tarxeta sanitaria. Na propia farmacia daráselles as instrucións para realizar este test de forma correcta.

O 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas. Esta data, escollida pola Real Academia Galega, coincide coa publicación, en 1863, de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.

Máis que nunca queremos celebrar o día das nosas letras e unha boa maneira de facelo é achegar ós lectores libros na nosa lingua.

Na Casa do Concello, no edificio social Toñito Espiñeira ou na Casa da Cultura está á disposición dos veciños unha selección de obras en galego como agasallo e como homenaxe ós nosos autores.

O alcalde Javier Gestal e o concelleiro de Cultura Fran Bello xunto ao panel instalado no Campo da Feira

O departamento municipal de Cultura e o de Normalización Lingüística veñen de instalar en diferentes puntos de Carral paneis que ofrecen datos biográficos e da obra literaria de Xela Arias, a autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Con esta iniciativa, que xa se fixo en anos anteriores, preténdese difundir a figura da autora e o seu papel na literatura e na defensa da lingua galega.

Os paneis inclúen tamén o poema Intempériome.

O deseño dos paneis difundirase tamén a través da páxina de Facebook Cultura Carral e a do Concello de Carral. Tamén se realizaron deseños semellantes aos paneis para que circulen a través de Whatsapp e Telegram.

O Concello resolverá, proximamente, unha débeda histórica coa veciñanza de Carral: a regularización do Servizo de Axuda no Fogar, pendente desde hai case dúas décadas. Os pregos do SAF xa están concluídos e o expediente de contratación deste servizo foi aprobado na xunta de goberno local celebrada esta mesma semana.

Desde o equipo de goberno sinalan que “a regularización deste servizo foi unha das nosas máximas prioridades cando entramos no Concello” e lembran que “a elaboración dos pregos levaba pendente desde hai practicamente 20 anos”. “Trátase dunha demanda histórica que suporá unhas mellores condicións tanto para o persoal como para os usuarios e usuarias do municipio”.

O servizo sairá a contratación cun orzamento base de licitación de 1.180.283,36 euros. O prazo de execución do contrato será de dous anos.

O Concello abrirá, proximamente, a fase de adxudicación mediante a publicación do anuncio de licitación no perfil do contratante e no Diario Oficial da Unión Europea.