O NOVO CENTRO DE 3D E VIDEOXOGOS DE CARRAL ACOLLE A PRODUCIÓN DA SÚA PRIMEIRA PELÍCULA DE ANIMACIÓN

Carral conta, desde hai uns meses, cun novo centro especializado en 3D e videoxogos. Dirixido pola A.C. AMIGA (Animación Made in Galicia), o centro está acollendo, nestes momentos, a produción da súa primeira película de animación, ‘Chica y lobo’. Con todo, este non é, nin moito menos, o único proxecto en marcha. De feito, o centro (localizado no antigo colexio Víctor Velasco) celebrará, a partir do mes de setembro, o seu primeiro curso de formación. Este estará centrado en Blender, un programa informático para o modelado, animación e creación de gráficos tridimensionais que se está empregando, precisamente, na elaboración do filme.

Aproveitando o congreso Mundos Digitales na Coruña, AMIGA e o Concello de Carral deron, onte, a coñecer as novidades desta nova instalación, así como as vindeiras actividades que se levarán a cabo no centro.

O alcalde de Carral, Javier Gestal, e o concelleiro de Cultura, Francisco Bello, acompañaron ao responsable de AMIGA, Xosé Zapata, durante a presentación do proxecto. O rexedor sinala que esta dependencia está situando “Carral no punto de mira no campo da tecnoloxía e produción audiovisual ligada á animación 3D ou videoxogos, algo que está atraendo a empresas e traballadores deste sector ata a nosa localidade”.