O TORNEO DO NADAL DE XADREZ DE CARRAL CUMPRE 15 ANOS
A concellería de deportes espera uns 50 inscritos para o torneo do 19 de decembro.
Incluído na programación deportiva do Nadal, o Concello de Carral organizará o sábado 19 de decembro o “XV Torneo de Xadrez de Nadal”. Cos seus 15 anos, esta competición xadrecística está consolidada xa como un clásico dentro da programación de Nadal municipal.
Na anterior edición foron 42 os inscritos de toda a comarca; Carral, A Coruña, Cambre, Arteixo, Ordes, etc., destacando o alto número de nenos que tomaron parte neste evento deportivo, e que agardamos repetir ou superar nesta 15ª edición.
O torneo, que se disputará na casa da Cultura de Carral, constará de 7 roldas, en partidas rápidas de 10 min.+2 segundos de cadencia por xogador, divididos en 4 categorías (sub-10, sub-12, sub-14 e absoluto). Comezará ás 16.30 h e finalizará ao redor das 20.00 h, momento no que terá lugar a entrega de premios aos finalistas de cada categoría.
O obxectivo fundamental que se marca o goberno municipal coa realización deste evento deportivo é o fomento do deporte entre toda a poboación, e máis concretamente un deporte tan “minoritario” como é o xadrez.
Para todos aqueles interesados en participar, o prazo de inscrición terminará o próximo 18 de decembro, e poden dirixirse á Casa da Cultura de Carral, ou no teléfono 981 672 580 ou no e-mail deportes@carral.es.