O Concello de Carral solicitará á Deputación da Coruña unha subvención nominativa coa que crear o espazo cuberto máis grande do municipio. A intención, tal e como sinalou o alcalde, Javier Gestal, é que esta axuda se empregue para construír un espazo polivalente de 700 m2 nas inmediacións do centro de saúde e do complexo deportivo. O rexedor lembrou que no pleno de xullo xa se aprobara a solicitude dunha subvención ao ente provincial para a execución da reforma das pistas deportivas na rúa Paleo. “Agora, ante a previsión de que Alternativa dos Veciños poida conseguir un maior investimento para a realización deste proxecto, levamos a pleno a proposta para pedir unha nova solicitude de subvención que nos permita levar a cabo un proxecto máis ambicioso e que suporá a creación da instalación cuberta máis grande do municipio”.
A memoria orixinal do proxecto incluía as seguintes actuacións: construción dun muro de contención na parte traseira das pistas e dunha soleira de formigón armado en toda a superficie, disposición dun peche perimetral de 4 metros de altura de malla electrosoldada e do cerramento do centro de saúde de 1 metro de altura, canalización de pluviais, creación dun lavadoiro de bicicletas e instalación eléctrica. A disposición dunha maior contía supoñerá a execución dunha cuberta de 700 m2 sobre as pistas. Unha vez concluídos estes traballos, o Concello dispoñerá dunha dependencia de grandes dimensións que poderá acoller tanto eventos como actividades de todo tipo.
O punto foi aprobado co voto a favor de Alternativa dos Veciños e do Partido Popular e coa abstención do PSOE, que indicou que había “outras prioridades antes dá execución desta obra”.
Os locais socioculturais de Ans, Cañás, Sergude, San Vicente de Vigo, Quembre, Barcia, Herves, O Canedo e A Cabra volverán abrir as súas portas a partir desta fin de semana. O Concello adopta esta medida ante a mellora da situación epidemiolóxica da covid-19 na comunidade, permitindo que estas instalacións acollan, novamente, reunións e asembleas, charlas, concertos musicais, proxeccións audiovisuais, clases e actividades formativas e propostas de lecer.
En todo caso, o emprego destas instalacións estará supeditado ao cumprimento dun protocolo covid-19. Entre as medidas, o Concello fixa o aforo máximo permitido nestas dependencias a 30 persoas –agás en Cañás, onde o número máximo será 18-, así como a hora de peche, marcada para as 23.00 horas. O documento sinala, ademais, o uso obrigatorio da máscara, así como a necesidade de que as persoas participantes en calquera actividade permanezan sentadas durante a mesma.
As persoas responsables das iniciativas que se leven a cabo nestes locais deberán ter dispoñibles recursos para a limpeza de mans e para a desinfección do equipamento empregado, terán que rexistrar o nome e o teléfono das persoas asistentes e garantir, ademais, a distancia de seguridade indicada polas autoridades sanitarias, así como as directrices para ventilar o local e evitar as aglomeracións.
A reserva de locais poderase realizar cumprimentando o modelo de solicitude. Este documento pódese pedir a través do correo casacultura@carral.es e do teléfono 981 67 25 80. A reserva deberase facer nun prazo mínimo de 7 días naturais de antelación.
Actualización do protocolo en instalacións deportivas
O Concello actualizou o protocolo covid-19 das instalacións deportivas á última orde do Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro. A flexibilización destas medidas supuxo a apertura dos vestiarios nas diferentes dependencias.
Este documento reflicte, por unha banda, medidas xerais que afectan a todas as dependencias deportivas e, pola outra, normativas e indicacións específicas para cada espazo. Entre elas, regúlase o acceso e estancia en cada dependencia, medidas de desinfección e limpeza, aforos permitidos, uso de vestiarios, etc.
Indicacións para a apertura de centros sociais de Carral
Decreto de aprobación do protocolo Covid-19 para as instalacións deportivas e culturais
Cando están a piques de chegar aos 30 anos de existencia, o dúo teatral Mofa e Befa (Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo) presentan no Local Xente Nova o seu espectáculo ‘Dúas pedras no camiño’, unha comedia construída a xeito de antoloxía con momentos de boa parte dos seus espectáculos destas tres décadas.
A función terá lugar o sábado ás 20:30 h. en Tabeaio, incluída no ciclo Teatro de Outono de Carral e na Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Para reservar localidades, é necesario chamar antes do sábado ao 981 672 580. As entradas son limitadas.
Continúa o programa de Cine na Casa da Cultura que se desenvolve os venres ás 20:30 h. Esta semana proxectarase o filme británico ‘La favorita’, protagonizado por Olivia Colman, Emma Stone e Rachel Weisz.
A película, que mestura drama e comedia, transcorre na Inglaterra de principios do século XVIII. Obtivo múltiples nominacións e premios, incluído o Oscar á mellor actriz para Olivia Colman.
Para asistir á proxección, as persoas interesadas deberán reservar as entradas, que son de balde, no 981 672 580.
O programa de Teatro de Outono de Carral presenta esta semana a Marcos Pereiro, Santi Romay e Tito Rober nun obra moi especial. Ainé presenta ‘Coleccionistas’, unha comedia didáctica, unha clase de arte chea de humor, un espectáculo teatral participativo, unha auténtica homenaxe á improvisación.
A función será en Tabeaio ás 20:30 h. Coma sempre é necesario reservar entradas chamando ao 981 672 580. O aforo é limitado.
Luis Tosar e Anna Castillo protagonizan “Adú”, a película que se proxecta este venres, ás 20:30 h, na Casa da Cultura incluída no actual ciclo de cine que está a realizar.
Nun intento desesperado por alcanzar Europa e agochados diante dunha pista de aterraxe en Camerún, un neno de seis anos e a súa irmá maior esperan para coarse nas adegas dun avión. Non demasiado lonxe, un activista ambiental contempla a terrible imaxe dun elefante, morto e sen cabeiros. Non só ten que loitar contra a caza furtiva, senón que tamén terá que reencontrarse cos problemas da súa filla recentemente chegada de España. Miles de quilómetros ao norte, en Melilla, un grupo de gardas civís prepárase para enfrontarse a un gran número de subsaharianos que iniciou o asalto ao valo. Tres historias unidas por un tema central, nas que ningún dos seus protagonistas sabe que os seus destinos están condenados a cruzarse e que as súas vidas xa non volverán ser as mesmas.
As persoas interesadas en gozar da película terán que reservar previamente as súas entradas no teléfono 981 672 580.
Nas vésperas do último xoves de mes, a Biblioteca municipal xa está anotando reservas para asistir ao contacontos para animación á lectura dos máis pequenos. Trinketrinke Teatro volve cos Ratos de Lonxedetodo para contarnos a súa “Viaxe pola Galicia encantada”. Esta actividade, que terá lugar ás 18:00 h, está incluída no programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
Estas sesións están dirixidas a nenas e nenos de 4 a 8 anos de idade. Para participar deberán reservar convites chamando ás Casa da Cultura (981 672 580). As prazas son limitadas.
A Casa da Cultura está de estrea. Este xoves, 21 de outubro ás 20.30 horas, a instalación municipal acollerá a proxección de “The Monkey”, a curtametraxe galardoada no Festival de Animación de Lisboa (Monstra) e no Primavera do Cinema de Vigo. A actividade incluirá, ademais do pase da curta, un coloquio posterior co produtor e codirector da obra, Xosé Zapata.
A obra está ambientada no ano 1588. Un náufrago da Armada Invencible -enviada por Felipe II desde Lisboa para conquistar Inglaterra- resulta capturado nunha praia de Irlanda. Alí é xulgado, declarado culpable e aforcado ata a súa morte. Malia que a historia podería semellar razoable, a particularidade é que o prisioneiro protagonista é un mono.
“The Monkey” foi dirixida polo carralés Xosé Zapata e por Lorenzo Degi’ Innocenti, e comezou a súa distribución con máis dunha ducia de seleccións en festivais de todo o mundo. Desde que saíu á luz, este traballo recibiu dous premios. O primeiro, no Festival de Animación de Lisboa (Monstra), onde obtivo o Premio “Mostrinha”. O segundo chegou da man da Primavera do Cinema de Vigo, onde recibiu o Premio do Público á Mellor Curtametraxe Lusófona.
A través do apoio da Deputación da Coruña, a obra estrearase na provincia cunha primeira parada na Casa da Cultura do Concello. O aforo da actividade é limitado, polo que as persoas interesadas en acudir deberán reservar a súa entrada previamente chamando ao teléfono 981 67 25 80.
Tras un ano de parón por mor da covid-19, o Concello retomará, este outono, o seu concurso de tapas “Carral, con moito gusto”. Trátase da segunda edición desta iniciativa, que naceu en 2019 e acadou uns excelentes resultados entre os locais de hostalaría do municipio. Agora, o goberno local recupera a proposta, coa que se busca “promover o consumo nos bares, restaurantes e todo tipo de locais de hostalaría, que viviron un ano e medio especialmente difícil pola emerxencia sanitaria, sufrindo varios peches e paróns na súa actividade”.
O certame estará aberto á participación de bares, mesóns, restaurantes e cafeterías, sempre e cando prime o emprego de produtos locais e de tempada na elaboración das receitas. Os locais interesados poderán tramitar a súa inscrición entre o 2 e o 5 de novembro (ambos os dous incluídos). A folla de inscrición debidamente cuberta deberá presentarse no rexistro do Concello antes das 14.00 horas do 5 de novembro. Terá que incluír o selo do establecemento, ou o CIF e sinatura no caso de non ter selo. O propio concurso levarase a cabo entre o 3 e o 6 de decembro como preámbulo das festas de Nadal.
Premios aos hostaleiros
Todas as tapas poderán optar aos seguintes recoñecementos: Premio do xurado popular, Premio Mellor Tapa 2021 e primeiro e segundo premio do xurado profesional.
Descarga a ficha de inscrición aquí.
Descarga as bases do concurso aquí.
Teléfonos de interese
Concello: 981670002
Policía local: 689544311 / 981670002
Protección civil: 112
Casa da cultura/bibliotecas: 981672580
Edif. Social Toñito Espiñeira: 981613520
Centro de saúde:981672186
Outras formas de contacto: