VOLVEN OS CONTACONTOS Á BIBLIOTECA MUNICIPAL

Despois do descanso do verán, volve a programación de contacontos infantís á Biblioteca municipal. A primeira sesión será este xoves ás 18:00 h. a cargo de Trinketrinke Teatro cunha función tituladas “Familias diversas”.

Para asistir é necesario reservar entradas chamando ao 981 672 580. O aforo é limitado.

DÚAS COMPAÑÍAS DE PERÚ E ARXENTINA VISITAN CARRAL CO FESTIVAL GALICREQUES

Os sábados 2 e 9 de outubro, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá as funcións que Galicreques levará a cabo en Carral para público familiar.

O espectáculo deste sábado titulase Títeres a cielo abierto, do artista arxentino Manu Mansilla. É un espectáculo familiar que invita ao público a interactuar a través de tres divertidas historias. Un monstro do centro da terra parece un terrorífico ser. Pero rapidamente descubriremos que, en realidade, é un sociable e tenro monstro alaranxado. Un cuadrilleiro chamado Perigo vén decidido a conquistar o mundo e buscará entre o público os seus novos secuaces. Conseguirá encontrar algún neno “malvado” que lle axude a concretar o seu maléfico plan ou será máis forte o desexo de protexer o noso planeta e os seres que viven nel? Manu e o seu monicreque, Luís, intentan poñerse de acordo sobre quen dos dous manda, un conflito clásico onde Luis ensinará a Manu a ver as cousas dende outro punto de vista.

A función do sábado 9 de outubro será a cargo da compañía peruana Hugo e Inés cun fermoso e simpático espectáculo titulado Body Rhapsody.

Para asistir ás obras de Galicreques, que comezarán ás 20:00 h, haberá que reservar entradas chamando á Casa da Cultura ao 981 672 580 antes das 14:00 h. do venres anterior a cada espectáculo.

A ASOCIACIÓN A BARCAROLA PRESENTA EN TABEAIO A SÚA OBRA TEATRAL “O SATANASIÑO”

A compañía de teatro amador A Barcarola Teatro presente este venres en Tabeaio a obra O Satanasiño. Será ás 20:30 h.

Esta obra cóntanos que os veciños dunha vila non saben que quen predica o cumprimento dos mandamentos é o primeiro que os quebranta. O sacerdote e a ovella do rabaño son a mesma persoa. Un nome resoa por todo o lugar: O Satanasiño. O párroco ten todo baixo control ata que Brais e Uxía chegan á vila. Será capaz o Satanasiño de converter a estes dous irmáns en discípulos dos seus pecados?

Do mesmo xeito que nas outras actividades, para asistir como público é necesario reservar as entradas chamando á Casa da Cultura.


A distancia que separa os núcleos de Carral e Tabeaio é de apenas 2,5 quilómetros, pero, desde agora, a conexión entre ambos os puntos será moito máis segura e cómoda para viandantes e ciclistas. O Concello inaugurou, esta mañá, unha nova senda baixo o nome de “Martín Cortés Cacheiro”. Ao acto inaugural acudiron o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, o alcalde, Javier Gestal, membros do goberno local e da corporación, representantes da Asociación Veciñal O Rueiro de Tabeaio, e familiares do homenaxeado.

Durante a súa intervención, o rexedor referiuse a Martín Cortés Cacheiro como “un home que sempre tivo unha man tendida aos veciños e veciñas sen pedir nada a cambio. En Tabeaio, grazas á súa bondade, existen espazos públicos como o local social e a pista polideportiva”.

Este veciño, natural de Tabeaio, faleceu no ano 2018 e, ao longo da súa vida, contribuíu a mellorar os servizos, infraestruturas e, en xeral, a calidade de vida dos carraleses e carralesas. No 1998, e ao non existir instalacións de titularidade municipal, deportiva e/ou cultural en Tabeaio, acordou coa Administración local a cesión dos terreos nos que, posteriormente, o Concello construíu a actual pista polideportiva da parroquia. Este espazo supuxo un gran impulso no fomento da actividade física e o deporte en Tabeaio. Esta operación implicou, así mesmo, a cesión dos terreos anexos á entidade cultural Xente Nova para a construción dun local social que, hoxe en día, segue tendo un crecente uso.

O bautismo da senda co nome de Martín Cortés Cacheiro foi unha proposta elevada polo goberno local no mes de xullo e aprobouse por unanimidade dos votos da corporación municipal.

A creación da senda peonil e ciclista contou cunha achega económica por parte da Xunta de Galicia de 153.000 euros.

O Concello de Carral está a piques de concluír o proceso de concentración parcelaria de San Vicente de Vigo. Tanto é así, que o pavillón O Espiño viviu, esta mañá, a primeira xornada de entrega de títulos aos propietarios, último paso para finalizar un proceso pendente desde hai décadas. O alcalde de Carral, Javier Gestal, desprazouse ata a instalación co fin de supervisar esta entrega, e fíxoo acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González, pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e por outros representantes da Xunta de Galicia. O rexedor carralés destacou “o gran beneficio que suporá o remate deste proceso, e que parte do traballo coordinado entre diferentes administracións”. Gestal incidiu en que a concentración parcelaria desta parroquia “foi unha das máximas prioridades do goberno local desde o inicio do mandato, e que se intentou axilizar mediante reunións cos organismos competentes no asunto”.

A parcelaria, compartida entre os municipios de Carral e Cambre, comprende unha superficie de case 600 hectáreas e beneficiará a 697 persoas propietarias. A conclusión deste proceso implicará pasar das 2.209 parcelas iniciais ás 1.087 resultantes, o que conlevará tamén un aumento da base territorial das explotacións da zona.

O pavillón acollerá mañá, xoves 23 de setembro, a segunda xornada de entrega de títulos. Neste caso, será a quenda dos donos da Ramalleira, Balbén, As Táboas e A Ludiña (entre as 10.00 e as 12.00 horas) e de Tamaruño, Río Brexo e Río Barcés (de 12.00 a 14.00 horas).

As persoas que non poidan acudir á entrega de títulos poderán delegar a recollida noutra persoa. Neste caso, deberán levar cuberta a precepcitiva autorización, dispoñible na páxina web do Concello. Aqueles títulos que non se retiren estarán ao dispor dos interesados no Servizo de Infraestruturas Agrarias dá Xefatura Territorial do Medio Rural.

Con motivo das xornadas de voluntariado integradas no Proxecto Ríos, a Asociación da Custodia do Territorio Brexa organiza, en colaboración co Concello de Carral, unha xornada de voluntariado nos ríos Barcés e Brexa.

A actividade levarase a cabo o domingo, 26 de setembro, de 10.30 a 13.30 horas. As persoas interesadas en participar poderán enviar un correo electrónico a brexa.asociacion@gmail.com ou chamar ao teléfono 644 18 34 47.

Quizais algúns ou algunhas de vos non o recordaredes pero Humor Amarelo era un programa de televisión nos que os/as participantes intentaban superar probas  de axilidade e habilidade.

Pois desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organizamos unha saída a estas instalacións, para a mocidade de entre 8 e 17 anos.

Será o día 29 de setembro, saíndo desde o local Interxeracional (r/ Alcalde Juan Seijas, nº8, enfronte ó CEIP Vicente Otero Valcarcel) ás 16:30 e regresando ó mesmo lugar ás 20:00 h.

O prezo e de 10 €, e tes ata o 24 de setembro para anotarte, para o que deberás enviarnos a autorización da nai/pai por whatsapp ó 674.793.475, ou por correo electrónico a omix@carral.es.

Importante:

  • Recomendase levar roupa comoda e outra para cambiarse.
  • Avisaremosvos de cando teñades que facer o pago.
  • Se o tempo non acompaña cambiarase a actividade para outro día.


O Concello de Carral acaba de recibir a comunicación para a realización dos seguintes obradoiros de emprego:

  • Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade (SSCE0111).
  • Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSCS0108).
  • Atención soiosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSCS0208).
  • Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (AGAR0309).
  • Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes (AGAO0208).

As persoas interesadas en participar no proceso de selección deberán estar inscritas como demandantes de emprego e terán que ter activada a clave de “obradoiros” no apartado de formación.

Se precisades máis información ou se tedes algunha dúbida ao respecto, podedes chamar ao teléfono 981 61 35 20 e pedir que vos pasen coa técnico de ADL, que estará no Concello os luns e xoves.

https://bit.ly/3tJ5u5C

Unha vez máis a OMIX (oficina municipal de información xuvenil), organiza un roteiro de “Patea Carral”, nesta ocasións polos muíños da Costa da Égoa.

O 25 de setembro, sábado, realizaremos esta andaina desde o centro do pobo ata os muíños, pasando por diferentes parroquias, ata chegar a este fermoso paisaxe que temos no noso concello.

A actividade organizada para maiores de 13 anos, comezará desde o campo da feira as 9:30 h. ata chegar os muíños onde poderemos ver estas 14 construcións nas que, desde o século XVIII, as xentes do noso municipio e de outros limítrofes acudían para moer o gran co que despois farían o noso prezado produto, o pan. Aproximadamente 15 km, facendo que este roteiro teña unha dificultade media-moderada. O regreso será ó campo da feira sobre as 14:30.

Para participar nesta actividade, gratuíta, deberas remitirnos por whatsapp ó 674.793.475 ou ó correo electrónico omix@carral.es a folla de inscrición ou autorización no caso de menores de idade. O prazo para facelo é ata o 22 de setembro.

Recomendase levar calzado axeitado, auga, algo para comer e viseira no caso de que faga bo tempo, ou chuvasqueiro no caso de que chova.

Descarga a autorización aquí

Os títulos da parcelaria de San Vicente de Vigo entregaranse os días 22 e 23 de setembro aos propietarios, poñendo así fin a un proceso pendente desde fai anos. O alcalde, Javier Gestal, explica que este procedemento foi “unha das prioridades do goberno local desde o inicio do mandato, e que se intentou axilizar mediante a reunión cos organismos con competencia no asunto”. Este proceso supoñerá a entrega de 1.181 parcelas no caso de Carral.

A entrega realizarase no pavillón O Espiño os días 22 e 23 entre as 10.00 e as 14.00 horas. O primeiro día, 22 de septiembre, daranse os títulos de Abrigosa, Parapar e Agrela de San Vicente entre as 10.00 e las 12.00 horas, e os de A Igrexa de San Vicente, Ameás e Valiños entre as 12.00 e as 14.00 horas. Ao día seguinte, o 23 de setembro, será o turno de A Ramalleira, Balbén, As Táboas e A Ludiña (entre as 10.00 e as 12.00 horas) e de Tamaruño, Río Brexo e Río Barcés (de 12.00 a 14.00 horas).

As persoas que no poidan acudir á entrega de títulos poderán delegar a recollida noutra persoa. Neste caso, deberán levar cuberta a correspondente autorización, dispoñible na páxina web do Concello. Aqueles títulos que non se retiren estarán a disposición dos interesados no Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial do Medio Rural.