Despois de ter que aprazar a actividade para hoxe e de que o ano pasado non poidemos organizar esta excursión, voltamos a Cerceda a pasar o día no Aquapark.
A pesar de que o día comezou algo nubrado, e do verán que estamos a ter, foi aparecendo o sol por momentos e quedou unha tarde xeitosa para que as nenas e nenos aproveitaran o dia.
A piscina de ondas, o jacuzzi, o Roaller Coaster ou o multipistas, foron algunhas das atraccións das que puideron gozar.

Faise pública a listaxe das solicitudes admitidas para o ENGLISH SPORT CAMP que terá lugar entre o 19 de xullo e o 6 de agosto.

Para calquera consulta ou aclaración os interesados poden poñerse en contacto coa Casa da Cultura no 981.67.25.80 ou no mail casadacultura@carral.es.

O sábado pasado un grupo de 20 persoas realizamos unha variante do roteiro mariñán PR-G 101, organizado pola OMIX.

Ás 9:30 horas desde o campo da feira comezamos esta andaina que nos levou toda a maña e que nos fixo pasar por lugares do noso municipio que moitas e moitos das/os participantes descoñecían.

Lugares tan característicos e representativos do noso concello coma San Pedro de Rubieiro, onde paramos para coller folgos e repoñer forzas tras a dura subida a esta capela, os muíños da Costa da Égoa, e tamén por varias parroquias como Herves, Barcia ou Quembre, onde puidemos ver varios pazos e fontes, patrimonio e historia de Carral, e acompañados por protección civil, que nos axudou en determinadas situación e sempre que o precisamos.

Foi un roteiro bastante duro, que nos levou mais de catro horas realizar pero que o final mereceu moito a pena, e coa sorte de que o tempo nos acompañou.

O Concello celebrou un pleno no que se aprobou a proposta do goberno local para bautizar a senda peonil que une Carral e Tabeaio co nome de Martín Cortés Cacheiro. Este veciño, natural de Tabeaio, faleceu no ano 2018 e, ao longo da súa vida, contribuíu a mellorar os servizos, infraestruturas e, en xeral, a calidade de vida dos carraleses e carralesas. Durante a súa intervención, o alcalde, Javier Gestal, definiuno como “unha persoa moi querida e implicada na vida social da parroquia”.

No 1998, e ao non existir instalacións de titularidade municipal, deportiva e/ou cultural en Tabeaio, acordou coa Administración local a cesión dos terreos nos que, posteriormente, o Concello construíu a actual pista polideportiva da parroquia. Tal e como se recollía na proposta elevada a pleno, este espazo supuxo un gran impulso no fomento da actividade física e o deporte en Tabeaio. Esta operación implicou, así mesmo, a cesión dos terreos anexos á entidade cultural Xente Nova para a construción dun local social que, a día de hoxe, segue tendo un crecente uso.

A iniciativa parte dunha solicitude dos propios residentes da parroquia, así como dos familiares de Cortés Cacheiro, cos que tanto o alcalde como membros do goberno local mantiveron varias reunións. A proposta recibiu luz verde por unanimidade dos votos da corporación (Alternativa dos Veciños, PSOE, PP e a concelleira non adscrita).

Reforma das pistas deportivas

O pleno acordou, así mesmo, solicitar á Deputación da Coruña unha subvención nominativa para financiar a reforma das pistas deportivas da rúa Paleo. O rexedor alcanzou o apoio do ente provincial para destinar 89.684 euros á execución deste proxecto, que supoñerá unha importante mellora na instalación. A contía restante, 22.421 euros, procederán das arcas municipais.

Actualmente, o lugar está ocupado por dúas pistas de tenis que se atopan en malas condicións e que están en desuso. As obras supoñerán a reforma dunha das pistas e a creación doutra multideporte, dun skatepark e dun lavadoiro de bicicletas que se situará nun punto estratéxico polo que pasan moitos ciclistas cando baixan desde o Monte Xalo. O plan incluirá, ademais, a substitución da iluminación actual por outra con tecnoloxía LED e a instalación de bancos na zona.

A proposta aprobouse cos votos a favor de Alternativa dos Veciños, do PP e da concelleira non adscrita, que sinalaron a necesidade de acometer este proxecto, e coa abstención dos concelleiros do PSOE.

O goberno local reafirma así a súa aposta por mellorar as dependencias deportivas do municipio. Seguindo a mesma liña de traballo, o Concello acometerá a ampliación do Centro Deportivo de Carral.

Por último, o pleno aprobou, por unanimidade dos votos, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.

O Concello de Carral proponse rematar coa basuraleza -residuos abandonados nas contornas naturais- dunha vez por todas. Para logralo, levará a cabo unha acción de voluntariado medioambiental coa que busca retirar este lixo nalgúns dos tramos do Camiño Inglés ao seu paso polo municipio.

A través do “Proxecto orixe, facemos camiño”, impulsado por SEO BirdLife e financiado por Cabreiroá, os voluntarios terán acceso aos materiais necesarios e poderán, ademais, consultar calquera cuestión cun educador ambiental.

A iniciativa levarase a cabo este domingo, 11 de xullo, de 10.00 a 13.00 horas. O punto de encontro e de saída das persoas participantes será no local social de Sergude.

As persoas interesadas poderán anotarse no departamento de Medio Ambiente ata o 8 de xullo. En caso de precisar máis información, pódese chamar aos teléfonos 981 67 00 02 e 678 338 873.

O Concello de Carral organiza unha actividade de voluntariado de sensibilización ambiental “Basuraleza” en algúns tramos do Camiño de Santiago (Camiño Inglés), coa finalidade de mellorar a situación ambiental do noso municipio.

O “Proxecto Orixe, Facemos camiño” está financiado pola marca Cabreiroá e impulsado pola asociación “SEOBIRDLIFE”, e poñera a disposición de todas as persoas voluntarias, un educador/a ambiental e os materiais necesarios para levar a cabo a actividade.

Por motivos de seguridade e para cumprir as normas anticovid-19, o grupo será dun máximo de 20 persoas.

  • Día da xuntanza: 11 de xullo
  • Hora: 10:00-13:00 horas
  • Punto de encontro e saída: local social de Sergude
  • Datas de inscrición: desde o 5 de xullo ata 8 de xullo
  • Máis información: Concello de Carral (departamento Medioambiente)
  • Teléfonos: 981 67 00 02 e 678 338 873

Este fin de semana realizouse o Obradoiro de arte urbana organizado pola OMIX (oficina municipal de información xuvenil). Nesta actividade os participantes, puideron aprender a realizar pintura mural tanto con sprays coma con pintura plástica.

A cooperativa cultural 7H, impartiu este curso que se levou a cabo o venres e o sábado, e que tivo unha duración de 20 h.

Os mozos aprenderon primeiro, nocións básicas de arte urbana, para despois plasmar nunha parede, ao lado do Local interxeracional, todas esas ideas. Esperamosvos para a próxima!

Carral acaba de mergullarse, de cheo, na época de verán co inicio dos cursos de natación, que arrincaron hoxe, xoves 1 de xullo, e se prolongarán ata finais de agosto. Trátase dunha das propostas deportivas e de lecer que o Concello ofrece, ano tras ano, e que forma parte xa da axenda estival do municipio.

As sesións do mes de xullo contarán coa participación dun total de 30 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. Porén, os cursillos levaranse a cabo en dúas quendas con 15 usuarios e usuarias cada unha: a primeira terá lugar de luns a venres de 12.00 a 12.45 horas, mentres que a segunda será os mesmos días de 13.00 a 13.45 horas.

Co fin de garantir o cumprimento da distancia interpersoal entre os mozos e mozas, en cada quenda haberá, á súa vez, dous grupos.

A Concellería de Cultura comunica que os concertos do ciclo Músicas Íntimas, previstos inicialmente para esta fin de semana, mudan de datas.

Así o concerto de MJ Pérez será o sábado 31 de xullo e o de Lulavai o 1 de agosto.

Desde o departamento de Cultura piden desculpas polas molestias que poida ocasionar este cambio.

Carral viviu, esta semana, o pistoletazo de saída da 1ª quenda dos seus campamentos de verán, cos que se favorecerá a conciliación de 136 familias do municipio ao longo das vindeiras semanas. A nova convocatoria arrincou o luns con dúas importantes novidades en materia de conciliación: por un lado, ampliando os horarios das actividades ata as 16.00 horas e, polo outro, brindándolles aos pais e nais a posibilidade de anotar aos nenos e nenas por semanas.

Os campamentos están dirixidos a nenos e nenas de 3 a 15 anos e levaranse a cabo en tres quendas con diferentes temáticas. Ata o 16 de xullo celebraranse os campamentos deportivos. Entre o 19 de xullo e o 6 de agosto levaranse a cabo os English Sport camp e, por último, os campamentos de Medio Ambiente terán lugar do 9 de agosto ao 3 de setembro.

A través de diferentes actividades de lecer, a rapazada coñecerá, nesta primeira quenda, a vida deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do municipio.

Co fin de axustar á organización da actividade ás medidas hixiénicas e preventivas fixadas pola Xunta de Galicia, o Concello está celebrando os campamentos no recinto do CEIP Vicente Otero Valcárcel (pavillón do colexio, pista polideportiva, patio cuberto, etc.) e no local interxeracional, sito a poucos metros do centro de ensinanza.

Os nenos e nenas poden entrar no recinto desde as 8.00 horas. Así, entre a hora de entrada e as 10.00 horas ten lugar o programa Madrugadores, entre as 10.00 e as 14.00 horas realízanse as propias actividades e, de 14.00 a 16.00 horas, é a hora da comida. Naqueles casos nos que se solicitou, os cativos e cativas poden traer o seu propio xantar da casa e poderán tomalo no comedor do colexio baixo a supervisión dos monitores e monitoras.

Medidas covid-19

Os rapaces e rapazas están separados en grupos burbulla. Antes de entrar no recinto, os usuarios e usuarias desinfectan as mans. Ademais, os maiores de 6 anos empregan a máscara de xeito obrigatorio. A maiores, o Concello establece quendas nas saídas e entradas dos campamentos co fin de evitar aglomeracións.