Con motivo da nova instalación de servizos 4G poden producirse interferencias na sinal de recepción do TDT dos televisores en algúns fogares do municipio.

Se isto sucede, podes contactar e facer a túa reclamación no seguinte teléfono 900 83 39 99 ou a través da páxina web WWW.LLEGA800.ES. As posibles reparacións que precisen os televisores, serán gratuítas nos 6 primeiros meses.

Máis información no servizo de Medio Ambiente do Concello ou no teléfono 981 67 00 02.

O sábado, 30 participantes pateamos o tramo do camiño inglés que transcorre polo noso concello.

Realizamos un bonito percorrido por diferentes parroquias do noso concello durante case 4 horas que nos levou realizar o roteiro.

Foron máis de 12 km que nos levaron por lugares destacados do noso municipio como a área de descanso de A Lameira, ou polo albergue de peregrinos/as de Sergude, onde fixemos a correspondente parada para comer algo e tomar folgos.

Durante practicamente todo o roteiro contamos coa colaboración de protección civil de Carral, que nos axudou nos tramos máis complexos ou perigosos, xa que algunhas partes do percorrido, cruzaba vías con circulación de vehículos. Pero o realmente importante foi a satisfacción coa que os/as participantes e nos, os organizadores, rematamos esta actividade que sen dúbida nos encantou.

Carral continúa cos seus cursos de natación, que se están levando a cabo na piscina municipal. O Concello deu onte o pistoletazo de saída aos cursillos do mes de agosto, nos que están a participar 22 rapaces de entre 3 e 15 anos.

Trátase dunha das propostas deportivas e de lecer que o Concello ofrece, ano tras ano, e que forma parte xa da axenda estival do municipio.

Os usuarios e usuarias inscritos están divididos en tres grupos. As sesións lévanse a cabo de luns a venres (entre as 11.45 e as 14.00 horas), e cada clase ten unha duración de 45 minutos.

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza nesta ocasión un novo roteiro, concretamente unha parte do camiño inglés que transcorre polo noso concello. A actividade que se realizará o día 14 de agosto, sábado, comezará ás 9:30 h. e a saída será desde o campo da feira. O regreso está programado no mesmo lugar sobre as 14:00 h.

Organizada para maiores de 13 anos, para participar e imprescindible anotarse. Para elo, tes que enviar a ficha de inscricción e/ou autorización por correo electrónico a omix@carral.es ou por whatsapp ó 674.793.475.

Serán un total de 13 km, e a dificultade e baixa. Debes levar calzado axeitado, auga, algo de comer e unha viseira.

O prazo para anotarse remata o 11 de agosto.

Unha vez rematado o prazo de inscrición
no CAMPAMENTO DE MEDIO AMBIENTE E RECICLAXE,
que se celebrará entre o 9 de agosto e o 3 de setembro, publícanse a listaxe das solicitudes admitidas:

Unha vez rematado o prazo de inscrición
nos CURSOS DE NATACIÓN DO MES DE AGOSTO, que
se impartirán entre o 2 e o 31 dese mes, publícase a LISTAXE das solicitudes admitidas

Publícase a acta do tribunal de selección de persoal coa proposta ao Sr. alcalde do aspirante con maior puntuación para cubrir o posto de operario de limpeza de montes e tarefas de silvicultura ao amparo da subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para o fomento do emprego no medio rural ( Aprol rural 2021).

Dada a urxencia da contratación outórgaselles a todos os interesados un prazo dun día (29 de xullo de 2021) para reclamacións ou alegacións segundo o establecido no punto sétimo das bases que rexen esta contratación.

O Concello está celebrando a 1ª fase do seu Torneo de Pádel por Parellas, no que participan un total de 21 parellas. En total, nesta primeira fase de liguilla -que se disputará ata o 21 de agosto- están tomando parte 42 persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 58 anos.

A competición divídese nunha primeira fase na que as persoas participantes están divididas en cinco grupos. Ao rematar a fase de liguilla, as mellores parellas clasificaranse para oitavos de final. É dicir, disputaranse 8 enfrontamentos entre 16 parellas.

O certame está suxeito a un estrito protocolo de seguridade para previr contaxios pola covid-19.

Cursos de pádel

O Concello rematará, esta semana, os seus cursos de pádel, que contaron coa participación de 16 alumnos. Ao longo das sesións, as persoas inscritas iniciáronse nesta modalidade deportiva, traballando técnica de xogo e coñecemento o regulamento básico.

Por decreto de alcaldía 314/2021 do 27 de xullo 2021 resólvese aprobar a listaxe definitiva de admitidos e excluídos dos candidatos presentados no procedemento de selección para a contratación laboral temporal dun operario de limpeza de montes e tarefas de silvicultura , así como nomear aos membros do tribunal e fixar o día e a hora dá entrevista profesional.

MJ Pérez e Lulavai serán as artistas que conforman o cartel da 7ª edición do ciclo Músicas Íntimas: concertos na piscina, que terá lugar na fin de semana do 31 de xullo e 1 de agosto.

MJ Pérez, que actuará o sábado en formato dúo, é unha das novas voces da música galega. Cantautora que iniciou a súa traxectoria no 2014 e que acumula máis de 100 concertos, 4 discos, o premio Xuventude Crea, ademais de ser finalista noutros certames. A música de MJ Pérez bebe da esencia da canción de autor, unha fusión de diversos estilos musicais co predominio do rock-pop ata o de agora, mais co seu novo disco emprende un cambio de rumbo no que os ritmos latinos e a música de raíz están máis presentes.  A palabra e a mensaxe dos temas cobra especial protagonismo xunto coa voz de MJ, cargada de personalidade.  O seu concerto en Carral servirá para presentar o seu novo disco “A luz prendida”.

O domingo toman o escenario o cuarteto Lulavai, una formación única no que a polifonía se xunta aos fermosos sons das arpas celtas nuns elaborados arranxos de temas tradicionais e de compositores galegos. Lorena Reinaldo, Paula Oanes, Josefa Fernández e Elena Paz formaron Lulavai no 2008, gravaron 3 discos  e acumulan concertos realizados por Galicia, o resto de España e Portugal. O seu concerto será un percorrido por temas propios, adaptacións da nosa música tradicional, con temas tranquilos e outros máis rítmicos, empregando as arpas celtas e outros instrumentos de percusión tradicional.

Para ambos os dous concertos as localidades son limitadas, polo que é necesario reservar convites na Casa da Cultura antes das 14:00 h. do venres chamando ao 981 672 580.

O ciclo Músicas Íntimas é o evento musical de referencia de Carral que cada ano chega no verán con propostas galegas de gran calidade e aceptación por parte do público.

No caso de meteoroloxía desfavorable, as actuacións trasladaranse á Casa da Cultura, dando acollida ás primeiras 25 reservas de entradas de cada concerto.