O goberno elevará o orzamento do 2024 ao pleno do luns, 1 de abril (20.00 horas). O documento económico deste exercicio ascende a 6.321.018,87 euros, o que supón un crecemento de, practicamente, o 9 % con respecto ao anterior (de 5.800.917,34). Os orzamentos reflicten, non só a boa saúde das arcas municipais, senón tamén o compromiso do goberno local polos Servizos Sociais. Tanto é así, que na proposta destaca a contía destinada a gasto social, que chega ata 1.053.790,77 euros. Isto é, un 16,6 % do total dos orzamentos empregaríase para asistencia social primaria.

A contía dedicada a Servizos Sociais inclúe tanto as partidas de persoal e subministracións como as destinadas ao financiamento de programas asistenciais e para colectivos en risco de exclusión social. Na relación de gasto destaca a partida de axuda no fogar, que suma entre as modalidades de dependencia e libre concorrencia, un total de 703.560 euros. Neste apartado atópanse tamén as axudas de emerxencia social (10.000 euros), o programa de educación familiar (9.300 euros) ou as actividades para a terceira idade, que contan cunha consignación de 11.000 euros.

Un millón en investimentos

O goberno local reforzará, ademais, a súa aposta por continuar mellorando as infraestruturas e servizos dos veciños e veciñas. Para logralo, o orzamento de 2024 incorpora obras por valor de 1.038.427,64 euros. A relación inclúe as obras financiadas a cargo do Plan Único da Deputación da Coruña e tamén a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). Unha gran parte das intervencións servirán para reforzar as condicións de seguridade en vías e camiños mediante a mellora da capa de rodadura ou a creación de beirarrúas en Herves, Sergude, Quembre, Sumio e San Vicente.

O goberno mantén a súa aposta pola cultura

As actividades para promover a conciliación da vida familiar e laboral -campamentos de verán e programa madrugadores- en colaboración cos centros educativos, así como as de tipo cultural e deportivas seguirán sendo unha prioridade para o goberno local tal e como se recolle no documento económico.

O Concello manterá, así mesmo, o seu apoio ás familias e tamén á comunidade educativa, algo que conseguirá co aumento das partidas dedicadas á conciliación e ás bolsas de ensino.

Máis persoal

O documento económico de 2024 recolle un crecemento no capítulo de persoal, que chega ata os 2.216.920,18 euros. Desde o goberno local apuntan que co fin de garantir unha mellor atención á cidadanía, reforzarase o departamento de Obras e Urbanismo coa incorporación de dous obreiros e dun técnico.

Actualización da RPT

O pleno servirá, así mesmo, para elevar a actualización da Relación de Postos de Traballo -RPT-. Neste caso, exponse un cambio na relación de postos de traballo para adaptar o documento ás necesidades actuais da Administración local. Así, súmase a ficha correspondente ao persoal eventual e proponse modificar dous postos: por unha banda, o de administrativo/a de Intervención e o de auxiliar administrativo de Administración xeral.

Modificación da parada de taxis

Outro dos puntos que se elevarán ao pleno do luns será o cambio de localización da parada de taxis de Carral con motivo da execución inminente das obras na praza da Capela. A aprobación en pleno implicará a modificación desta parada, que pasará a estar situada na rúa Víctor Velasco.

O goberno local elevará, así mesmo, a proposta para solicitar á Deputación da Coruña unha subvención para a XX Festa do Pan de Carral.

A Xunta de Galicia reactivou onte as notificacións para levar a cabo queimas agrícolas por parte de particulares.

As persoas interesadas poderán comunicar as queimas de restos agrícolas achegándose á Concellería de Medio Ambiente do Concello de Carral, chamando ao 012 ou a través da ligazón.

A maiores, tamén se retomaron as solicitudes de autorización para efectuar queimas de restos forestais amoreados.

Podes consultar toda a información aquí.

Desde mañá venres, 22 de marzo, e ata novo aviso a Xunta prohibe as queimas agrícolas e forestais realizadas por particulares.

A decisión foi tomada tras valorar a evolución da situación meteorolóxica e analizar diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume.

Quedan excluídas desa prohibición as queimas controladas que realiza o servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Desde o Concello pedimos colaboración e extremar as precaucións, así como denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que teñades coñecemento.

Máis información na seguinte ligazón: xunta.gal

O ConcelloCarral adheriuse, un ano máis, ao convenio establecido entre a Xunta de Galicia e a Fegamp para a vixilancia e o control da vespa velutina.

Deste xeito, o Concello canalizará os avisos de particulares a través do 012. A maiores, calquera veciño ou veciño que detecte a presenza de niños poderá chamar directamente ao 012.

Segundo o Real Decreto 637/2021 sobre as normas básicas de ordenación das granxas avícolas, os particulares deben rexistrar os currais (galiñeiros) de autoconsumo. Isto é, currais avícolas onde haxa galiñas, polos, patos, ocas, pavos, pombas, faisáns, perdices ou paspallás.

Co fin de facilitar este trámite, a veciñanza dispón do modelo de documento (MR501A) nas oficinas municipais do Concello. Esta documentación poderase presentar a través do rexistro municipal, sen necesidade de acudir ás dependencias da Xunta de Galicia.

En todo caso, as persoas que desexen realizar este trámite deberán achegar o seu DNI.

As persoas que precisen máis información poderán contactar coa Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural no teléfono 981 67 00 02.

  • A actividade, dispoñible para municipios membros da rede ‘Europa no teu Concello’, percorre quince concellos da provincia para achegar a Unión Europa ao público infantil.
  • As funcións contan con intérprete de lingua de signos para garantir a accesibilidade.
  • Poderás solicitar o teu convite en omix@carral.es, no 674.793.475 (chamando ou por WhatsApp) ou no Local Interxeracional.

O Concello de Carral a través da OMIX (oficina municipal de informacion xuvenil) acolle o día 22 de marzo as 17:30 h. no Local Interxeracional, o contacontos Coñece Europa con Kalopsia, que percorrerá quince municipios da provincia da Coruña nos vindeiros meses para achegar a Unión Europea a nenos e nenas. Esta actividade forma parte da programación que EUROPE DIRECT A Coruña ofrece aos concellos adheridos á rede Europa no teu Concello e poderá verse en Cerceda, Narón, Carral, Dodro, Cariño, Boiro, Pontedeume, Rianxo, A Laracha, Negreira, Rois, Valdoviño, Padrón, Dumbría e Lousame.

Coñece Europa con Kalopsia é un obradoiro de contacontos para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que explica dunha maneira sinxela e entretida o funcionamento e valores da UE. A sesión comezará cun achegamento a algúns contos e libros infantís europeos para coñecer un pouco da tradición literaria da Unión Europea e as diferentes culturas que a compoñen.

A continuación, o público poderá escoitar a narración do libro Kalopsia. Un planeta non tan diferente: descubre Europa desde o espacio exterior, editado pola Representación da Comisión Europea en España. O conto está pensando para que os nenos e nenas coñezan a orixe da Unión Europea e entendan que a diversidade é un valor que nos enriquece.

Para rematar, os cativos converteranse en protagonistas e poderán xogar a formar os seus propios países e alianzas. A actividade contará con intérprete de lingua de signos para garantir a accesibilidade.

Pode atopar información xeral na páxina web:

https://www.dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2024/conoce-europa-con-kalopsia-cuentacuentos/

Jessica Otero Trigo, da Asociación Salvemos o Val de Barcia e o Monte Xalo, converteuse na gañadora do ‘Premio 8 de marzo’, un recoñecemento outorgado grazas ás votacións dos propios veciños e veciñas. A muller é a secretaria desta entidade que leva xa dous anos loitando contra a implantación do parque eólico de As Encrobas. O Concello acolleu, esta mañá, a entrega coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Muller. O alcalde, Javier Gestal, e a edil de Servizos Sociais e Igualdade, Inmaculada Mantiñán, foron os encargados de entregar o galardón á veciña de Quembre.

A veciña amosouse “feliz” por ter recibido o premio, cuxa entrega coincidiu, ademais, co segundo aniversario da entidade. Con todo, tal e como a propia Otero Trigo recoñeceu, “yo soy la cara visible de la asociación, pero este premio no habría sido posible sin el trabajo del resto de personas que forman parte de la entidad”. Jessica é a secretaria da asociación e defínese a si mesma como unha “amante” dos animais. De feito, na propia plataforma das votacións veciñais defínena como “unha muller forte, valente, que loita polo que cre e que destaca pola súa loita a prol do coidado e da preservación da natureza e o coidado dos animais”.

Comunidade educativa

Ademais da entrega do ‘Premio 8 de Marzo’, o acto institucional desta mañá contou coa participación dunha boa representación de alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e do IES de Carral. Baixo o tema central ‘Financiar os dereitos das mulleres. Unha cuestión de dereitos humanos’, os rapaces e rapazas fixeron unha pequena introdución sobre o feminismo e, ademais, presentaron viñetas con frases escritas por eles mesmos e traballos artísticos con motivo do 8 de marzo. O acto incluíu, así mesmo, a lectura do manifesto por parte da técnico de Igualdade do Concello de Carral.

Tal e como advertiu a Consellería de Medio Rural, hai varias parroquias do municipio afectadas pola praga da pataca.

Co fin de informar da situación á veciñanza e de axudarlle a cubrir os impresos necesarios, persoal da Concellería de Medio Ambiente desprazarase a estas parroquias nos vindeiros días.

Estes encontros levaranse a cabo desde o luns, 11 de marzo, ata o día 25 de marzo.

As persoas que precisen máis información poderán chamar ao teléfono 981 67 00 02.

Aberto o período de inscrición para probas de acceso a ciclos formativos de grao medio, do 26 de febreiro ao 8 de marzo de 2024, ambos incluídos.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se actualizan as zonas demarcadas pola presenza da praga da couza guatamalteca da pataca.

Durante as prospeccións realizadas producíronse novas deteccións desta praga, que está a afectar a distintas parroquias do Concello de Carral.

Este feito obriga a declarar as parroquias de Cañás (Santa Baia) e Paleo (Santo Estevo) como novas zonas infestadas.

Os agricultores destes lugares deberán presentar a documentación esixida na publicación do DOG nun prazo de 20 días hábiles, é dicir, do 28 de febreiro ao vindeiro 26 de marzo.

Por un lado, a declaración de existencias de pataca almacenada, que será retirada polos servizos oficiais para proceder á súa destrución por considerarse material contaminado. Os titulares deberán desinfectar o lugar de almacenamento.

Por outro lado, a declaración de parcelas cultivadas, cuxas patacas deberán ser desenterradas e retiradas baixo control oficial.

Ademais, pasan a ser declaradas zonas tampón as parroquias de Beira (Santa Mariña), Quembre (San Pedro), Sergude (San Xián), Tabeaio (San Martiño) e Vigo (San Vicente), ao tratarse de parroquias lindeiras coas zonas infestadas.

Os agricultores destas zonas deberán comunicar, con praza límite o 1 de abril, todas as parcelas cultivadas con pataca.

Desde o Concello de Carral póñense a disposición da veciñanza para resolver calquera dúbida ao respecto, podendo contactar directamente chamando ao 981 67 00 02 e preguntando polas áreas de Medio Ambiente e Medio Rural.

Accede a toda a información publicada no DOG.