TABEAIO ACOLLE O FESTIVAL DE PANXOLIÑAS

Cartel Concerto Panxoliñas 2015.Tres corais da provincia participarán no Festival de Panxoliñas de Carral, que organiza a concellería de Cultura coa colaboración da Asociación Cultural Aires de Carral e da Deputación Provincial da Coruña. As corais polifónicas que participarán son Vía Sacra de Sobrado dos Monxes, San Valentín de Fene e Aires de Carral.

Este evento musical terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio, o domingo 20 de decembro, ás 19:00 h. A entrada será libre.

A coral polifónica San Valentín, dirixida por Miriam Fernández Marín, naceu no ano 1980 e desde entón ten viaxado por diversas cidades españolas e a meirande parte das vilas galegas participando en concertos, festivais e certames. Pola súa banda a agrupación Vía Sacra, creada en 2008, recibe o seu nome en honra ao paseo entre a Casa das Audiencias e o mosteiro de Sobrado dos Monxes. Comeza con tan só 6 compoñentes, contando na actualidade con 28. Desde o seu comezo está dirixida por Malena Pazos Pintor.

A coral anfitriona, Aires de Carral conta cun longo historial de concertos por localidades galegas e española, acadando distincións en diversos certames. No ano 2013 gravou o seu último disco, Ecos de Carral, e desde 1982 dirixe a coral Juan José Gordillo.