ÁBRESE O PRAZO DE INSCRICIÓN NOS CAMPAMENTOS DEPORTIVOS DE NADAL
Carral abre este mércores, 11 de decembro ás 9:00 h, o prazo de inscrición nos campamentos de Nadal, un programa co que o Concello busca favorecer a conciliación entre as familias do municipio. O período de inscrición estará aberto ata o 18 de decembro ás 12.00 h, dándolles aos veciños e veciñas a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas nalgunha/s das 2 semanas que se ofertan dende o 23 de decembro ata o 3 de xaneiro.
Como nas últimas edicións, o Concello mantén o horario ampliado destas actividades. Deste xeito, os pequenos e pequenas poderán ser atendidos entre as 7.30 ata as 16.00 horas xa que, ademais das propias actividades dos campamentos (10.00-14.00 h), o Concello ofrece servizos opcionais de Madrugadores (de 7.30 a 10.00 horas) e de tempo de xantar (de 14.00 a 16.00 horas).
Estes campamentos, dirixidos a rapaces e rapazas de Ed. Infantil e Ed. Primaria, levaranse a cabo durante as vacacións de Nadal en quendas semanais (2) e terán unha temática deportiva, con especial atención aos deportes de inverno e as disciplinas locais. Ofertaranse 60 prazas/semana, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados ou os que acudan aos centros de ensinanza de Carral.
O prezo destes campamentos é de 30,00 €/semana, e o prezo polo uso do servizo opcional de madrugadores (7:30-10.00 h)/tempo de xantar (14:00-16:00): 9,25 €/semana.
As persoas interesadas poderán tramitar a inscrición cubrindo o boletín dispoñible na páxina web do Concello ou, se o prefiren, cubrindo o formulario online disposto para tal fin. Como noutras convocatorias, as persoas interesadas terán a posibilidade de inscribir aos nenos e nenas por semanas soltas. Máis información na Casa da Cultura de Carral – casadacultura@carral.es – 981.67.25.80.