O Concello de Carral publica toda a información relativa sobre o obradoiro de emprego “Reserva de Biosfera: Emprego verde”.

Resultado definitivo dos procesos de selección do persoal de Reserva de Biosfera: Emprego verde

Resultados definitivos proceso selectivos prazas alumnado de Reserva de Biosfera: Emprego verde

Baixo o lema “O negocio que precises está en Carral”, o Concello puxo en marcha a plataforma Merca Carral, un novo espazo web co que o goberno local busca apoiar e dar visibilidade aos negocios afincados no municipio, sobre todo na situación sanitaria actual. Así, tal e como indica o equipo de goberno “a irrupción da pandemia provocou o peche de moitos establecementos e trouxo consigo enormes perdas para os responsables dos locais. Con este novo espazo web o que buscamos, precisamente, é promover as compras e o consumo no tecido económico de Carral”.

Ata o de agora, son xa preto de medio centenar as compañías que forman parte deste directorio. Esta relación inclúe restaurantes e bares, salóns de peiteado, axencias de viaxes, panadarías e tendas de alimentación, dentistas, zapaterías e tendas de roupa, etc.

As firmas e persoas autónomas que desexen incluír a súa ficha en Merca Carral poderán rexistrarse de xeito gratuíto na propia web https://mercacarral.com/Unha vez dentro, terán que encher o formulario web indicando o seu nome e o da empresa, os datos de contacto, o tipo de compañía e o enderezo. Así mesmo, terán que incluír o logo, imaxe e unha descrición do negocio.

  • A corporación municipal aprobou, por unanimidade dos votos, a moción presentada por Alternativa dos Veciños sobre esta construción

O Concello de Carral instará á Xunta de Galicia a declarar a nulidade do procedemento e o arquivo do expediente para a construción do parque eólico das Encrobas. Así se acordou onte durante o pleno ordinario, no que se aprobou esta moción presentada por Alternativa dos Veciños. O documento, ao que se sumou o PSOE, foi aprobado por unanimidade dos membros da corporación municipal. Entre os motivos, a moción reflicte as
deficiencias deste proxecto, así como as consecuencias que o parque eólico terá a nivel social e ambiental.

Como se explicou no pleno, este documento reflicte as demandas e solicitudes trasladadas tanto polos propios veciños e veciñas como polas diferentes asociacións do municipio como Brexa Custodia do Territorio e a plataforma Salvemos o Val de Barcia e O Monte Xalo.

Por unha banda, a moción indica que algúns dos autogeneradores do parque eólico de Meirama están máis próximos aos das Encrobas que entre si, compartindo, ademais, a rede de transporte, distribución e subestación situada en Meirama. Ambas as construcións suman, en total, unha potencia de 69 MW. En definitiva, segundo reflicte o documento, debería ter consideración como un único parque eólico, tendo que pasar a súa competencia á Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno de Galicia en lugar da a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Pola outra, o proxecto baséase nas áreas de desenvolvemento eólico definidas no Plan Sectorial Eólico de Galicia de 2007, que foi aprobado sen avaliación ambiental e que está pendente de normativa de desenvolvemento. Segundo reflicte a moción, este documento podería considerarse obsoleto, sobre todo tendo en conta que as dimensións dos aeroxeradores aumentaron considerablemente e que non se comprobou se a distancia de 500 m a núcleos de poboación será suficiente para evitar as molestias aos veciños e veciñas.

Como expuxo en grupo durante o pleno, este proxecto terá efectos en canto á ocupación do chan, ruído, eliminación da vexetación, alteración das augas superficiais e subterráneas, paisaxe, fragmentación de hábitats, despoboamento rural, etc. A isto haberá que sumar, ademais, as afección sobre espazos naturais e elementos patrimoniais protexidos.

Durante o período de exposición pública, o Concello presentou dúas alegacións ao proxecto do parque eólico, unha delas en canto ao aspecto urbanístico e outra ao ambiental.

O Concello de Carral publica as bases para a selección do alumnado-traballador e do persoal directivo, docente e administrativo de apoio do obradoiro dual de emprego “Reserva de biosfera: emprego verde”.

O Concello de Carral reabriu, esta semana, as pistas de pádel municipais tras concluír as obras que se executaron nestas instalacións. Con estas intervencións, o goberno local reafirma a súa aposta pola mellora das infraestruturas deportivas do municipio.

O proxecto do Concello incluíu a realización dos seguintes traballos:  colocación de novas redes de protección fronte as condicións climatolóxicas adversas, disposición dunha porta de acceso lateral para o corredor entre pistas -ata o de agora, os usuarios e usuarias tiñan que cruzar polo medio da propia pista para saír-, pintado do corredor cun material antiescorregadizo e colocación de novas redes.

Estas intervencións contaron cun orzamento próximo aos 20.000 euros e supuxeron unha considerable mellora das instalacións, moi empregadas ao longo de todo o ano.


Un compromiso co deporte

A maiores destas actuacións, o Concello levará a cabo outras iniciativas para mellorar as instalacións deportivas, como a ampliación do Centro Deportivo, a reforma interior do polideportivo do Vicente Otero e a rehabilitación da pista deportiva exterior de Tabeaio. 

VOLVEN OS CONTACONTOS Á BIBLIOTECA MUNICIPAL

Despois do descanso do verán, volve a programación de contacontos infantís á Biblioteca municipal. A primeira sesión será este xoves ás 18:00 h. a cargo de Trinketrinke Teatro cunha función tituladas “Familias diversas”.

Para asistir é necesario reservar entradas chamando ao 981 672 580. O aforo é limitado.

DÚAS COMPAÑÍAS DE PERÚ E ARXENTINA VISITAN CARRAL CO FESTIVAL GALICREQUES

Os sábados 2 e 9 de outubro, o local Xente Nova de Tabeaio acollerá as funcións que Galicreques levará a cabo en Carral para público familiar.

O espectáculo deste sábado titulase Títeres a cielo abierto, do artista arxentino Manu Mansilla. É un espectáculo familiar que invita ao público a interactuar a través de tres divertidas historias. Un monstro do centro da terra parece un terrorífico ser. Pero rapidamente descubriremos que, en realidade, é un sociable e tenro monstro alaranxado. Un cuadrilleiro chamado Perigo vén decidido a conquistar o mundo e buscará entre o público os seus novos secuaces. Conseguirá encontrar algún neno “malvado” que lle axude a concretar o seu maléfico plan ou será máis forte o desexo de protexer o noso planeta e os seres que viven nel? Manu e o seu monicreque, Luís, intentan poñerse de acordo sobre quen dos dous manda, un conflito clásico onde Luis ensinará a Manu a ver as cousas dende outro punto de vista.

A función do sábado 9 de outubro será a cargo da compañía peruana Hugo e Inés cun fermoso e simpático espectáculo titulado Body Rhapsody.

Para asistir ás obras de Galicreques, que comezarán ás 20:00 h, haberá que reservar entradas chamando á Casa da Cultura ao 981 672 580 antes das 14:00 h. do venres anterior a cada espectáculo.

A ASOCIACIÓN A BARCAROLA PRESENTA EN TABEAIO A SÚA OBRA TEATRAL “O SATANASIÑO”

A compañía de teatro amador A Barcarola Teatro presente este venres en Tabeaio a obra O Satanasiño. Será ás 20:30 h.

Esta obra cóntanos que os veciños dunha vila non saben que quen predica o cumprimento dos mandamentos é o primeiro que os quebranta. O sacerdote e a ovella do rabaño son a mesma persoa. Un nome resoa por todo o lugar: O Satanasiño. O párroco ten todo baixo control ata que Brais e Uxía chegan á vila. Será capaz o Satanasiño de converter a estes dous irmáns en discípulos dos seus pecados?

Do mesmo xeito que nas outras actividades, para asistir como público é necesario reservar as entradas chamando á Casa da Cultura.


A distancia que separa os núcleos de Carral e Tabeaio é de apenas 2,5 quilómetros, pero, desde agora, a conexión entre ambos os puntos será moito máis segura e cómoda para viandantes e ciclistas. O Concello inaugurou, esta mañá, unha nova senda baixo o nome de “Martín Cortés Cacheiro”. Ao acto inaugural acudiron o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, o alcalde, Javier Gestal, membros do goberno local e da corporación, representantes da Asociación Veciñal O Rueiro de Tabeaio, e familiares do homenaxeado.

Durante a súa intervención, o rexedor referiuse a Martín Cortés Cacheiro como “un home que sempre tivo unha man tendida aos veciños e veciñas sen pedir nada a cambio. En Tabeaio, grazas á súa bondade, existen espazos públicos como o local social e a pista polideportiva”.

Este veciño, natural de Tabeaio, faleceu no ano 2018 e, ao longo da súa vida, contribuíu a mellorar os servizos, infraestruturas e, en xeral, a calidade de vida dos carraleses e carralesas. No 1998, e ao non existir instalacións de titularidade municipal, deportiva e/ou cultural en Tabeaio, acordou coa Administración local a cesión dos terreos nos que, posteriormente, o Concello construíu a actual pista polideportiva da parroquia. Este espazo supuxo un gran impulso no fomento da actividade física e o deporte en Tabeaio. Esta operación implicou, así mesmo, a cesión dos terreos anexos á entidade cultural Xente Nova para a construción dun local social que, hoxe en día, segue tendo un crecente uso.

O bautismo da senda co nome de Martín Cortés Cacheiro foi unha proposta elevada polo goberno local no mes de xullo e aprobouse por unanimidade dos votos da corporación municipal.

A creación da senda peonil e ciclista contou cunha achega económica por parte da Xunta de Galicia de 153.000 euros.

O Concello de Carral está a piques de concluír o proceso de concentración parcelaria de San Vicente de Vigo. Tanto é así, que o pavillón O Espiño viviu, esta mañá, a primeira xornada de entrega de títulos aos propietarios, último paso para finalizar un proceso pendente desde hai décadas. O alcalde de Carral, Javier Gestal, desprazouse ata a instalación co fin de supervisar esta entrega, e fíxoo acompañado polo conselleiro de Medio Rural, José González, pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e por outros representantes da Xunta de Galicia. O rexedor carralés destacou “o gran beneficio que suporá o remate deste proceso, e que parte do traballo coordinado entre diferentes administracións”. Gestal incidiu en que a concentración parcelaria desta parroquia “foi unha das máximas prioridades do goberno local desde o inicio do mandato, e que se intentou axilizar mediante reunións cos organismos competentes no asunto”.

A parcelaria, compartida entre os municipios de Carral e Cambre, comprende unha superficie de case 600 hectáreas e beneficiará a 697 persoas propietarias. A conclusión deste proceso implicará pasar das 2.209 parcelas iniciais ás 1.087 resultantes, o que conlevará tamén un aumento da base territorial das explotacións da zona.

O pavillón acollerá mañá, xoves 23 de setembro, a segunda xornada de entrega de títulos. Neste caso, será a quenda dos donos da Ramalleira, Balbén, As Táboas e A Ludiña (entre as 10.00 e as 12.00 horas) e de Tamaruño, Río Brexo e Río Barcés (de 12.00 a 14.00 horas).

As persoas que non poidan acudir á entrega de títulos poderán delegar a recollida noutra persoa. Neste caso, deberán levar cuberta a precepcitiva autorización, dispoñible na páxina web do Concello. Aqueles títulos que non se retiren estarán ao dispor dos interesados no Servizo de Infraestruturas Agrarias dá Xefatura Territorial do Medio Rural.