O Concello de Carral iniciará este venres, 3 de setembro, a oitava edición do seu ciclo ‘Noites de monólogo’, que leva a cabo no local Xente Nova de Tabeaio.
Todos os monólogos serán ás 21 horas e a encargada de inaugurar o ciclo este venres é Carmen Méndez con ‘Outras químicas’. O vindeiro venres, 10 de setembro, será a quenda para Quico Cadaval con ‘Vacas, guerras, porcos e cregos’. O venres 17 Paula Carballeira con ‘Mulleres que viven soas’. Seguirá Sergio Pazos, o venres 24, con ‘Contaxiándonos de humor’ e, por último, o sábado 25, Pepo Suevos clausurará o ciclo con ‘Falade galego, rapazada… é unha pasada!!!’.
Para asistir a estes espectáculos é necesario reservar entrada previamente na Casa da Cultura, teléfono 981 672 580.

Hoxe presentouse na Deputación da Coruña a IV edición do Premio de Fotografía ‘Manuel Ferrol’. Unha convocatoria organizada pola Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’, coa colaboración do Concello de Carral, apoiada pola área de Cultura provincial, que se recupera tras o paréntese do pasado ano por mor da crise sanitaria e da que se agarda que sexa refrendada cunha alta participación.

Participaron no acto o concelleiro de Cultura de Carral, Francisco Bello, a secretaria da Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’, Noemia Moar, o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e o membro do xurado, Víctor Echave.

Francisco Bello asegurou que “é un orgullo que as asociacións do concello se involucren activamente en iniciativas culturais” e puxo en valor a recuperación desta convocatoria. Tamén lembrou que coa selección dos traballos presentados se conformará unha exposición que poderá visitarse no Campo da Feira de Carral.

O concurso de fotografía nace, en palabras de Noemia Moar, para “reivindicar a figura e a obra dun fotógrafo representativo de toda unha época da cultura galega”. A secretaria da Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’ indicou que desde a entidade que representa traballan coa vontade de converter este premio “nun referente no mundo da fotografía a nivel de todo o Estado”.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, enmarcou o apoio da Deputación da Coruña a este certame na “filosofía de apoiar e visibilizar a obra de fotógrafos e fotógrafas actuais que, esperamos, se convirtan no equivalente ao ‘Manuel Ferrol’ do século XX”, na liña de “crear unha iconografía propia da nosa época actual”. Xurxo Couto salientou “a importancia capital que a fotografía e os fotógrafos, principalmente na segunda metade do século XX, tiveron na formación do patrimonio cultural do noso país”, e concretamente o peso específico de Manuel Ferrol “que non só documentou un dos dramas máis profundos do país, como foi a emigración, senón que tamén soubo trasladar unha gran sensibilidade artística ás súas imaxes e crear unha poética da vida cotiá daquel momento”. Un aspecto ao que tamén se referiu Víctor Echave, en nome do xurado do certame, quen non dubidou en cualificar a Manuel Ferrol como “un icono e un mito da fotografía do século XX”.

As bases do certame están dispoñibles tanto na páxina web como nas contas de redes sociais da Asociación Cultural ‘Cultura Aberta’ e o prazo de presentación de traballos permanecerá aberto ata o 17 de decembro. As obras que xa foran presentadas no ano pasado (na edición que finalmente non se celebrou) pasarán automaticamente a concurso. En edicións anteriores a participación sitúase ao redor do medio cento de traballos presentados.

A temática dos traballos deberá versar sobre retrato, reportaxe e tradición, e o xurado está composto por cinco profesionais da fotografía: María Messeguer, Xoán Piñón, Victor Echave, Nacho Romero e Ángel Cordero.

¡Novas datas e prazas para desempregados!

A Xunta de Galicia, baixo o lema “Re-posiciona o teu negocio”, pon en marcha a segunda edición do proxecto formativo #AutónomosDixitais dirixido prioritariamente a autónomos/as en activo ou autónomos/as cuxo negocio cesou os últimos meses e desexan retomar a súa actividade. Con novas datas de comezo en setembro, hai novas prazas, accesibles para desempregados/as sen límite de idade.

Este proxecto inclúe dous cursos en liña de 50 horas de duración cada un e orientados a mellorar o grao de dixitalización dos emprendedores galegos:

>>> Fundamentos para á Creación dun Proxecto de Comercio Electrónico. Dirixido a persoas sen coñecementos previos.

>>> Especialista en e-commerce. Dirixido a persoas con experiencias profesionais ou formación previa en comercio electrónico.

Esta formación está 100% subvencionada, e non ten ningún custo económico para as persoas participantes, impártese en modalidade online e conta con diploma avalado pola Xunta de Galicia ao finalizar.

Para aclarar calquera dúbida ou solicitar praza, tamén estarán dispoñibles as seguintes canles:

Achegamos folletos en formato dixital con información dos cursos.

O Concello de Carral iniciou os traballos de recuperación e adecuación da senda circular dos Muíños do Batán, un dos espazos máis visitados tanto polos propios veciños do municipio como polos visitantes.

Os traballos para levar a cabo inclúen unha roza respectuosa coas especies protexidas, retirada de troncos mortos, apeo de árbores que teñan risco de caída e o acondicionamento xeral da propia senda.

Desde o goberno local explican que o obxectivo desta actuación de mantemento e apertura do roteiro, sumada a outras similares, é “poñer a punto todos os nosos espazos naturais para o goce dos veciños e veciñas de Carral”.

O Concello de Carral iniciará esta semana as obras de adecuación da contorna das antigas vivendas dos profesores.

Estes traballos responden á demanda dos veciños da zona, dado o seu estado actual. Con iso, o goberno local pretende facer deste espazo un lugar seguro para o alumnado e pais e nais que acceden ao recinto á hora da saída en época lectiva.

Así, nunha primeira fase pavimentaranse e adecuarán os accesos, para posteriormente colocar unha marquesiña ao longo das vivendas. A primeira fase contará cun orzamento que excede os 39.000 euros.

Poñémonos en contacto con vostede para achegarlle o novo Formulario de Oferta de Emprego que esperamos lle facilite a xestión da contratación de persoal. 

Tamén queremos informarlle que Emprego Galicia ofrece as empresas unha nova ferramenta para presentar as ofertas, trátase da Oficina Virtual de Empresas, cun formato sinxelo de cumprimentar para tramitar en liña as ofertas de emprego. Xuntamos Vídeo titorial da Oficina Virtual de Empresas:Vídeo Oficina Virtual de Empresas

*A oficina virtual de empresas no caso de concellos so permite a presentación de ofertas  tipo A(ordinarias), non as subvencionadas

A continuación, achegámoslle un folleto informativo onde se detalla paso a paso a presentación dunha oferta de emprego. Ademais, pode contar en todo momento co apoio do persoal técnico da nosa oficina para consultar calquera dúbida que teña.

Tamén dende a Oficina de Emprego, pódese xestionar a convocatoria de persoas candidatas para que acudan a unha entrevista ás instalacións da túa empresa. Así coma o noso persoal técnico pode realizar as entrevistas, se o precisas, nas nosas instalacións.

Lembrarlle, que no portal web de Emprego Galicia pode atopar nas pestanas de Empresas e Emprendemento información de interese para a contratación e formación das súas persoas traballadoras.

Con estas melloras Emprego Galicia espera axudarlle e facilitar todo o proceso de contratación de persoas desempregadas. Dámoslle as grazas pola súa colaboración e confianza.

Para máis información poden poñerse en contacto coa nova ADL do Concello de Carral os luns e os xoves no Toñito Espiñeira.

Concello de Carral

Sométese a información pública por prazo de 30 días a partir do seguinte ao de publicación do Acordo de Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía , Empresa e Innovación do 30 de xullo de 2021 da Xefatura Territorial da Coruña polo que se somenten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa a declaración de utilidade pública en concreto a necesidade de urxente ocupación que iso implica a autorización administrativa de construcción o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal ( proxecto de interés autonómico) do proxecto do parque eólico As Encrobas nos concellos de Cerceda, Carral e Ordes ( A Coruña) ( Expediente IN408A 2020/93) no DOGA nº158 do mércores 18 de agosto de 2021, que estará a disposición no seguinte enlace:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210818/AnuncioG0596-300721-0003_es.html

A solicitude está relacionada coa instalación que se describe a seguir: Solicitante /promotor: Naturgy Renovables, S.L.U (CIF – B84160423) Domicilio: Avda Arteixo nº171, 15007 A Coruña Denominación do proxecto: Parque eólico As Encrobas Concellos afectados pola poligonal do parque eólico: Cerceda, Carral e Ordes ( A Coruña) Potencia que se vai instalar: 20 MW Número dos aeroxeradores que se van instalar: 4Ud. x 5MW de potencia unitaria Produción media neta estimada : 68.326 MWh/Ano

Horas netas anuais: equivalentes a potencia nominal 3.416 horas Orzamento execución material : 20.378.055,01 € Prazo de execución: 7 meses A documentación estará a disposición dos interesados nas dependencias da sección de enerxía desta Xefatura Territorial da Coruña, da Vicepresidencia 2ª e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (rúa Vicente Ferrer, nº2, 2º Andar, 15071, A Coruña das 9:00 horas ás 14:00 horas, de luns a venres, con cita previa no correo electrónico, seccion.enerxia.coruna@xunta.es ou nos teléfonos 981.184983 e 981.284962) asi como nos concellos de Cerceda, Carral e Ordes ( A Coruña).

O estudo de impacto ambiental estará tamén disponible, durante o mesmo prazo na Xefatura das dependencias da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Concello de Carral

O Concello conta desde onte, luns 16 de agosto, cun novo axente de emprego e desenvolvemento local. Esta contratación realízase en réxime de persoal laboral temporal e parte dun convenio entre os Concellos de Carral, Oza-Cesuras e Coirós. Coa incorporación deste axente, o goberno local busca reforzar as áreas de emprego e promoción económica.
Este traballador acudirá Carral os luns e xoves e desempeñará entre outras, estas funcións: promoción do emprendemento, asesoramento na posta en marcha de proxectos de empresa, apoio na xestión empresarial, difusión das diferentes formas de financiamento e subvencións existentes, identificación no territorio de novas oportunidades de negocio e emprego e, ademais, promoción e implantación de políticas activas de traballo.
Este axente traballará no edificio social Toñito Espiñeira. Os veciños e veciñas que desexen acceder a este servizo poderán solicitalo a través do teléfono 981 67 00 02 ( Concello) ou do 981 61 35 20.

Con motivo da nova instalación de servizos 4G poden producirse interferencias na sinal de recepción do TDT dos televisores en algúns fogares do municipio.

Se isto sucede, podes contactar e facer a túa reclamación no seguinte teléfono 900 83 39 99 ou a través da páxina web WWW.LLEGA800.ES. As posibles reparacións que precisen os televisores, serán gratuítas nos 6 primeiros meses.

Máis información no servizo de Medio Ambiente do Concello ou no teléfono 981 67 00 02.

O sábado, 30 participantes pateamos o tramo do camiño inglés que transcorre polo noso concello.

Realizamos un bonito percorrido por diferentes parroquias do noso concello durante case 4 horas que nos levou realizar o roteiro.

Foron máis de 12 km que nos levaron por lugares destacados do noso municipio como a área de descanso de A Lameira, ou polo albergue de peregrinos/as de Sergude, onde fixemos a correspondente parada para comer algo e tomar folgos.

Durante practicamente todo o roteiro contamos coa colaboración de protección civil de Carral, que nos axudou nos tramos máis complexos ou perigosos, xa que algunhas partes do percorrido, cruzaba vías con circulación de vehículos. Pero o realmente importante foi a satisfacción coa que os/as participantes e nos, os organizadores, rematamos esta actividade que sen dúbida nos encantou.