Despois de ter que aprazar a actividade para hoxe e de que o ano pasado non poidemos organizar esta excursión, voltamos a Cerceda a pasar o día no Aquapark.
A pesar de que o día comezou algo nubrado, e do verán que estamos a ter, foi aparecendo o sol por momentos e quedou unha tarde xeitosa para que as nenas e nenos aproveitaran o dia.
A piscina de ondas, o jacuzzi, o Roaller Coaster ou o multipistas, foron algunhas das atraccións das que puideron gozar.

Faise pública a listaxe das solicitudes admitidas para o ENGLISH SPORT CAMP que terá lugar entre o 19 de xullo e o 6 de agosto.

Para calquera consulta ou aclaración os interesados poden poñerse en contacto coa Casa da Cultura no 981.67.25.80 ou no mail casadacultura@carral.es.

O sábado pasado un grupo de 20 persoas realizamos unha variante do roteiro mariñán PR-G 101, organizado pola OMIX.

Ás 9:30 horas desde o campo da feira comezamos esta andaina que nos levou toda a maña e que nos fixo pasar por lugares do noso municipio que moitas e moitos das/os participantes descoñecían.

Lugares tan característicos e representativos do noso concello coma San Pedro de Rubieiro, onde paramos para coller folgos e repoñer forzas tras a dura subida a esta capela, os muíños da Costa da Égoa, e tamén por varias parroquias como Herves, Barcia ou Quembre, onde puidemos ver varios pazos e fontes, patrimonio e historia de Carral, e acompañados por protección civil, que nos axudou en determinadas situación e sempre que o precisamos.

Foi un roteiro bastante duro, que nos levou mais de catro horas realizar pero que o final mereceu moito a pena, e coa sorte de que o tempo nos acompañou.

O pasado martes rematou a exposición “9 meses, 9 causas”, que se organizou desde o CEIP Vicente Otero Valcarcel, e coa que colaborou o Concello de Carral, a través da OMIX (oficina municipal de información xuvenil).

Durante unha semana, entre o 15 e o 22 de xuño, preto de 250 persoas pasaron polo Local Interxeracional para ver os traballos que as rapazas e rapaces de Carral fixeron para esta exposición sobre o medio ambiente.

Os micro plásticos, as abellas, a contaminación do mar ou incluso os xabóns artesanais, foron algunhas das temáticas que o alumnado do CEIP Vicente Otero Valcarcel tratou nesta exposición que se puido ver no local e que esperamos que, pola gran acollida que tivo, póidase repetir no vindeiro curso escolar.

Despois de que o ano pasado fora a primeira vez que non imos o Aquapark de Cerceda despois de moitos anos seguidos, este ano retomamos esta actividade que tan boa acollida ten entre a nosa xuventude.

O mércores día 7 de xullo será o día no que, nenas e nenos de entre 8 e 17 anos, acudan ó parque acuático, nesta actividade organizada pola OMIX (oficina municipal de información xuvenil)

A saída farémola ás 11:00 h. desde a Casa da Cultura e estaremos de regreso ás 19:30 h. no mesmo lugar.

O prezo é de 8 euros e o pago farase na conta municipal ES21-2100-5781-3102-0000-1826 (CAIXABANK). Non pagar ata a confirmación da praza!

Os/as participantes teñen que levar mascarilla, toalla, comida, bebida, viseira, protección solar e sandalias.

Tes ata o 5 de xullo para anotarte e enviarnos a autorización e o resgardo de pago a omix@carral.es.

A OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organiza para o vindeiro 3 de xullo, unha actividade de sendeirismo. Nesta ocasión, faremos o roteiro PR-G 101, que percorre parte do noso Concello, pasando por Quembre, a capela de San Pedro de Rubieiro, ou a Costa da Égoa entre outros lugares.

E un roteiro con una dificultade media, de uns 12 km. de lonxitude e que nos pode levar arredor de 5 horas. A idade mínima é de 15 anos.

Sairemos desde o Campo da Feira ás 9:30 h. e estaremos de regreso no mesmo lugar ás 14:30 h.

Para anotarte tes ata o 1 de xullo para enviarnos a folla de participación ou a autorización (para menores de idade que non veñan acompañados/as) a omix@carral.es ou por whatsapp ó 674.793.475. É totalmente gratuíta.

Recomendamos levar auga, algo de comida, calzado axeitado e viseira.

O Concello de Carral prepárase para un verán cheo de actividades culturais, deportivas e xuvenís para todos os públicos. A oferta conta con preto de 40 propostas que se levarán a cabo ao longo dos meses de xuño, xullo e agosto. Con este amplo abano, o goberno local reforza, aínda máis, a súa aposta pola promoción da cultura e o deporte, organizando propostas adaptadas á nova normalidade e nas que se cumpre, de xeito estrito, cos protocolos sanitarios pola covid-19.

A programación arrincará esta mesma fin de semana coas actividades do ciclo ‘Elas son artistas’. Este programa incluirá a realización dun obradoiro de arte urbano (12 e 13 de xuño), dun espectáculo de danza a cargo da compañía Cía. Entremáns e dun concerto de Pauliña. Estas tres propostas celebraranse na  piscina municipal. Esta fin de semana está a ter lugar, ademais, o XVII Torneo de Tiro Olímpico (12 e 13 de xuño), organizado polo Club de Tiro Olímpico de Carral.

En xuño retomaranse, así mesmo, os cursos de pilates no Complexo Deportivo (entre o 14 de xuño e o 31 de agosto) e a actividade na piscina municipal (aberta desde o 18 de xuño e ata o 3 de setembro). A través da OMIX, levarase a cabo un obradoiro de arte urbana os días 25 e 26 de xuño. A última actividade deste mes chegará o 29 de xuño, ás 18.00 horas, cando Pedro Brandariz aterrará na contorna da piscina.  

O mes de xullo suporá o inicio dun novo programa cultural, “Culturúa”, con proxeccións de películas ao aire libre, espectáculos na rúa e música. A iniciativa arrincará o 1 de xullo, ás 18.00 horas, no Campo da Feira co espectáculo ‘Mere Clown’. Ao día seguinte, o 2 de xullo ás 22.30 horas, as persoas interesadas poderán gozar da película “A illa das mentiras”, que se proxectará no Campo da Feira. ‘Culturúa’ continuará o 22 de xullo (ás 18.00 horas no Campo da Feira) cunha actuación musical para os nenos e nenas da man de Paco Nogueira. O 24 de xullo, o Mago Antón tomará o relevo e realizará varios pases do seu espectáculo de maxia no Campo da Feira. O cine volverá inundar o núcleo urbano o 30 de xullo, ás 22.00 horas, con “Érase una vez… Hollywood”. No mes de agosto, ‘Culturúa’ ofrecerá outras tres actividades: un concerto de Xavi Longueirón para os cativos e cativas (26 de agosto, ás 18.00 horas, no Campo da Feira), proxección da película “Mientras dure la guerra” (28 de agosto, ás 22.00 horas, no Campo da Feira) e unha actuación de Xaracandaina (domingo, 29 de agosto, coincidindo coa feira municipal).

O mes de xullo suporá o inicio dos cursillos de natación (que se prolongarán tamén en agosto), a celebración do ciclo ‘Músicas Íntimas’ (con actuacións de Lulavai e MJ Pérez), e o arranque dos cursos de Doma Clásica (3 e 4 de xullo no Centro Ecuestre Finca Abrigosa) e de Pádel (do 5 ao 30 de xullo). O Concello organiza, ademais, unha excursión ao Aquapark de Cerceda (7 de xullo) e unha ruta de sendeirismo (3 de xullo), entre outras propostas.

Os amantes do pádel terán a súa propia cita coa organización do Torneo de Pádel x Parellas. A competición disputarase entre o 15 de xullo e o 4 de setembro, e as persoas interesadas poderán anotarse ata o 12 de xullo.

Agosto virá tamén cargado de actividade. Para este mes, o Concello prevé a organización dunha ruta de sendeirismo (14 de agosto) e de rutas a cabalo (21 de agosto). A piscina volverá converterse no epicentro da actividade cultural e a instalación converterase no escenario no que Pedro Brandariz chegará cos seus ‘Contos e outras andrómenas’ (24 de agosto). O mes de agosto incluirá a celebración do IX Torneo de Xadrez de Verán (28 de agosto). O Concello concluirá a programación estival coa II Festa da Auga (domingo, 29 de agosto, de 16.00 a 20.00 horas, na piscina municipal).

Actividades de conciliación

Ao longo de toda a época estival levaranse a cabo tamén os campamentos urbanos de verán en diferentes quendas: 1º irán os campamentos deportivos (28 de xuño ao 16 de xullo), a continuación os English sport camp (19 de xullo ao 6 de agosto) e, por último, os campamentos sobre Medio Ambiente (do 9 de agosto ao 3 de setembro). Nesta primeira quenda, a rapaza coñecerá a vida deportiva de Carral, así como as modalidades que practican os deportistas do municipio.

Protocolo covid-19

Todas as actividades celebraranse tendo en conta as medidas fixadas polos organismos sanitarios en cada momento. As persoas interesadas en recibir máis información ou en anotarse poderán chamar aos seguintes teléfonos: 981 67 25 80, 678 33 88 47 e 674 793 475 (dispoñible para o envío de WhatsApps).

Podes descargar o díptico completo nesta ligazón.

Queres aprender a facer pintura mural de arte urbana? Desde a OMIX (oficina municipal de información xuvenil) organizamos este obradoiro para que desenvolvas toda a túa creatividade artística e aprendas a facer pintura mural tanto con spray como con pintura plástica.

Para rapazas e rapaces a partir de 15 anos, desenvolverase no local Interxeracional durante o venres 25 e sábado 26, de 10:00 a 14:00 h. e de 15:00 a 20:00 h.

O curso é gratuito e as prazas son limitadas e a data para inscribirse remata o 22 de xuño. Se estás interesado/a en realizalo ou queres mais información podes chamar o 674.793.475 ou a través dun correo electrónico a omix@carral.es.

A realización de este obradoiro levarase acabo cumprindo as medidas de prevención do Covid-19.