O CEIP Vicente Otero Valcarcel acollerá os talleres prácticos de ‘Educando en rede’, enfocados a nais, pais e educadores.

Estas clases terán lugar os seguintes luns, de 18:00 a 20:00 horas:

  • O día 26 de febreiro trataranse as violencias, conflitos e acoso nas aulas.
  • O 18 de marzo será a quenda de falar sobre autoestima e límites.
  • Por último, o 15 de abril o taller impartirase arredor da comunicación e a resolución de conflitos.

As persoas interesadas pódense inscribir a través do 659 553 938 ou do ceip.vicente.otero@edu.xunta.gal.

Estas actividades están organizadas polo departamento de Servizos Sociais e o CEIP Vicente Otero.

O Concello de Carral pon en marcha, un ano máis, o ‘Premio 8 de marzo’, un galardón co que se busca dar recoñecemento e valor social ás mulleres do municipio e reivindicar o seu papel na sociedade ao longo dos anos.

Os veciños e veciñas serán os encargados de propoñer ás mulleres ou grupos de mulleres para a concesión do galardón.

Deste xeito, a votación é pública e aberta a todas as persoas a través da aplicación workchecking.com, á que a xente poderá acceder a través da páxina web municipal. O número de votos de cada proposta tamén será público, podendo facerse un seguimento nesta mesma canle.

Os usuarios e usuarias deberán indicar o nome da muller e o motivo da súa elección. O prazo de presentación e votación rematará o vindeiro 6 de marzo.

O Concello de Carral resultou beneficiario das axudas ao abeiro da ORDE do 15 de maio de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia, para o desenvolvemento do proxecto PIMA Cambio Climático para a realización de accións de mitigación e adaptación ao cambio climático.

O proxecto a levar a cabo son as actuacións de naturalización de espazos urbanos, divulgación e participación na loita contra o cambio climático do Concello de Carral. A iniciativa consiste en realizar as obras de remodelación da Rúa Manuel Jesús Méndez Búa, para crear unha zona de sombra inexistente ata o momento.

Ademais, tamén busca ampliar as zonas verdes do municipio e fomentar a realización de actividades de concienciación e divulgación ambiental, contribuíndo así á loita contra o cambio climático.

O Concello de Carral, a través do seu departamento de Cultura, convoca unha nova edición do Premio de Poesía Concello de Carral. Xa suma 27 edicións contribuíndo a fornecer o sistema literario galego, a difundir a poesía entre a poboación de Carral, a descubrir novos valores da nosa literatura ou a consolidar escritores ou escritoras que xa contan con obra publicada. Nestes 27 anos, o certame carralés consolidouse como un dos máis importantes da literatura galega actual.

Nas bases están recollidos todos os aspectos que atinxen á presentación de obras e que se resumen en:

  • Premio: 3500 € e a publicación da obra en Edicións Espiral Maior
  • Obras orixinais e inéditas en galego cun mínimo de 500 versos
  • Prazo aberto para a presentación de obras ata o 31 de marzo

O premio entregarase nun acto que terá lugar o 31 de maio, no que tamén se presentará a edición do libro gañador o ano pasado, Oídos de espeleóloga de Ciro Briones.

Para levar a cabo o certame e as actividades que se relacionan con el, o Concello de Carral conta coa colaboración da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Bases do 27 Premio de Poesía Concello de Carral

Acceso á plataforma para a presentación de obras

Vídeo conmemorativo dos 25 anos do Premio de Poesía Concello de Carral

O goberno local exporá dedicar 795.398,20 euros do Plan Único da Deputación á execución de obras en todo o termo municipal. A contía provincial usarase cun dobre obxectivo: por unha banda, servirá para poñer o foco na seguridade viaria e na accesibilidade tanto no núcleo urbano como nas parroquias e, polo outro, a achega da Deputación empregarase tamén na mellora de servizos e infraestruturas para os veciños e veciñas. A proposta elevarase no pleno extraordinario de hoxe, martes 6 de febreiro, ás 19.00 horas.


En materia de seguridade viaria exporanse varios proxectos: a mellora da capa de rodadura e formación de cunetas e beirarrúas en Quembre (entre Montecelo a Cimadevila); a mellora das cunetas en Tabeaio (na zona de Gosende); a construción de beirarrúas na rúa Río Canles; a mellora dunha vía en Balbén e, por último, os labores de humanización da rúa Souto.


No que a infraestruturas e servizos se refire, o equipo de goberno proporá a renovación da rede de iluminación con LED en Grela de Paleo, o proxecto de reforma interior do centro deportivo e a rehabilitación da pista polideportiva de Tabeaio e espazos anexos. A proposta que se elevará en pleno contempla tamén dedicar outros 65.640,82 euros a gasto corrente.


Gastos sociais
O goberno local elevará, ademais, a proposta de POS+Adicional para gastos sociais extraordinarios. Neste caso, os fondos da Deputación servirán para reforzar a área de Servizos Sociais. A contía provincial destinarase a contratar a unha nova traballadora social, a ampliar a partida municipal de emerxencia social e a sufragar os gastos da modalidade de dependencia do servizo de axuda no domicilio. Estes tres conceptos supoñen un gasto anual de 116.151 euros, dos cales a Deputación subvencionará 57.273,49 euros.

A Policía Local impartiu, en colaboración da Xefatura Provincial da Coruña da Dirección Xeneral de Tráfico, unhas xornadas sobre seguridade viaria. A acción formativa levouse a cabo como parte da campaña informativa de educación e seguridade viaria que a Policía Local realiza desde fai anos no municipio. Lonxe de ser unha acción puntual, nas próximas datas impartiranse tamén novas charlas no CEIP Vicente Otero Valcárcel.  

O obxecto fundamental desta campaña é a concienciación entre os máis mozos da prevención dos accidentes de tráfico. Para logralo, a Policía Local de Carral, organizou unha charla sobre vítimas de accidente de circulación. A ponencia, que se levou a cabo no edificio Toñito Espiñeira, estivo dirixida ao alumnado do IES de Carral e contou coa participación de Martín Varela Dourado, vítima dun accidente deste tipo. Trátase, tal e como explica a concelleira de Seguridade Cidadá, Susana Guimarey, dunhas charlas que teñen “unha enorme aceptación entre os mozos e mozas e que son esenciais para previr condutas de risco”. A edil incide en que tanto a Dirección Xeneral de Tráfico como a Policía Local cumpren unha función “crucial” na formación da rapazada e agradece “a implicación amosada polo organismo de tráfico e o corpo de seguridade, así como por Martín Varela, que lles contou o seu relato persoal aos rapaces”.

Carral volverá festexar o seu Entroido cun concurso e dun desfile de disfraces no que se repartirán máis de 2.000 euros en premios. A cita terá lugar o domingo, 11 de febreiro, no Complexo Deportivo e Cultural de Paleo. O Concello organizará, entre outras actividades, un concurso con diferentes categorías: infantil (para nenos e nenas de 0 a 11 anos), individual e por parellas (para maiores de 12 anos e, por último, en grupo (que deberá estar formado por un mínimo de cinco persoas) e carrozas (que terán que ter, como mínimo, 10 integrantes).

O Concello repartirá máis de 2.000 euros en premios entre todas as categorías. No caso dos disfraces infantís, recibirán agasallo os cinco nenos e nenas que vistan as súas mellores galas entroideiras. A maiores, o Concello outorgará outros 12 premios entre as modalidades individual, por parellas e en grupo. Os galardóns serán os que a continuación se indican:

Categorías individual e por parellas:

1º premio: 150 euros

2º premio: 100 euros

3º premio: 75 euros

4º premio: 50 euros

Categorías por grupos:

1º premio: 300 euros

2º premio: 200 euros

3º premio: 100 euros

Categorías por carrozas:

1º premio: 499 euros

2º premio: 400 euros

3º premio: 300 euros

4º premio: 200 euros

5º premio: 100 euros

As persoas participantes no concurso deberán tomar parte no desfile, que partirá, ás 17.30 horas, desde a rúa Víctor Velasco. A comitiva percorrerá as rúas Manuel Ferrol, Paraíso, avenida dos Mártires, Víctor Velasco, Belvís de Paleo e rúa Paleo e rematará o seu tour no Complexo Deportivo.

Unha vez remate o percorrido, un xurado encargarase de elixir aos reis e raíñas deste Entroido. Para tomar a decisión, o tribunal terá en conta aspectos como a orixinalidade, a simpatía, o vestiario e a maquillaxe das persoas participantes.

O prazo de inscrición estará aberto desde o día seguinte da publicación no Boletín Oficial da Provincia e ata o 9 de febreiro. As persoas que precisen máis información poderán contactar coa Casa da Cultura no teléfono 981 67 25 80 ou no correo casadacultura@carral.es.

O investimento de Servizos Sociais e promoción social de Carral de 2023 foi, practicamente, o dobre que no 2018. Así o confirmou o alcalde de Carral, Javier Gestal, por mor do pleno extraordinario convocado a solicitude do Partido Popular para referendar “a aposta deste goberno por esta área”. O PP de Carral pediu o pleno despois de que a Xunta realizase unha inspección ao departamento de Servizos Sociais. Tratouse duns labores de control que, tal e como aclarou o propio rexedor, “son rutineiras e a Xunta lévaas a cabo de xeito regular cada dous ou tres anos”. Tendo isto en conta, o primeiro edil cualificou de “vergoñosa a postura do PP, ao que se lle propuxo incluír esta cuestión no seguinte pleno ordinario, que se celebrará o día 24 de xaneiro”.

Durante a súa intervención, o rexedor incidiu no “excelente labor” que se está realizando por parte do persoal técnico da área de Servizos Sociais. Unha cualificación que o alcalde sustentou en base ás intervencións que se realizan desde o departamento ao longo do ano. Entre elas, Gestal citou as cifras do Servizo de Axuda no Fogar no 2023, cando se atendeu a 115 persoas de forma directa (62 pola modalidade de dependencia e 53 pola de libre concorrencia); as do programa Xantar na Casa, con 16 prazas cubertas; as da iniciativa de Atención á Familia, coa que se asistiu a 11 familias e as axudas de Emerxencia Social, que chegaron a 11 unidades familiares durante o ano pasado. Gestal referiuse, ademais, a outras actividades e iniciativas que se desenvolven desde Servizos Sociais, como Educando en Valores, o servizo de psicoloxía posto en marcha en 2023, o Plan de Alimentos, o Servizo de Atención Temperá (iniciado no mandato anterior), etc.

Regularización do SAF

O alcalde lembrou que, no 2019, “cando o novo equipo de goberno tomou posesión, o Servizo de Axuda no Fogar atopábase en precario e estaba sendo prestado por catro empresas distintas. Cando chegamos, a elaboración dos pregos foi unha das nosas máximas prioridades e, xa no 2021, fomos quen de quitalo a licitación tras preto de dúas décadas sen regularizar”. O rexedor indicou que o contrato coa empresa foi prorrogado de forma recente e que se está traballando xa “na elaboración dos novos pregos, unha tarefa á que lle damos a máxima prioridade”.

Ademais dos concelleiros da corporación municipal, no pleno estivo presente tamén a coordinadora do departamento de Servizos Sociais e traballadora social, Nuria Aradas Carollo, que se encargou de explicar algúns dos aspectos do informe da Xunta de Galicia. A técnico ratificou as palabras do alcalde, explicando que a inspección do organismo autonómico foi “rutineira” e incidindo, ademais, en que o Concello non recibira ningunha queixa por parte dos usuarios e usuarias do departamento a través das canles oficiais. En canto ás distintas puntualizacións formuladas no posterior informe da Xunta, a coordinadora explicou que a maioría se correspondían con cuestións “burocráticas” que xa foran emendadas de forma administrativa.

Na mesma liña, a concelleira de Servizos Sociais, Inmaculada Mantiñán, agradeceu “o esforzo e o traballo que realiza o persoal do departamento”, subliñando, así mesmo, que na actualidade “a persoal desta área está ao 100 %”. Mantiñán apuntou, ademais, que no 2023 o departamento viuse reforzado coa contratación dunha terceira traballadora social.

A edil explicou que o departamento de Servizos Sociais “é, con total probabilidade, o máis importante do Concello porque é o que atende a persoas en situación de dificultade e/ou vulnerabilidade”. Con todo, a concelleira lamentou que a celebración deste pleno “vaia custarlle aos veciños e veciñas de Carral 700 euros, cando é algo que se podía ter tratado no ordinario da vindeira semana, tal e como se lle propuxo ao PP”.

Gastos orzamentarios

O Concello subiu, practicamente, o dobre o gasto en Servizos Sociais con respecto a 2018. Así, en 2018 (co anterior goberno) a porcentaxe sobre o total do orzamento dedicado a esta área era do 10.89 %, mentres que no 2023 a porcentaxe subiu ata os 18,5 %.

Carral abrirá o vindeiro luns, 8 de xaneiro, o terceiro prazo de inscrición das súas escolas deportivas, culturais e educativas. En total, ofertaranse preto de 90 prazas entre as distintas actividades, dirixidas a veciños e veciñas de todas as idades.

A oferta inclúe as seguintes propostas: zumba, equitación, baloncesto, atletismo escolar, judo escolar, patinaxe escolar, pádel, ioga, ximnasia para a 3ª idade (en Tabeaio e Carral), baile moderno, cociña divertida, debuxo e pintura e Fun English. Así mesmo, quedan tamén prazas vacantes na Escola de Música de Carral.

As persoas interesadas deberán dirixirse á Casa da Cultura ou enviar o formulario de inscrición dispoñible na páxina web ao correo casadacultura@carral.es . Poderán facelo desde o luns, día 8 (desde as 9.00 horas) ata o xoves, 11 de xaneiro (ata as 23.59 horas).

Apertura do terceiro prazo de inscrición.

Solicitudes de inscrición.

  •  O goberno local asinou, nos últimos días, numerosos convenios cos que se apoiará a unha vintena de entidades do municipio.

O goberno local asinou, nos últimos días, numerosos convenios de colaboración con diversas asociacións e clubs do municipio. O obxectivo destes acordos é apoiar a actividade que realizan desde estas entidades, achegando, para iso, axudas por 31.050 euros.  

A cantidade servirá para apoiar o labor de preto dunha vintena de entidades. Estas axudas servirán para sufragar a organización de actividades, eventos ou festas, a participación en competicións ou compra de material e equipamento deportivo ou a realización de charlas e xornadas.

Dentro da relación de entidades beneficiarias atópanse os clubs e entidades deportivas, asociacións medioambientais, culturais e tamén comisións de festas de Carral.